FINA CASALDERREY

  Témo-lo pracer de render unha pequena homenaxe de agradecemento e cariño a Fina Casalderrey Fraga non só por repetir visita ó noso colexio senón tamén por tódolos deliciosos momentos que nos permitiu soñar e vivir mundos co feitizo da palabra transformada en conto, narración, teatro, poesía,... 

Os alumnos e mestres do colexio (agora chámanlle CEIP) de Bueu tentaremos facer neste pequeno suplemento da nosa revista unha pequena descrición divulgativa do que nos gustaría fose un estudio máis fondo e reflexivo da faceta humana e literaria dunha das escritoras máis premiadas, con máis prestixio e recoñecemento da literatura infantil e xuvenil galega actual. Aínda que, a prema de tempo e espacio, obríganos a pasar, con maior ou menor acerto, pero coas mellores intencións, unha ollada polo persoeiro e a súa obra.

Fina naceu no lugar de Xeve (Pontevedra) nos anos onde as lembranzas das penurias da posguerra aínda se reflectían nas vidas dos nenos. Como ela mesmo dixo “non tiña moitos xoguetes pero como os demais tampouco os tiñan non os botaba en falta”. A súa infancia transcorreu na parroquia de Lerez entre a escola e xogos polos  camiños e corredoiras das marxes do río, que case sempre remataban co ter que botar unha man nas tarefas da casa, é dicir unha nena normal que foi medrando co amor ós seus e a súa terra e desde esa normalidade, interiorizada e instruída, forxou a persoa culta e sensible que hoxe en día se nos mostra na súa conversa e nos trazos da súa palabra escrita.  

Foi a escola pública a que sempre frecuentou Fina Casalderrey, primeiro en Lerez, logo, para face-lo bacharelato na cidade de Pontevedra (naquelas datas, único centro nos arredores) para, rematado este, estudiar Maxisterio na mesma cidade.  Desde 1976, ano en que aprobou as oposicións de mestra, estivo impartindo docencia no centro de Ensinanza Primaria do concello de Moraña, ata que desde este curso achegouse un pouco máis a nós e está de profesora no IES “Salvador Moreno” de Marín.  

Seguro que o canto silencioso do río, a visión e influenza da cidade de Pontevedra e, sobre todo, os aires de aldea, o embruxo da Porta do Sol, os son dos cans, a xaneira dos gatos, e mesmo o voar “con ás de anxo” de toda a avifauna que, co seu esposo Mariano, tamén mestre, e dous fillos, observa desde a atalaia do seu fogar preto do mosteiro de San Benito de Lerez, lle da o pulo necesario para engaiolarnos con fermosas narracións. 

Fina está entregada o seu labor docente e, como ela mesmo confesa, a ler e escribir o que lle fai sentenciar: “canto  máis escribo, máis gana teño de ler e canto máis leo, máis gana teño de escribir”. Pero tamén a escola e o contacto co lector rapaz lle permite “botar man de palabras e temas que rouba da realidade dos mesmos” polo que o que máis “lle gustaría sería arrincar risos, medos e bágoas...“  (Subxectivamente -Fadamorgana nº2)

Mais ¿quen ten a culpa de que Fina saiba e guste de contarnos historias tan marabillosas? A resposta dánola ela mesma lembrándose da súa infancia onde o seu pai lle contaba, presumimos que ata os interpretaba, contos de raposos, lobos, bruxas... que lle fixo dicir que “da súa man entrou no mundo da fantasía e a miña imaxinación comezou a crear mundos”.

A súa andaina polos vieiros da literatura iníciase na escola creando e dirixindo pezas teatrais representadas polo seu alumnado.

Será 1991 o ano no que aparece o seu  primeiro libro publicado, a novela xuvenil Mutacións xenéticas. Os ladróns da ciencia (Vía Láctea) e que anos máis tarde será reeditada coma Mutacións xenéticas (Xerais, 1998) no que os cambios son algo máis que acurta-lo título, pois hai unha apreciable nova redacción de texto, correccións lingüísticas,.. Neste mesmo ano de 1991 e competindo con autores de renome, gaña o premio Merlín de Literatura Infantil co conto Dúas bágoas por Máquina  que en 1992 edita E. Xerais. Fina, como se irá mostrando abrangue coa súa palabra escrita tódalas facetas da literatura, e así vemos que tamén se achega ó mundo da poesía e nese mesmo ano consigue un accésit no certame de poesía Feliciano Roldán. Segue traballando e deleitándonos con títulos como A noite dos coroides (Vía Láctea), Cando a Terra perdeu a memoria (Xunta de Galicia) e acaparando premios como o de narrativa breve da Casa de Galicia de León co conto A rosquilleira (1993). Entre conto e conto comeza este ano unha andaina pola investigación culinaria do noso pais chegando a publicar, xunto con Mariano García, libros que fan as delicias do padal e do coñecer gastronómico como O libro da Empanada (Xerais, 1993), Festas gastronómicas de Galicia (Xerais, 1994) e Repostería en Galicia (Xerais, 1997). Esa mestura de literatura e forno de lareira resultan un agradable preparado onde os ingredientes que o aderezan son a calidade, a imaxinación, o traballo, a reflexión e moito de amor e lume lento, impresión que ela mesma nos confirmou cando a puidemos ler nunha entrevista en La Voz de Galicia: “Fina Casalderrey di que na súa casa cocíñase «á vella». Os seus libros participan dese sabor clásico dos pratos preparados con tempo e engaiolan ó lector cunha intriga e cun misterio propios das mellores receitas. Ela mesma é consciente desa calidade namoradeira da cociña e da literatura: «Gústame que unha historia me seduza coma se fose un amor»”.

Paseniñamente vai calando nos gustos dos xoves, e dos non tan xoves, e segue a publicar títulos Chamizo (Xerais,1994), ¡Asústate, Merche! (Xerais,1994), e O misterio dos fillos de Lúa (SM,1995), co que obtén, 1994, o Premio O Barco de Vapor que lle dou renome a nivel do estado. O seu bo facer con O estanque dos parrulos pobres (Edebé,1996), na que homenaxea á figura do avó, obtén o Premio Edebé. Pero chega o ano 1996 cando o selo da  popularidade deixará unha grande pegada na súa vida ó recibir o  Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil pola súa obra O misterio dos fillos de Lúa. Fina é profeta na súa terra, polo que nese mesmo ano recoñécenlle o seu labor concedéndolle o Premio Cidade de Pontevedra, pola totalidade da súa obra.

A súa actividade como escritora prolífica nunca lle restou tempo para a súa profesión de mestra, máis ben todo o contrario; proba da súa dedicación témola no seu interese pola investigación etnográfica co seu alumnado cos que acadou diferentes premios en concursos promovidos pola Xunta de Galicia, o Museo de Pontevedra...  Así mesmo o que ía escribindo serviunos a moitos mestres de grande axuda como material para traballar na aula. Tamén de forma directa animounos, facilitandonos o traballo, a facer teatro na escola para o cal publicou o ensaio Recursos teatrais para a expresión dramática na escola, (Xerais, 1996) na que se fan suxestións non só para os decorados, vestiarios,... senón todo aquilo que é necesario para a posta  en marcha do teatro escolar.

 En ¡Prohibido casar, papá! (Galaxia,1996), selección The White Ravens no 1998,  proxecta os conflictos persoais que a moza Elia ten en relación con que seu pai, viúvo, volva a casar. ¿Sobrevives? (Xerais,1996), onde o xogo de rol serve para presentar os problemas que na familia pode causa-las drogas. ¡Puag, que noxo! (Galaxia,1997), onde se manifesta que desde nenos hai que ir asumindo responsabilidades. Que a obra de Fina Casalderrey sexa traducida ó español, éuscara, catalán, etc. non é nada raro o que si nos estrañou favorablemente e que haxa versións en bable como ocorreu co último libro amentado.

No 1997 da a luz a Cita nos xardins do sur, Canción de berce, Derradeira carta ós Reis Magos e Podesvir (Sotelo Blanco Edic.) que é a historia dunha vila na que o sol e a natureza  máis fermosa converteuse,  gracias a unha familia cobizosa nun mundo onde a cor que predominaba era o gris da contaminación.

Facendo unha mínima recensión dalgún títulos máis da mesma autora teríamos por orde cronolóxica:

Pimpín e Dona Gata (SM, 1998) narra como unha gata aprende a voar ó bromista do paxaro Pimpín.  Cuca e o abrigo marrón (Xunta de Galicia, 1998) Onde a cadela Cuca loita pola súa supervivencia diaria. Nolo e os ladróns de leña (SM, Madrid, 1998) na que fala dun amigo dos nenos, o señor Nolo. Mestura de prosa e verso. Ás de mosca para Anxo (Anaya, 1998) mostra de xeito maxistral como a solidariedade e amizade axudan á integración na escola da nena Estela. Unha raíña negra (Edebé, 1998). Xarope para a tos/Ecos de Papel (Revista Galega de Educación nº 31) a autora nos conta como “gracias” a unha forte tose de pequena que lle impedía durmir o seu pai lle contaba contos.

Querido aviador (Obra colectiva. Ed. O Paporroibo, 1999) breve  conto baseado na obra “O Principiño”, onde un neno viaxeiro estelar tras o regalo dun año pasa a vida loitando porque este non coma unha flor e así salva-lo seu planeta. Chavo de laranxa (Xunta de Galicia, 1999) pertencente a unha obra colectiva arredor do Camiño Francés. Fina fala ó través dunha nena meiga da construcción da catedral e da cidade de Santiago. Bicos de Prata (Ir Indo, 1999) conta a través do sono da nena Rita as peripecias da súa familia a partires da chegada dun novo irmán.  A filla das ondas (Concello de Pontevedra, 1999) descrición fantástica da cidade de Pontevedra a través dunha nena que fai de cicerone do desacougado Froiaz unha noite se San Xoán.

O misterio do cemiterio vello (SM., 1999) no que cos mesmos personaxes de O misterio doa Fillos da Lúa trata de desenvolver novos e, se cabe, máis intrigantes enigmas.

Aquí quixeramos resaltar o artigo “Los mejores libros de la década (1988-1999)” da prestixiosa revista de literatura Infantil e Xuvenil, CLIJ (nº 111), que entre os setenta títulos a nivel de todo o estado está, como non podía ser doutro xeito, Fina Casalderrey. 

Así chegamos que a lista seguiría alongándose ata superar o espacio do que dispoñemos polo que nomearemos Bicos de prata (2000),  A máscara de palma (2000) e un etc., rematado co último conto que nos caeu nas mans: ¿Medo, eu? (Xunta de Galicia, 2 de abril do 2002); semella unha pequena historia na que se mesturan momentos e actitudes posiblemente reais para autora (último día que non houbo clase por mor do temporal, o seu cuarto de traballo onde no cadro de cristal están, con debuxos de cores cambiantes a igrexa, as veigas,...) coa trama do medo e da imaxinación dos nenos, resolta pola protagonista Lupe dun xeito tenro e xocoso. Como xa alguén dixo a narrativa de Casalderrey distínguese pola súa agudeza na observación e recreación do mundo dos adolescentes, polo realismo dos seus personaxes e situacións así como polo ritmo capaz de converter calquera asunto cotián nun relato de suspense.

Fina, podes estar segura que pola nosa banda o que ti escribes está de acordo cos teus desexos de que gocemos, de que sintamos medrar esa alma de neno cara a mellor e, por suposto, non teñas medos que non nos indixestamos. Unha cousa mais queremos agradecerche, porque sabemos que che sae do corazón, o escribi-la túa obra en galego, e acadar altas cotas no mundo da literatura actual. Lembramos e aplaudimos cando refutas a maldición bíblica da Torre de Babel e manifesta que “As linguas non son unha maldición. A variedade lingüística é coma un delicioso xardín no que se dan as máis diversas especies” (De Babel ós Baobabs ,Opinión en Galicia Dixital).

Queremos desexarlle a todo ese mundo de nenos, nenas, bruxas, parrulos, cans, gatos,... que non se esquezan de medrar e ter moitos fillos, moitos netos, bisnetos,... da man da pluma de Fina para que o alumnado do CEIP de Bueu e de todos os colexios poidan divertirse e pensar coas súas aventuras, medos e sorrisos. Gústanos como escribes, gústanos do que escribes, pero tamén nos gusta moito como os contas, como  os sentes, ... Non dubides que te queremos.

Gracias Fina

 

Organiza: Equipo de Normalización Lingüística

Colabora: Claustro de Profesores e APA

Ir á Páxina de Inicio