Por: Alumnos de 6º de Primaria. Curso 98/99

Colexio “ As Bizocas ” de o Grove.

Alumnos: Leticia, Vannessa. Luis, Laura, Isabel, Rubén, Luisa, Santigao, Verónica, Sergio, Iria, Tomás. Profesora: Lidia Pérez Otero.

 
OS MUÍÑOS DE REGATO

 

                Na arquitectura popular galega, O MUÍÑO, ten un papel significativo: na economía tradicional “ o gran ” foi un elemento fundamental, polo tanto O MUÍÑO tivo unha gran importancia.

             É unha construcción na que as relacións de tipo sociais foron moi importantes, pero a finalidade máis xeneralizada era a de moe-lo gran para obte-la fariña.

             Existen MUÍÑOS de diferentes características e finalidades; aquí falaremos dos MUIÑOS hidráulicos, chamados tamén de auga ou regato, dos que había e hai gran cantidade na nosa parroquia de San Vicente, algúns deles desaparecidos xa, doutros quedan restos, e os máis, están en ruínas e cheos de silvas, toxos, etc. Os que mellor se conservan son: “ O MUIÑO de García” de D. Juan García A. e “ Serra Muíño ” na praia de Area Grande. Ó parecer este MUIÑO foi construído aló polo ano 1920 sobre outro que databa do S. XVI; o seu dono era o Sr. Bernardo da Granxa, pero hoxe pertence a D. Juan Vidal Vidal.

             Ó parecer “OS MUIÑOS DE REGATO” son os máis antigos en Galicia e o seu número moi elevado. Hai regatos nos que nun espacio reducido sitúanse un grande número de MUIÑOS, uns seguidos doutros. Tal sucede no “Regato da Cova da Loba” ( considerada coma a liña divisoria entre as parroquias de San Vicente e San Martiño ), no que as augas discorren  cara a Moreiras ( Esteiro de Moreiras) na Ría de Arousa. Nel atópanse dez ou doce MUIÑOS, tal e como sinalamos no mapa; ou “MUIÑOS DE ESTOÑO” dos que quedan restos e as súas augas van morrer “ A Lavajeira ” ou “ O Estanque ” tamén en Moreiras.

             O sistema de funcionamento dos MUIÑOS é moi semellante, tal como se ve no esquema. O MUIÑO sitúase na beira do regato ou río; neste retense a auga nunha presa feita no mesmo curso do río; da presa lévase ó MUIÑO por unha canle. Tamén se pode canaliza-la auga directamente do río. Xeralmente a auga ó chegar ó MUIÑO queda a máis altura ca este, xa que ten que baixar con forza para poñer en movemento o mecanismo do mesmo.

             Os MUIÑOS que fomos descubrindo en San Vicente, non son todos do mesmo tamaño, e varían no número de “moas”; esto fainos supoñer que os máis grandes pertencían a familias que colleitaban moito gran.

 

Cando secaban os regatos ( no verán ), as xentes da Parroquia ían moer ó “ MUIÑO DA CHANCA ” ( que funcionaba todo o ano, en Dena, e que en tempos foi dun veciño de San Vicente que logo vendeuno) e para trasladarse ata alí ían andando ou en burro, ou ben á Pobra do Caramiñal ( no outro lado da ría). Viñan nun bote a recolle-lo froito unha vez á semana; o gran ía nuns foles de carneiro para que non se mollara o gran ( os foles eran sacos feitos coa pel do carneiro curada e o sitio das patas era para agarra-lo saco cando se levaba na cabeza). Á semana seguinte traían  a fariña e voltaban a leva-lo gran e así sucesivamente.

             O bote atracaba na praia de Area Grande para recolle-lo froito que levaba a xente de San Vicente; para os de Balea xunto A Lagoa preto de Piñeirón e para os de Reboredo na praia das Pipas.

             Os MUIÑOS levan o nome do lugar onde están situados como : “MUIÑO de Arroquido”, “MUIÑO de Rio Seco”, “MUIÑO da Roza Vella”, “ Serra MUIÑO”, ou tamén o nome do dono como : “ O MUIÑO de Sr. Juanito o de Naret” ( coñecido como < O MUIÑO dos Naretes>), “ O MUIÑO de Sr. Juan Vidal Vidal”, “ O MUIÑO  de García”, etc.

             Ó parecer os MUIÑOS de San Vicente non eran comunais senón dun só dono ou de herdeiros. Moían o gran para a casa ou para outras persoas que o desexasen; estas pagaban por moer, ou ben en diñeiro ( poucas veces, pois non había cartos) ou polo sistema de “Maquía” ( o máis empregado) que consistía en quitar unha, dúas ou tres cuncas de froito, segundo a cantidade que levasen a moer.

             No MUIÑO xuntábanse os veciños e quedaban de leria e ata de troula. O que non sabemos é se aquí, en San Vicente, se facían as famosas “Muiñadas” que consistían en xuntarse mozos e mozas, polas noites, no MUIÑO para cantar, bailar, falar, . . . ; supoñemos que si, inda que ás persoas ás que preguntamos non se manifestaron sobre o tema.

             Da importancia que tivo o MUIÑO na vida cotiá, da mostras a cantidade de cantigas que xurdiron e que lembran as persoas maiores:

 

             Unha noite no muíño                                                                            Meu meniño, durme, durme,

             unha noite non é nada                                                                          teño que ir ó muíño,

             unha semaniña enteira                                                                          teño que ir pola fariña

             esa si que é muiñada.                                                                            para face-lo panciño.

             O muíño de meu pai                                                                              Fun esta noite ó muíño

             eu ben lle sei o tempero:                                                                       non moín nin muiñei;

             cando está alto, baixalo,                                                                       perdín a trenza do pelo     

             cando está baixo, erguelo.                                                                   iso foi o que ganei.

 

             Toda a información que recollimos os nenos e nenas de 6º, esperamos que sirva para “concienciar” ás persoa que corresponda, para que tódolos MUIÑOS de Regato de San Vicente – que son moitos – ( non temos información sobre todos) sexan arranxados e conservados non só para facer turismo rural ( que pode ser o caso) senón tamén para que sirvan de testemuña de cómo foi a vida dos nosos antergos, bisavós, avós, . . .“ SON PARTE DA NOSA HISTORIA ”.

Artigo pertencente a pagina.de/bizocas