Unha procura do tesouro

por Xoaquín Freixeiro

Ceip Condesa de Fenosa do Barco de Valdeorras (Ourense)

O libro non deixa de ser algo realmente común para nós, incluso para aqueles que non len.

Atopámolo nas casas, nos colexios, nas bibliotecas, nas estacións de servizo, nos quioscos. A parte de novelas, enciclopedias, poemarios ou obras dramáticas tamén o listín telefónico é un libro, ou os catálogos das casas comerciais e as guías do ocio son libros... 

En fin, o certo é que estamos rodeados de libros que nos traen mil informacións, que nos axudan a durmir, que nos transmiten emocións, que nos informan dos avances das ciencias...

Pero, realmente sabemos algo da historia do libro? Foron sempre tan comúns os libros? A quen debemos a súa popularización?

Imos tentar descubrir xuntos a longa historia da escrita deica chegar ao libro moderno. Para iso terás que contestar, usando os vencellos da columna da dereita, ás seguintes preguntas:



Despois de recoller todos os datos que respostan ás preguntas terás que redactar, coas túas palabras, unha pequena historia do libro, dende as súas orixes ata o libro moderno (ao redor do ano 1500).

Poderás seguir o seguinte esquema:

Historia do libro

1.- A invención da escritura

        Os sumerios, os exipcios, os fenicios.

2.- Os soportes materiais da escritura.monxes no scriptorium copiando códices

        Barro, papiro, pergameo, papel...

3.- A elaboración dos libros:

        Os rollos de papiro, os códices de pergameo, a imprenta.



Por último elabora unha liña do tempo  e sitúa nela os seguintes feitos:

O nacemento de Gutenberg
A invención do papel
A expansión do papel polo mundo
Escritura cuneiforme en Sumer
Invención do alfabeto polos fenicios

Valoraremos do teu traballo o contestar a todas as preguntas, presentar o traballo con limpeza e orde, a redacción do traballo (que sexa persoal e non copiada), a orixinalidade á hora de presentar a liña do tempo.



Anotación para o profesorado:
Guía para a realización dos traballos documentais

Cando falamos da promoción da lectura, adoitamos esquecer, tal e como reflexiona Víctor Moreno en Fadamorgana, que o obxectivo de ensino e a aprendizaxe da lingua é a competencia lingüística, da que forman parte, entre outras, as de falar e escribir, dous aspectos nos que moitas veces non se repara, e que conforman, a dicir de moitos, a gran eiva do sistema educativo.
A elaboración de traballos de investigación documental apórtanos unha moi boa oportunidade de traballar moitas competencias lingüísticas e, ao tempo, de capacitar ao noso alumnado como usuarios conscientes dos servizos da Biblioteca escolar preparándoos para o reto de aprender a aprender.
A procura, selección e uso da información require o desenvolvemento de múltiples habilidades, como son formular e analizar as necesidades, identificar e ponderar posibilidades, ubicar cada un dos materiais, examinar, seleccionar e refugar recursos, rexistrar e extraer a información, interpretar, analizar, sintetizar e avaliar a información que imos usar, organizala e presentala, e, por último, avaliar o traballo. (Marland, M.).
Á vista da importancia do desenvolvemento de todas estas habilidades, a potenciación dos exercicios de procura documental, alomenos no terceiro ciclo de primaria, resulta completamente necesaria.
Estes proxectos documentais son unha moi boa ferramenta para construír o coñecemento acordes cos retos da sociedade da información, xa que os alumnos e alumnas ao tempo que investigan sobre un aspecto concreto, familiarízanse cos mecanismos básicos de procura de información.
Para unha correcta dinámica na elaboración destes traballos cómpre seguir unha serie de pasos por parte de todos os que interveñen no proceso, dende o mestre que propón a actividade, ao alumno/a que a elabora e aos compañeiros e compañeiras da mesma aula que son os receptores finais da tarefa elaborada.
Para elo comezamos facendo borradores que se irán revisando e ampliando progresivamente ata conseguir o traballo desexado no que tódalas partes estean claramente presentes. Partir de borradores permítenos revisar, completar, autoavaliar o proceso e aportar todo tipo de información necesaria ata acadar o obxectivo proposto.

1.- Definir o obxectivo da procura.
O profesorado á hora de propor un traballo desta natureza deberá delimitar con claridade o campo de traballo, sinalando concretamente o que quere que sexa investigado. “A primavera” pode ser un bo título para unha redacción pero non para un traballo documental, onde a amplitude de aspectos que se poderían tratar non farían máis quedificultar a realización da tarefa.
Así mesmo, o profesorado deberá aportar unha bibliografía básica para a súa elaboración, así como páxinas web que puidesen servir para a achega de datos.
Sería, por último, desexable aportar un esquema que o alumnado deberá seguir na elaboración do traballo, e deixar claro sempre como se espera que se expoñan os resultados da investigación.
2.- Procura dos documentos.
O alumnado deberá coñecer as fontes de información dispoñibles, os documentos que mellor lle poidan aportar informacións relevantes, e ilos procurar nos andeis, no catálogo da biblioteca  ou na rede.
3.- Seleccionar os documentos.
Elixir os documentos máis axeitados dependendo do tema que se trate, tomando notas de todos os documentos escollidos. É importante que poidamos consultar varias fontes e contrastar así os datos recollidos nunha ou noutra publicación.
4.-Obter a información.
Para a obtención da información haberá que ler os documentos, seleccionar a información e tomar notas para a posterior elaboración. Non nos valerán fotocopias de documentos ou a táctica de copiar e pegar habitual nas procuras na rede. A toma de notas resulta fundamental no que supón de selección dos contidos relevantes de cada documento e unha das habilidades, das que xa fixemos referencia, que pretendemos potenciar no noso alumnado.
5.-Sintetizar a información.
Neste paso as informacións recollidas no apartado anterior terán que ser
resumidas e organizadas según un esquema lóxico.
6.-Presentar a información.
Unha vez recollidas as informacións necesarias, seleccionadas e organizadas dun xeito lóxico, haberá que preparar a comunicación dos resultados ao grupo da clase, ao resto do colexio ou á comunidade escolar, dependendo das características do propio traballo. Según o que pretendamos en cada caso, teremos que escoller entre distintos tipos de presentacións (montaxe de diapositivas, exposición oral, paneis informativos...).
No caso de que elixisemos a realización dun traballo escrito, este deberá ter en conta determinadas compoñentes necesarias para unha presentación
axeitada. Así é necesario, por exemplo, que se presente cunha portada na que se indique o autor, título e data. Tamén deberá conter un índice ou sumario no que se vexa claramente a súa estrutura e os aspectos abordados no desenvolvemento do traballo. Por último deberá constar expresamente a bibliografía empregada e as fontes documentais consultadas.
7.-Avaliar o traballo.
O remate final de todo proceso educativo é o da avaliación do mesmo, xa que é o que determina a validez de todo o proceso educativo. No caso das procuras documentais a avaliación non se ha restrinxir a valorar só o producto final, senón que deberá valorar o desenvolvemento das distintas fases ás que fixemos referencia, logo avaliaremos os diferentes momentos do proceso.


Créditos:
O noso recoñecemento a tódolos propietarios das páxinas enlazadas nesta procura do tesouro.
Esta actividade está realizada para fins educativos. Se houbese lugar a infrinxir algún copyrigth, fagan o favor de nolo comunicar e será retirado inmediatamente.
Contacto eiquí