LETRAS GALEGAS 2007.
María Mariño Carou.
Semblanza da vida e obra de María Mariño.
Ao longo dos seguintes minutos, e correspondendo unha invitación do Concello, imos facer unha breve viaxe pola vida e obra de María Mariño, escritora á que lle dedicamos neste ano de 2007 o Día das Letras Galegas. Unha breve reflexión, moi en consonancia coa data de hoxe, pero sen máis petición de voto que unha aposta decidida por unha lingua que debemos empregar e que non palidece co uso senón que co mesmo adquire o brilo de lingua de ouro da que falara Pondal. Facemos a advertencia previa de que non pretendemos descender a unha análise lingüística exhaustiva: nin é este o lugar nin somos nós os indicados para guiar a ninguén polos camiños da crítica literaria, do rigor métrico ou dos recursos estilísticos empregados na súa lírica e, en xeral, na súa obra escrita. Móvenos a intención de contribuír, desde a nosa modestia, ao coñecemento dunha figura literaria e á divulgación da súa obra, como axuda inestimable para a conservación e mellora do que constitúe un dos sinais máis distintivos da Patria galega e da nosa esencia: a lingua. O que cómpre, nesta ocasión, é afondar un pouco nos aspectos humanos dunha vida singularmente difícil, e que se van proxectar na súa obra conxuntamente coa influencia que, con total seguridade, exercera sobre ela a gran Rosalía, tal e como se aprecia nos versos de Palabra no Tempo...
Son aquela.
Son aquela que no bosco
escoitaba o himno dela.
Son a chuvia, son a neve,
son o vento da xeada;
son a alba daquel vivir,
hoxe, noite daquel sentir.
María Mariño nace en Noia no ano 1.907, hai xustamente cen anos. É este centenario un dos motivos básicos que levará á Real Academia a propor, no seu plenario, a dedicatoria deste día á poeta noiesa.
Era filla de Xosé María Mariño e de Filomena Carou e a segunda de cinco irmáns (algún outro biógrafo di que a cuarta). Tivo unha infancia difícil, marcada polas carencias materiais e espirituais, xa que o tempo que puido asistir á escola foi máis ben escaso, así que logo comezou a traballar como costureira polas casas. Amigas súas vana definir como "persoa estraña e solitaria".
Trasládase a Boiro coa súa familia debido ás dificultades económicas xa reseñadas. Este traslado vaille permitir un primeiro contacto coa literatura, xa que unha tía súa traballaba como cociñeira no Pazo de Goián, no que había unha boa biblioteca.
A autora noiesa vive parte da guerra civil española en Algorta (Biscaia), onde ten unha irmá casada. Vivirá o cerco de Bilbao polas tropas franquistas e, posteriormente, e como produto das lembranzas desta traxedia, escribirá o relato inédito "Los años pobres. Memoria de guerra y posguerra". Finalizada a guerra civil volve a Boiro, onde coñece e contrae matrimonio con Roberto Posse Carballido.
Como este estaba destinado no País Basco pola súa profesión de mestre volve para Euzkadi, máis concretamente a Elantxove. Alí tiveron un fillo, que faleceu ao mes e medio de nacer. Esta morte, á que se unirá logo a da súa nai, provocaría en María Mariño unha fonda depresión nerviosa. De regreso á Galiza e tras un tempo en Arzúa, instaláronse no Courel, primeiro en Romeor e posteriormente en Parada, neste lugar por consello do médico Ramón Baltar, amigo de María e Roberto, e a causa da referida depresión. Será en Parada onde entre en contacto, alá polo 1957 ou 58, con Uxío Novoneyra, o poeta do Courel, que vai constituír un apoio fundamental para a obra de María Mariño. El será quen promova, en 1.963, a publicación de Palabra no Tempo por Edicións Celta, de Lugo, á sazón rexida polo que Uxío denomina "bondadoso libreiro-editor Francisco Esteban González. Obsérvese que esta publicación coincide co primeiro ano de celebración do Día das Letras Galegas, dedicado a Rosalía.
Uxío Novoneyra significará, como xa indicamos, un forte estímulo para que María Mariño comece a escribir e é a través del como superará o illamento en que vivía, entrando en contacto con outros escritores como Manuel María, Domingo García Sabell, Victoria Armesto, Sixto Seco, Augusto Assía ou Ramón Piñeiro
Con respecto a esta primeira publicación hai que facer constar que conta coa portada do gravador Raimundo Patiño e cun fermoso prólogo de D. Ramón Otero Pedrayo no que, entroutras palabras cheas de luminosidade, podemos ler respectando a tracsripción literal:
Enchémonos dun xeito de relixioso respeto diante da maneira grave de tratar as palabras, os leentes criados no regosto sensitivo das palabras e das ideas. Eiquí ordéanse cheas e madurecidas, froitos de fondas esperencias. Polo esprito da escritora, pola fría tona da montana, decorren as arelanzas compañeiras do esprito dende o mencer deica o adeus. Ela sabe achegarse a elas e engaiolalas. Non han de ser de moitos entendidas. Precísase un noviciado de soidade e de silencio... María Mariño pensou, cecais, se co seu exemplo e palabras poidera guiar leentes e ouvintes cara as cumes de Courel que levamos dentro, a meirande forza e xustificación diante do derradeiro silencio.
En febreiro do 1.966 María enferma de leucemia. No mes seguinte escribirá o primeiro dos 35 poemas de Verba que comeza. Un ano despois escribe o derradeiro e o 18 de maio de 1.967 finaba en Parada do Courel, onde chegara 20 anos antes. O día anterior tivera lugar a celebración do Día das Letras Galegas, dedicado a Curros Enríquez. Os seus restos van repousar no cemiterio de Seoane do Courel. Nun dos poemas de Verba que comeza, concretamente o que leva o número 10, xa se pode intuir o desenlace que se adiviña case inminente, cando fai unha mistura de fatalismo, introspección e descripción, á maneira dos poetas místicos, e escribe...
Linme hoxe toda por dentro.
Linme!
Como me está chegando!
Como me apaña!
Eu non sei,
non sei se me chega ou vou por ela.
Non o sei.
Ouh. Pra que me trouxeches se hoxe me levas?
Hoxe.
Na vida de María Mariño danse circunstancias que determinan a singularidade da súa obra: a condición de muller, a dualidade xeográfica de residencia en zonas de características tan distintas como son, sen dúbida, a luminosidade do litoral e a brétema do Courel; a emigración; a perda do seu único fillo; a depresión ...
Como di Ana Romaní, autora dunha biobibliografía de María Mariño, sen apenas relación co mundo literario, o illamento e a marxinalidade que caracterizou en moitas ocasións o labor creativo das mulleres condicionou a recepción da súa obra, chegando mesmo a suscitar dúbidas sobre a súa existencia e a autoría dos poemas. Creación singular da literatura galega, a escrita de Mariño non obedece ás normas; a súa é unha poética crebada e que tensa e racha a lingua á procura da voz que exprese ese "raro e valiosísimo escuro" que, en palabras de Xosé Luís Méndez Ferrín, constitúe a súa obra. Unha poética radicalmente intimista e unha linguaxe rupturista caracterizan a escrita de María Mariño, segundo Carme Blanco, estudosa da súa obra.
Habería que agardar 27 anos desde a publicación de Palabra no tempo para que se dese a coñecer o seu segundo libro: unha edición promovida por Novoneyra e Avilés de Taramancos (a quense lle dedicou o Día das Letras Galegas hai dous anos) e publicada polo concello de Noia. No ano 1.994 Edicións Xerais publicou a súa obra completa.
Non sería xusto rematar este breve percorrido pola vida e obra de María Mariño sen valorar e resaltar a axuda do seu principal valedor, Uxío Novoneira, o poeta do Courel. A el debémoslle a afortunada denominación da escritora como "Noiesa do Courel, dinamiteira da fala". A el debemos tamén un artigo publicado en "A Nosa Terra", en maio de 1.982, e no que podemos ver textos tan expresivos coma os que seguen:
Foi a primeira poeta mística de Galicia. Unha mística sen dogma, con todo o patetismo que dá a inminencia da propia morte, e máis cando esta é prematura.
Dinamiteira da Fala, preme, rompe, comba, bate a sintaxe convencional destrivializando a expresión, sabedora, quezais, de que a verdadeira esencia do noso idioma é a liberdade.
Quedemos con esta derradeira expresión ("a esencia do noso idioma é a liberdade") como síntese do noso propósito de sentirnos libres empregando a lingua neste día e nos restantes, pensando sempre en galego, pois é pensando como mellor se defende a lingua, xa que a fala non é senón a expresión do pensamento que proxectamos en palabras ou que calamos. Quede aquí constancia da débeda de gratitude a Novoneyra (non é aventurado pensar que a partires do 2.009 vai tamén contar co seu merecido Día das Letras Galegas) e a cantos contribuíron a que a obra de María Mariño non quedara no esquecemento. E quede constancia tamén de que, inda que de xeito humilde, desde un colexio público destas terras do Ortegal, procuramos contribuír á difusión e enaltecemento da obra desta noiesa do Courel.
Para rematar, unha chamada á reflexión de quen competa (Real Academia Galega e Xunta de Galiza). Preguntámonos se non serán xa chegados os tempos de dedicar o Día das Letras Galegas a autores que xa disfrutaron desta honra pero, por mor do tempo en que se lle dedicou, en plena longa noite de pedra, non tiveron a difusión mediática de que hoxe podemos dispor. A un vénselle sempre á memoria que tratamento se lle deu a D. Manuel Curros Enríquez nos anos sesenta e que tratamento mediático se podería dar hoxe á súa obra, sen os condicionantes de tipo relixioso e político de entón. Un non pode disimular o afecto e admiración por un dos poetas de cabeceira e, desde estas humildes liñas, lanza esta suxerencia que remata con estes versos, do poema O maio, tan apropiados para esta ocasión.
Cando eu me atopare,
de donos liberto;
e o pan non me quiten
trabucos e préstamos,
e coma os do abade
florezan meus eidos,
chegado haberá entón
o maio que eu quero.
Por María Mariño, pola lingua e polas mulleres e homes que fan posible a súa pervivencia, que tódolos maios que nos agardan sexan os que nós queremos.
Moitas grazas.
Carlos Miranda Armada
CopyLeft CEIP "Manuel Fraga I." Cariño 2007