Témo-lo pracer de render unha pequena homenaxe de agradecemento e cariño
a Fina Casalderrey Fraga non só por repetir visita ó noso colexio senón
tamén por tódolos deliciosos momentos que nos permitiu soñar e vivir mundos
co feitizo da palabra transformada en conto, narración, teatro, poesía,... 
Os
alumnos e mestres do colexio (agora chámanlle CEIP) de Bueu tentaremos facer
neste pequeno suplemento da nosa revista unha pequena descrición divulgativa do
que nos gustaría fose un estudio máis fondo e reflexivo da faceta humana e
literaria dunha das escritoras máis premiadas, con máis prestixio e recoñecemento
da literatura infantil e xuvenil galega actual. Aínda que, a prema de tempo e
espacio, obríganos a pasar, con maior ou menor acerto, pero coas mellores
intencións, unha ollada polo persoeiro e a súa obra.
Fina
naceu no lugar de Xeve (Pontevedra) nos anos onde as lembranzas das penurias da
posguerra aínda se reflectían nas vidas dos nenos. Como ela mesmo dixo “non
tiña moitos xoguetes pero como os demais tampouco os tiñan non os botaba en
falta”. A súa infancia transcorreu na parroquia de Lerez entre a escola e
xogos polos camiños e corredoiras
das marxes do río, que case sempre remataban co ter que botar unha man nas
tarefas da casa, é dicir unha nena normal que foi medrando co amor ós seus e a
súa terra e desde esa normalidade, interiorizada e instruída, forxou a persoa
culta e sensible que hoxe en día se nos mostra na súa conversa e nos trazos da
súa palabra escrita.
Foi
a escola pública a que sempre frecuentou Fina Casalderrey, primeiro en Lerez,
logo, para face-lo bacharelato na cidade de Pontevedra (naquelas datas, único
centro nos arredores) para, rematado este, estudiar Maxisterio na mesma cidade.
Desde 1976, ano en que aprobou as oposicións de mestra, estivo
impartindo docencia no centro de Ensinan
za
Primaria do concello de Moraña, ata que desde este curso achegouse un pouco máis
a nós e está de profesora no IES “Salvador Moreno” de Marín.
Seguro
que o canto silencioso do río, a visión e influenza da cidade de Pontevedra e,
sobre todo, os aires de aldea, o embruxo da Porta do Sol, os son dos cans, a
xaneira dos gatos, e mesmo o voar “con ás de anxo” de toda a avifauna que,
co seu esposo Mariano, tamén mestre, e dous fillos, observa desde a atalaia do
seu fogar preto do mosteiro de San Benito de Lerez, lle da o pulo necesario para
engaiolarnos con fermosas narracións.
Fina
está entregada o seu labor docente e, como ela mesmo confesa, a ler e escribir
o que lle fai sentenciar: “canto máis
escribo, máis gana teño de ler e canto máis leo, máis gana teño de
escribir”. Pero tamén a escola e o contacto co lector rapaz lle permite
“botar man de palabras e temas que rouba da realidade dos mesmos” polo que o
que máis “lle gustaría sería arrincar risos, medos e bágoas...“
(Subxectivamente -Fadamorgana nº2)
Mais
¿quen ten a culpa de que Fina saiba e guste de contarnos historias tan
marabillosas? A resposta dánola ela mesma lembrándose da súa infancia onde o
seu pai lle contaba, presumimos que ata os interpretaba, contos de raposos,
lobos, bruxas... que lle fixo dicir que “da súa man entrou no mundo da fantasía
e a miña imaxinación comezou a crear mundos”.
A
súa andaina polos vieiros da literatura iníciase na escola creando e dirixindo
pezas teatrais representadas polo seu alumnado.
Será
1991 o ano no que aparece o seu primeiro
libro publicado, a novela xuvenil Mutacións xenéticas. Os ladróns da
ciencia (Vía
Láctea) e
que anos máis tarde será reeditada coma Mutacións xenéticas
(Xerais, 1998) no
que os cambios son algo máis que acurta-lo título, pois hai unha apreciable
nova redacción de texto, correccións lingüísticas,.. Neste mesmo ano de 1991
e competindo con autores de renome, gaña o premio Merlín de Literatura
Infantil co conto Dúas bágoas por Máquina que
en 1992 edita E. Xerais. Fina, como se irá mostrando abrangue coa súa palabra
escrita tódalas facetas da literatura, e así vemos que tamén se achega ó
mundo da poesía e nese mesmo ano consigue un accésit no certame de poesía
Feliciano Roldán. Segue traballando e deleitándonos con títulos como A
noite dos coroides (Vía
Láctea),
Cando a Terra perdeu a memoria (Xunta
de Galicia)
e acaparando premios como o de narrativa breve da Casa de Galicia de León co
conto A rosquilleira (1993).
Entre conto e conto comeza este ano unha andaina pola investigación
culinaria
do noso pais chegando a publicar, xunto con Mariano García, libros que fan as
delicias do padal e do coñecer gastronómico como O libro da Empanada
(Xerais,
1993),
Festas
gastronómicas de Galicia
(Xerais, 1994) e
Repostería
en Galicia
(Xerais,
1997).
Esa mestura de literatura e forno de lareira resultan un agradable preparado
onde os ingredientes que o aderezan son a calidade, a imaxinación, o traballo,
a reflexión e moito de amor e lume lento, impresión que ela mesma nos
confirmou cando a puidemos ler nunha entrevista en La Voz de Galicia: “Fina
Casalderrey di que na súa casa cocíñase «á vella». Os seus libros
participan dese sabor clásico dos pratos preparados con tempo e engaiolan ó
lector cunha intriga e cun misterio propios das mellores receitas. Ela mesma é
consciente desa calidade namoradeira da cociña e da literatura: «Gústame que
unha historia me seduza coma se fose un amor»”.
Paseniñamente
vai calando nos gustos dos xoves, e dos non tan xoves, e segue a publicar títulos
Chamizo
(Xerais,1994),
¡Asústate, Merche!
(Xerais,1994),
e O misterio dos fillos de Lúa
(SM,1995), co
que obtén, 1994, o Premio O Barco de Vapor que lle dou renome a nivel do
estado. O seu bo facer con O estanque dos parrulos pobres
(Edebé,1996),
na que homenaxea á figura do avó, obtén o Premio Edebé. Pero chega o ano
1996 cando o selo da popularidade
deixará unha grande pegada na súa vida ó recibir o
Premio
Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil pola súa obra O misterio dos
fillos de Lúa. Fina é profeta na súa terra, polo que nese mesmo ano
recoñécenlle o seu labor concedéndolle o Premio Cidade de Pontevedra, pola
totalidade da súa obra.
A
súa actividade como escritora prolífica nunca lle restou tempo para a súa
profesión de mestra, máis ben todo o contrario; proba da súa dedicación témola
no seu interese pola investigación etnográfica co seu alumnado cos que acadou
diferentes premios en concursos promovidos pola Xunta de Galicia, o Museo de
Pontevedra... Así
mesmo o que ía escribindo serviunos a moitos mestres de grande axuda como
material para traballar na aula. Tamén de forma directa animounos,
facilitandonos o traballo, a facer teatro na escola para o cal publicou o ensaio
Recursos teatrais para a expresión dramática na escola,
(Xerais,
1996) na
que se fan suxestións non só para os decorados, vestiarios,... senón todo
aquilo que é necesario para a posta en
marcha do teatro escolar.
En
¡Prohibido casar, papá! (Galaxia,1996),
selección
The White Ravens no 1998,
proxecta
os conflictos persoais que a moza Elia ten en relación con que seu pai, viúvo,
volva a casar. ¿Sobrevives? (Xerais,1996),
onde o xogo de rol serve para presentar os problemas que na familia pode
causa-las drogas. ¡Puag, que noxo!
(Galaxia,1997),
onde se manifesta que desde nenos hai que ir asumindo responsabilidades. Que a
obra de Fina Casalderrey sexa traducida ó español, éuscara, catalán, etc.
non é nada raro o que si nos estrañou favorablemente e que haxa versións en
bable como ocorreu co último libro amentado.
No
1997 da a luz a
Cita nos xardins do sur, Canción de berce, Derradeira carta
ós Reis Magos e Podesvir (Sotelo
Blanco Edic.)
que é a historia dunha vila na que o sol e a natureza
máis fermosa converteuse, gracias
a unha familia cobizosa nun mundo onde a cor que predominaba era o gris da
contaminación.
Facendo
unha mínima recensión dalgún títulos máis da mesma autora teríamos por
orde cronolóxica:
Pimpín
e Dona Gata
(SM,
1998) narra
como unha gata aprende a voar ó bromista do paxaro Pimpín.
Cuca e o abrigo marrón (Xunta
de Galicia, 1998) Onde
a cadela Cuca loita pola súa supervivencia diaria. Nolo e os ladróns de
leña (SM,
Madrid, 1998)
na que fala dun amigo dos nenos, o señor Nolo. Mestura de prosa e verso. Ás
de mosca para Anxo (Anaya,
1998) mostra
de xeito maxistral como a solidariedade e amizade axudan á integración na
escola da nena Estela. Unha raíña negra (Edebé,
1998). Xarope
para a tos/Ecos de Papel
(Revista
Galega de Educación nº 31)
a autora nos conta como “gracias” a unha forte tose de pequena que lle impedía
durmir o seu pai lle contaba contos.
Querido
aviador
(Obra colectiva. Ed. O Paporroibo, 1999) breve
conto baseado na obra “O Principiño”, onde un neno viaxeiro estelar
tras o regalo dun año pasa a vida loitando porque este non coma unha flor e así
salva-lo seu planeta. Chavo de laranxa (Xunta
de Galicia, 1999)
pertencente a unha obra colectiva arredor do Camiño Francés. Fina fala ó través
dunha nena meiga da construcción da catedral e da cidade de Santiago. Bicos
de Prata (Ir
Indo, 1999)
conta a través do sono da nena Rita as peripecias da súa familia a partires da
chegada dun novo irmán. A
filla das ondas (Concello
de Pontevedra, 1999) descrición
fantástica da cidade de Pontevedra a través dunha nena que fai de cicerone do
desacougado Froiaz unha noite se San Xoán.
O
misterio do cemiterio vello
(SM.,
1999) no
que cos mesmos personaxes de O misterio doa Fillos da Lúa trata de desenvolver
novos e, se cabe, máis intrigantes enigmas.
Aquí
quixeramos resaltar o artigo “Los mejores libros de la década (1988-1999)”
da prestixiosa revista de literatura Infantil e Xuvenil, CLIJ (nº 111), que
entre os setenta títulos a nivel de todo o estado está, como non podía ser
doutro xeito, Fina Casalderrey.
Así
chegamos que a lista seguiría alongándose ata superar o espacio do que dispoñemos
polo que nomearemos Bicos de prata (2000), A máscara de palma (2000)
e un etc., rematado co último conto que nos caeu nas mans: ¿Medo, eu?
(Xunta
de Galicia, 2 de abril do 2002); semella
unha pequena historia na que se mesturan momentos e actitudes posiblemente reais
para autora (último día que non houbo clase por mor do temporal, o seu cuarto
de traballo onde no cadro de cristal están, con debuxos de cores cambiantes a
igrexa, as veigas,...) coa trama do medo e da imaxinación dos nenos, resolta
pola protagonista Lupe dun xeito tenro e xocoso. Como xa alguén dixo a
narrativa de Casalderrey distínguese pola súa agudeza na observación e
recreación do mundo dos adolescentes, polo realismo dos seus personaxes e
situacións así como polo ritmo capaz de converter calquera asunto cotián nun
relato de suspense.
Fina,
podes estar segura que pola nosa banda o que ti escribes está de acordo cos
teus desexos de que gocemos, de que sintamos medrar esa alma de neno cara a
mellor e, por suposto, non teñas medos que non nos indixestamos. Unha cousa
mais queremos agradecerche, porque sabemos que che sae do corazón, o escribi-la
túa obra en galego, e acadar altas cotas no mundo da literatura actual.
Lembramos e aplaudimos cando refutas a maldición bíblica da Torre de Babel e
manifesta que “As linguas non son unha maldición. A variedade lingüística
é coma un delicioso xardín no que se dan as máis diversas especies” (De
Babel ós Baobabs ,Opinión en Galicia Dixital).
Queremos
desexarlle a todo ese mundo de nenos, nenas, bruxas, parrulos, cans, gatos,...
que non se esquezan de medrar e ter moitos fillos, moitos netos, bisnetos,... da
man da pluma de Fina para que o alumnado do CEIP de Bueu e de todos os colexios
poidan divertirse e pensar coas súas aventuras, medos e sorrisos. Gústanos
como escribes, gústanos do que escribes, pero tamén nos gusta moito como os
contas, como os sentes, ... Non dubides que te queremos.
Gracias Fina
Organiza: Equipo de Normalización Lingüística
Colabora: Claustro de Profesores e APA
|
|