Diario Oficial de Galicia
venres, 2 de marzo de 2007
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
44
Páxina do Dog:
3.158
Data da Disposición:
23 de febreiro de 2007
Sección:
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:
CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango:
Orde
Título:
Orde do 23 de febreiro de 2007 pola que se establecen as bases
que rexen as axudas ao alumnado de niveis non universitarios para a adquisición
dun ordenador persoal durante o ano 2007 e se procede á
convocatoria.
Orde do 23 de febreiro de 2007 pola que
se establecen as bases que rexen as axudas ao alumnado de niveis non
universitarios para a adquisición dun ordenador persoal durante o ano 2007 e se
procede á convocatoria.
O Estatuto de autonomía de Galicia, no artigo
31, establece a competencia plena para o regulamento e administración do ensino
en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito
das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e
nas leis orgánicas que o desenvolven.
A Consellería de Educación e Ordenación
Universitaria, como órgano da Administración autonómica responsable do exercicio
das competencias e funcións en materia de políticas educativas, debe potenciar
as novas tecnoloxías da información e comunicación co obxectivo de contribuír á
creación de mellores condicións para o desenvolvemento económico, social e
cultural, e á mellora da calidade de vida dos cidadáns.
Para facilitar o uso das
novas tecnoloxías a aqueles colectivos que teñan menor posibilidade de acceso a
elas a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fixo públicas durante
o ano 2006 dúas convocatorias que tiveron como finalidade proporcionarlles
axudas aos alumnos de niveis non universitarios para a adquisición de
equipamentos informáticos co obxecto de incrementar o número de fogares na
comunidade autónoma que dispoñen de equipamento informático
adecuado.
Tendo en conta o volume da actividade administrativa que deriva das
competencias que ten atribuídas a Consellería de Educación e Ordenación
Universitaria na tramitación destas axudas e coa finalidade de acadar unha maior
axilización no trámite e resolución delas, aconsellan delegar no titular da
Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais determinadas
competencias legalmente atribuídas á conselleira, todo iso en beneficio tanto da
Administración como dos administrados.
Esta nova convocatoria axústase ao disposto no
artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o
texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e ao
Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve e, en concreto, no
relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na
concesión das axudas e subvencións, así como ás normas básicas da Lei 38/2003,
do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Por todo isto,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta
disposición ten por obxecto establecer as bases para regular a concesión de
10.000 axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ao alumnado de niveis non
universitarios que adquiran un ordenador persoal no ano 2007.
Artigo
2º.-Orzamento.
A Consellería de
Educación e Ordenación Universitaria financiará as anteditas axudas con cargo á
partida orzamentaria 09.03.423B.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade
Autónoma de Galicia para o ano 2007, cun total orzamentario de 3.000.000
A.
Artigo
3º.-Destinatarios.
Poderán solicitar
as axudas os pais, nais ou titores legais do alumnado que reúna os seguintes
requisitos:
a) Estar matriculado/a no ano escolar 2006-2007 nun centro educativo
sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia en calquera dos
cursos de educación primaria e secundaria obrigatoria, ou equivalentes no caso
do alumnado con necesidades educativas específicas.
b) Adquirir ou ter
adquirido un ordenador persoal de primeira man, de sobremesa ou portátil, no
período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 20 de setembro de 2007. O ordenador
persoal de sobremesa estará composto, como mínimo, pola CPU, un teclado, un rato
e unha pantalla.
c) Ser o único membro da unidade familiar para o que se solicita a
axuda.
d) Non ter recibido esta axuda
a unidade familiar en anteriores convocatorias.
Artigo 4º.-Solicitudes e
documentación.
1. Os que desexen
optar á axuda deberán completar, on-line, a solicitude e anexos que como
formulario electrónico se atoparán na páxina web: http://www.edu.xunta.es/axudasord
ou ben presentar os anexos desta orde debidamente cubertos. Posteriormente, e
sempre antes de que remate o prazo establecido no punto 2 deste artigo,
presentarán esa mesma solicitude impresa e anexos, debidamente asinados, no
rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio
administrativo San Caetano, s/n, código postal 15781, en Santiago de
Compostela), ou ben por calquera dos medios previstos para a presentación de
instancias no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada
pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Se a solicitude se remite por correo,
presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de
correos antes de proceder á súa certificación.
De acordo co establecido
no artigo 71 da citada Lei 30/1992, do 26 de novembro, naquelas solicitudes que
non se acheguen os requisitos sinalados, requirirase o interesado para que nun
prazo de dez días hábiles emende as faltas ou presente os documentos
preceptivos; de non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e
arquivarase o expediente, nos termos previstos no precitado artigo.
2. O prazo de
presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da
publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
3. Para os efectos do
disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que
se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do
29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o
ano 2006, os solicitantes deberán consentir expresamente á Administración
concedente a incluír e facer públicos, nos rexistros regulados no citado
decreto, os datos relevantes referidos ás axudas recibidas.
A reserva que o
peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a
publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que expresar, poderá
dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou
subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede,
ao reintegro do importe concedido.
4. Ás solicitudes achegarase a seguinte
documentación:
a) Copia do DNI do
solicitante (pai, nai u titor legal) ou, se é o caso, do NIE (número de
identidade de estranxeiro).
b) Fotocopia compulsada do libro de familia no
que figuren todos os membros da unidade familiar (pai, nai, fillos menores de
dezaoito anos e fillos de dezaoito ou máis anos con algunha
minusvalía).
No caso de non ter libro de familia terá que presentarse un documento ou
documentos que acrediten os membros da unidade familiar. No suposto de non
convivencia de ambos os proxenitores deberase acreditar que o solicitante
convive cos fillos (certificado de convivencia do concello).
c) Autorización do
solicitante e doutros membros da familia cuxos ingresos son computables para
coñecer os ingresos totais da unidade familiar, coa finalidade de poder recadar
datos de carácter tributario ou económicos que lle fosen legalmente pertinentes
á Axencia Estatal de Administración Tributaria relativos ao nivel de renda
(IRPF). A autorización cubrirase segundo o modelo que figura no anexo III. Na
medida en que, a través deste sistema a Consellería de Educación e Ordenación
Universitaria poida dispoñer destas informacións, non se lles exixirá aos
interesados a achega individual de certificacións expedidas pola Axencia Estatal
de Administración Tributaria, nin a presentación, en orixinal, copia ou
certificación, das súas declaracións tributarias.
d) Declaración
responsable do solicitante de percibir ou non outro tipo de bolsa ou axuda das
administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades
públicas, para a adquisición de ordenadores, segundo o modelo do anexo
II.
e)
Fotocopia compulsada do certificado de minusvalidez no caso de que algún membro
da unidade familiar teña esa condición. Na referida certificación deberá constar
o grao de minusvalidez, que terá que ser do 33% ou superior.
f) Documento orixinal,
facilitado pola entidade bancaria, acreditativo da existencia dunha conta
bancaria aberta a nome do solicitante (pai, nai ou titor legal), en que conste o
código da conta do cliente comprensivo dos códigos que identifican o banco ou
caixa, a oficina, o díxito de control e o número de conta.
Os que presentasen na
convocatoria anterior os documentos correspondentes ás alíneas a), b), e) e f) e
non resultasen beneficiarios da axuda estarán exentos de presentalos sempre que
o fagan constar por escrito no momento de realizar a solicitude.
Artigo 5º.-Criterio de
valoración.
1. O criterio de
valoración que se terá en conta para conceder estas axudas será o do nivel de
ingresos da unidade familiar.
2. Os ingresos determinantes do dereito á axuda
virán referidos aos ingresos familiares, que se fixarán en función da contía, en
número de veces o salario mínimo interprofesional, corrixida segundo se
establece no punto 4 deste artigo, da parte xeral e especial da base impoñible
reguladas nos artigos 38 e 39, respectivamente, do Real decreto lexislativo
3/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de imposto
sobre a renda das persoas físicas, correspondente á declaración (ou
declaracións) presentada por cada un dos membros da unidade familiar relativa ao
período impositivo inmediatamente anterior (con prazo de presentación vencido) á
solicitude de axuda. Para tal efecto, atenderase ao importe comprobado pola
Administración tributaria. Se o representante legal ou os
membros
da unidade familiar do solicitante non presentasen declaración, por non
estaren obrigados a iso, a acreditación dos seus ingresos familiares efectuarase
mediante a información de carácter tributaria ou económica facilitada pola
Administración tributaria, relativa ás mencionadas parte xeral e especial da
base reguladas nos artigos 38 e 39, respectivamente, do Real decreto lexislativo
3/2004, do 5 de marzo.
3. Para efectos desta orde, enténdese por
ingresos familiares os referidos á unidade familiar tal e como resulta definida
polas normas reguladoras do imposto sobre a renda das persoas físicas. As
referencias á unidade familiar para efectos de ingresos fanse extensivas ás
persoas que non estean integradas en ningunha unidade familiar.
4. Aos ingresos
familiares aplicaráselles un coeficiente multiplicativo corrector, en función do
número de membros da unidade familiar:
|
Número de membros da
unidade familiar
| Coeficiente
corrector
|
|
| 1 ou 2
| 1,00 |
| 3
| 0,97 |
| 4
| 0,93 |
| 5
| 0,88 |
| 6 ou máis
| 0,83
|
|
No caso de que algún membro da unidade familiar estea afectado con
minusvalidez, nas condicións establecidas na normativa do imposto sobre a renda
das persoas físicas, o coeficiente corrector aplicable será o do tramo seguinte
ao que lle correspondese sen esta consideración.
5. Todas estas
circunstancias valoraranse unicamente no caso de que da documentación que figura
no expediente se poida deducir claramente o seu contido, en virtude de
certificacións orixinais ou copias compulsadas delas. En caso contrario, non se
terán en conta para a adxudicación da contía destas axudas.
Artigo 6º.-Importe das
axudas.
1. O importe de cada unha das
axudas destinarase a sufragar parte dos gastos derivados da adquisición dun
ordenador persoal.
2. Estas axudas son compatibles co aproveitamento de calquera outro tipo
de axudas de institucións públicas ou privadas destinadas á adquisición de
ordenadores, sen prexuízo do establecido na alínea d) do artigo
terceiro.
3.
O importe da axuda será de 300 A. En ningún caso o importe da axuda será tal
que, illada ou en concorrencia con outras axudas ou subvencións doutras
administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais,
supere o custo total do ordenador.
Artigo 7º.-Comisión de avaliación.
A selección dos beneficiarios será realizada por
unha comisión de avaliación integrada por:
-O subdirector xeral de Ensinanzas Especiais e
Formación Permanente, que actuará de presidente.
-O xefe do Servizo de
Ensinanzas de Réxime Especial.
-O
xefe do Servizo de Xestión Económica e Educación de Adultos.
-Un representante da Subdirección Xeral de
Sistemas Informáticos.
Actuará como
secretario un funcionario da Dirección Xeral de Formación Profesional e
Ensinanzas Especiais.
A comisión poderá dispoñer a constitución dunha
subcomisión técnica só para os efectos de colaborar na valoración dos documentos
achegados segundo o previsto no punto 4 do artigo cuarto. Os membros da comisión
poderán percibir axudas de custo por asistencias e axudas para gastos de
locomoción por concorrer ás sesións conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño
(DOG do 25 de xuño).
Artigo 8º.-Tramitación e resolución.
1. Unha vez valoradas as solicitudes conforme aos criterios fixados no
artigo 5º desta orde, a comisión de avaliación publicará unha listaxe
provisional de todos os solicitantes coa indicación de se se lles concede a
axuda, se están na lista de espera ou se a solicitude está descartada coa
indicación de cal é o motivo. Esta listaxe publicarase no mesmo día na páxina
web: http://www.edu.xunta.es/axudasord,
no taboleiro de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,
na Consellería de Presidencia (Oficina de Atención ao Cidadán), e nas
delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Abrirase un prazo de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da
súa publicación para a presentación de reclamación por parte dos
solicitantes.
2. Rematado o prazo, a comisión de avaliación resolveraas e elevará un
informe-proposta de adxudicatarios e unha lista de reserva ao director xeral de
Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, que resolverá por delegación da
conselleira de Educación e Ordenación Universitaria.
3. A resolución da
solicitude de subvención será publicada no mesmo día na páxina web: http://www.edu.xunta.es/axudasord,
no taboleiro de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,
na Consellería de Presidencia (Oficina de Atención ao Cidadán), e nas
delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,
no prazo máximo de seis meses, contados desde o día seguinte ao da publicación
desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen que se dite
resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.
Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse o
recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que resolveu, no prazo dun
mes, na forma e condicións que determina a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de
réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común, ou ser impugnadas directamente perante a xurisdición
contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día
seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei
29/1998,
do
13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 9º.-Pagamento.
Unha vez concedida a subvención e notificada a
resolución, e logo da previa presentación do xustificante de ter adquirido o
ordenador persoal e da declaración a que se refire o punto 3 do artigo 10º desta
orde, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais
efectuará a correspondente proposta de pagamento.
Artigo 10º.-Xustificación
da axuda.
1. O período para
xustificar estas axudas abranguerá ata o 5 de outubro de 2007,
inclusive.
2.
Os beneficiarios deberán xustificar a adquisición do ordenador persoal a través
de factura orixinal ou fotocopia compulsada dela, que deberá estar a nome do
solicitante ou do beneficiario. Na factura deberán figurar con detalle as
características do ordenador adquirido.
3. Presentar, no momento da xustificación da
axuda concedida e, en calquera caso, antes do pagamento, unha declaración
complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a adquisición de
ordenadores, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución,
das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes
ou sociedades; segundo o modelo do anexo II.
Artigo 11º.-Obrigas do beneficiario.
1. Xustificar os gastos da adquisición do
ordenador persoal tal e como se establece no artigo 10º desta orde.
2. Comprometerse a manter
o ordenador adquirido para a finalidade obxecto desta orde durante un período
mínimo de catro anos.
3. Estar sometido ás actuacións de comprobación
que efectuará a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais,
e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade
Autónoma en relación coa axuda concedida, e ás previstas na lexislación do
Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
Artigo 12º.-Reintegro ou modificación da
subvención.
1. Procederá o reintegro
nos termos e supostos previstos nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21
de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da
Comunidade Autónoma de Galicia, nos casos seguintes:
a) Incumprimento da
obriga de xustificación.
b) Obtención
da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa
concesión.
c)
Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.
d) Incumprimento das condicións impostas aos
beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención
pública.
2.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e,
en todo caso, a obtención doutras subvencións ou axudas outorgadas por outras
administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais,
poderá dar lugar á modificación da resolución da axuda.
Artigo
13º.-Renuncias.
Se por calquera
circunstancia o beneficiario non puidese adquirir o ordenador persoal, deberá
presentar antes do 5 de outubro de 2007 unha renuncia á subvención
concedida.
Os
destinatarios das axudas que renuncien a ela serán substituídos pola Dirección
Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais de acordo coa lista de
reserva.
Disposicións adicionais
Primeira.-Delégase a competencia da conselleira de Educación e Ordenación
Universitaria no director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais
para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das
axudas previstas nesta orde, así como a resolución dos recursos de
reposición.
Segunda.-En todo caso, a concesión das axudas terá como límite a
cantidade consignada na correspondente aplicación orzamentaria para o ano
2007.
Terceira.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de
infraccións e sancións previstas para esta materia no texto refundido da Lei de
réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo
1/1999, do 7 de outubro, no disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e
demais normas de procedente aplicación.
Disposición derradeiras
Primeira.-Facúltase o titular da Dirección Xeral
de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para adoptar os actos e medidas
necesarias para a aplicación desta orde.
Segunda.-Esta orde adáptase ás normas básicas
aplicables do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de
subvencións, e ás do seu desenvolvemento; élle igualmente de aplicación o
Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto
refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. O Decreto
287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e
subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia será de aplicación en
todo aquilo que non se opoña aos preceptos legais citados.
Terceira.-Esta orde
entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de
Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2007.
Laura Sánchez Piñón
Conselleira de Educación e Ordenación
Universitaria
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de
Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e
Xustiza
Correo electrónico: webdoga
xunta.es