As buxainas

Cando unha crianza baila
a buxaina na terra
con ela está a escribir
a súa primeirísima metáfora.
Para bailar póñenme a capa,
porque sen capa non podo bailar.
Para bailar sácanme a capa
que con ela posta non podo bailar.
Cando ma sacan bailo cunha pata
no mesmo centro dun alegre ollar.

 

Para o bailar
levántase o brazo
até a altura
da estrela polar,
dun pulo certo
a man da crianza
lanza un cometa,
peón sideral,
que baila xeitoso
no embigo do mundo,
mentres espera a
corda umbilical
que se deteña
abala que abala,
para a buxaina
volver enrolar.
Quero bailar na man dun meniño
e dunha nena na palma da man
que se non bailo polo sanmartiño
queda o camiño sen bo camiñar.
Pións e buxainas,
trompos e nosellas,
que bailen a centos
en todo lugar:
no monte e na chaira,
na praza e na escola,
na Lúa e no vento
e na tona do mar;
bailen na cidade,
na vila e na aldea
na rúas, nos barrios,
en todo lugar.
Que a Galiza enteira
sinta tantas cóchegas
que vira virando
os pións lle fan.
Quero bailar na man dun meniño
e dunha nena na palma da man
que se non bailo polo sanmartiño
queda o camiño sen bo camiñar.
Que bailen veloces
unha muiñeira,
que bailen amodo
con ritmo de vals.
que bailen engorde
con toda a paciencia
ou bailen con forza
mesmo até escachar.
Camiñen danzantes
ou viren dormentes,
que bailen na unlla
ou na palma da man;
que risquen camiños
que batan entre elas,
buxainas alegres
con ritmo e compás.
Eu quero bailar polo sanmartiño,
polo sanmartiño eu quero danzar,
enrólame a capa con xeito e con graza
e con elegancia desenrolamá.
No sanmartiño
peóns ao camiño...
quero bailarche
na palma da man...
No sanmartiño
as piolas corten
coma un asubío
ao ar ao lanzar.
Peóns, bailaretes
que alegren a terra,
crianzas sorrintes
as vexan xirar,
remuíños de vida
mouméenlle ao vento,
que escriban un verso
ferróns escribáns.
Aí vai, preparados, que o día chegou,
de rañar a terra cos nosos ferróns.
Enrolade a piola e man levantar,
que o camiño espera aos nosos peóns.
Que todas a unha as pequenas mans
lancen mil buxainas a todo fungar.
Para que o camiño dea bo andar,
polo sanmartiño, velaí, velaí van!

Texto de Antón Cortizas,
ilustracións dos alumnos e alumnas
do Colexio de Cariño