USOS DAS ÁRBORES GALEGAS

Aquí  tes algunhas das árbores galegas e os seus usos. Pero aínda quedan moitas máis árbores para que coñezas, busca nos libros, pregunta ós teus avós, ós teus pais. As árbores producen osíxeno que necesitamos para respirar, suxeitan a terra e serven de refuxio a moitos animais. Por iso debemos coidalas e plantar polo menos unha árbore cada ano.

AMIEIRO
 A madeira desta árbore que medra sempre preto dos ríos, resisten moi ben a humidade, polo que se empregou para o piso e algunhas partes dos muíños e para facer pontes. A cortiza usábase para aliviar as enfermidades da boca e da gorxa. Ademais as súas follas servían para curar os pes doloridos e o reuma

BIDUEIRO
 Esta árbore tamén necesita de solos húmidos. A  súa cortiza empregábase  para a elaboración de pergamiños, antorchas e para a cubrición de tellados. Pero o uso máis coñecido desta árbore é a que  se lle da a súa madeira: serve para facer zocos.

CARBALLO
 É unha das árbores galegas máis coñecidas. A cortiza desta árbore usábana para curtir as peles. Os seus froitos servían de alimento ó gando.

CASTIÑEIRO
A súa madeira é moi boa para a fabricación de mobles, os seus froitos ...para facer un bo magosto.

FREIXO
A madeira desta árbore é  de boa calidade e se empregaba para facer carros e aparellos de labranza. As cinzas dos freixos xóvenes úsanse para limpar os dentes.

SABUGUEIRO
As flores deste arbusto, en infusión, serven para curar os catarros. As súas polas espichadas ó redor dunha horta impiden que entren as toupas. Ademais cos seus froitos poderemos facer unha marmelada moi saborosa. E coas súas polas, que son ocas, podemos facer frautiñas.

SALGUEIRO
Tamén medra preto dos ríos e zonas húmidas. A súa cortiza contén a salicina, unha substancia da que se pode preparar o ácido acetil salicílico: aspirina.