|
|
alguén
te contará o conto
Hai moitos
anos, cando o mar era mar bravo, e o vento era atrevido e coa forza dun
furacán, o pobo de Bueu era moi diferente a como é agora.
A auga do mar chegaba moito, moito máis arriba e os poucos habitantes de
Bueu vivían cerquiña das montañas, nas ladeiras de Liboreiro, no Valado
e tamén na Carrasqueira.
Como estaban así as cousas os que máis felices vivían eran os habitantes
do mar, os peixes, os caramuxos, os caranguexos e tamén o rei máis
poderoso, o máis listo, o máis astuto, o máis hábil.... Papirus o polbo.
Papirus
vivía no seu castelo feito de rochas negras, que os outros habitantes
mariños chamaban A Pedra.
Era feliz, o que máis lle gustaba era escoitar as historias antigas que
lle contaba o seu amigo o choco, e escribir pequenos contos coa a súa
amiga a lura. Mais un día as cousas comezaron a cambiar, o vento que
ata entón era amigo das augas aliouse
coa terra e empuxou as augas do mar cara abaixo, cara moi abaixo, ¡que
alboroto! ¡Que desastre! Tódolos habitantes do mar decidiron seguir ao
mar, deixar as súas casas e facer outras máis abaixo ....¿todos? non
todos non Papirus, cacholán decidiu continuar na súa casa, no seu
castelo, na súa Pedra
- ¡De aquí non me movo!- dixo furioso-, e coa mesma agochouse debaixo da
pedra mais grande do seu castelo e botouse a durmir.
Que rápido pasa
o tempo cando durmimos, Papirus durmiu, e durmiu, ata que un día...
- ¿Pero que barullo é este? dixo enfadado Papirus- ¿non se pode durmir
tranquilamente nesta miña casa?- berrou estirando os seus tentáculos.
Cando Papirus abriu os ollos non podía crer o que estaba vendo, non
estaba o seu castelo, pero no seu lugar había andeis, andeis cheos e
recheos de libros...
- Vaia- dixo Papirus- pero ... si estou nunha biblioteca, unha
biblioteca... Entón foi cando Papirus volveu a escoitar o mesmo ruído
que o espertara... eran nenos, moitos nenos e nenas... estaba nunha
escola, a súa casa era agora unha biblioteca escolar. Iso era, era, era
Marabilloso.
O primeiro que fixo Papirus foi estirar os seus tentáculos e despois
botar unha boa ollada, aquel sitio era estupendo, estaba pintado de
catro cores distintas, e había libros, moitos libros, libros con letras
grandes e moitos debuxos na parte pintada de azul, libros con letras e
debuxos na parte pintada de vermello, libros con moitas letras na parte
verde,e libros moi científicos na parte amarela. Pero o que máis lle
gustaba a Papirus era o cheiriño que había naquel sitio marabilloso, o
cheiro a aventuras, a imaxinación e a diversión.
Papìrus toleou de ledicia, e comezou a fedellar nos libros, tiña tantas,
pero tantas ganas de lelo todo, de sabelo todo que...
¡¡¡¡¿Pero que pasou aquí ?!!!!- Berraron á vez os profes ó día seguinte
ó entrar na biblioteca.
¡¡¡¡ Non o podían crer, non había un só libro colocado no seu sitio,
había libros no chan, enriba das mesas, chimpados na alfombra, semellaba
que un ciclón entrara na biblioteca e o puxera todo de patas para
arriba!!!!
Chamaron á directora que quedou coa boca aberta, chamaron á xefa de
estudios que botou as mans a cabeza, e chamaron a Ramón que non entendía
nada, só dixo:
Isto onte non estaba así.
Papirus, que escoitou o barullo,asomou a súa cachola de debaixo da
mesa,estirou un dos seus brazos e dixo...
Fun eu.
Todos miraron apampados e refregaron os ollos incrédulos.
¿E ti quen es? – Preguntáronlle os profes que aínda estaban un pouco
abraiados.
Eu vivo aquí, son o rei desta pedra, chámome Papirus- dixo o noso
polbiño poñéndose
colorado.
Papirus contoulle ós profes a súa historia, e a partir daquel día,
Papirus converteuse na mascota da nosa Biblioteca, deixámolo que lea os
libros que máis lle gustan pero primeiro tivemos que explicarlle como se
collen os libros e como se devolven ó seu sitio ordenados .( Na
biblioteca os profes este ano explicaranche como se buscan os libros e
como se colocan, isto é moi importante, porque así poderás atopar os
libros que mais che gustan ler.)
Chegou o verán e Papirus quedou só. Pasaba o tempo botando en falta os
nenos, un pouco durmía, un pouco lía, outros días ía a praia cos seus
amigos, pero un día...


Serían as catro da tarde, Papirus estaba durmindo un pouco cando un
cheiro raro o espertou, cheiraba a fume, -¡¡¡A miña Biblioteca!!!,-
pensou asustado- e levantouse dun salto e ollou a un lado e a outro,
pero non, non era a súa biblioteca.¡¡ O fume viviña de fora!!, abriu as
fiestras e o que viu deixouno abraiado, eran os montes, os montes de
Galicia os que ardían, prendeu o ordenador e buscou información... cando
viu o que estaba pasando, cando viu arder e arder, todo cheo de fume,
lume e borralla, , Papirus votouse a chorar, chorou, chorou, chorou,
Galicia xa non era verde, era negra e gris , agochouse na súa pedra e
volveu a chorar.
Cando chegou setembro os profes voltaron á escola e foron correndo á
biblioteca, tiñan moitas ganas de falar con Papirus , de preguntarlle
pola súas vacacións, de escoitar as súas aventuras, pero .... Sorpresa,
desastre, angustia... Papirus non aparecía por ningures. Chamaron á
policía, a protección civil, aos hospitais... pero nada, ninguén sabía
nada de Papirus, Papirus marchara e ninguén sabía cara onde.
¿Que lles imos decir os nenos?- preguntábanse unha e outra vez, ata que
se lles ocorreu unha idea marabillosa!!, xenial!!, superior!!!... Seguro
que Papirus votaba en falta o seu castelo, e así foi como os profes
decidiron converter a biblioteca do colexio nun Bibliocastelo,
traballaron arreo, pintando, debuxando,ata que por fin dérono rematado.
Cando todo quedou colocado, cruzaron os dedos esperando que resultase, e
resultou, Papirus voltou á biblioteca, pero xa non estaba tan
contento
coma antes, falaba pouco, estaba triste e xa non contaba historias nin
do monte nin do mar.
Chegou o Samaín e decoramos o castelo con pantasmas que non daban medo e
con lagartos que daban a risa, puxemos un esqueleto na porta, e varios
morcegos colgados, Papirus sorriu, pero non era un sorriso como o de
antes. Chegou o Nadal, Papa Noel colgouse da amea para entrar no
castelo, os nenos fixeron obradoiros e na biblioteca contáronlle un
conto precioso ós nenos e a Papirus : “Había unha vez unha vez un
bosque”, que fixo que Papirus recuperase un pouquiño a esperanza ... e
os reis Magos foron visitar a Papirus o seu Bibliocastelo.
Estamos preocupados por ti- dixéronlle os Magos a Papirus,- a ver, ¿que
agasallos nos vas pedir?- preguntáronlle.
Pois quero...- dubidou- quero que Galicia volva a ser verde, quero que o
mar sega sendo azul, que non boten verquidos nos ríos, que no mar
naden os peixes, que non haxa plástico enterrados na area, e que nos
bosques volva a haber castiñeiros,carballos, fentos e cogumelos.
Todos quedamos abraiados, pareceunos unha gran idea e prometemos axudar
a conseguilo.
A ti . .
¿ Ocórreseche como?