ORIENTACIÓNS PARA O PROFESORADO

1.- Consideracións iniciais.

Como podedes comprobar, é un programiña moi sinxelo baseado en páxinas web que non ten ningunha dificultade de execución. Abonda con saber manexarse un pouco por Internet.

Para executar o programa nun disco duro, nunha rede local ou en Internet, só é necesario copiar a carpeta do programa no lugar axeitado e crear un enlace ó arquivo "index.html" ou executalo directamente, segundo o caso. Todos os enlaces teñen ligazóns relativas a algún dos arquivos do propio programa.

Unha vez aberta a páxina de inicio, debedes escoller o navegador co que esteades traballando: Internet Explorer ou Firefox. A diferenza é que no primeiro algunhas páxinas teñen gráficos e sons asociados ós mesmos e no segundo non; máis adiante xa explicarei isto con máis detalle. Unha vez dentro do menú principal, podedes botarlle unha ollada á icona de axuda da parte superior dereita para saber como se manexa.

 

2.- Obxectivos.

- Afianzar e, a ser posible, aumentar o vocabulario básico dos/as rapaces/as coa axuda do/da docente.

- Aprender a escribir correctamente os vocábulos máis representativos da nosa lingua.

- Mellorar no coñecemento de palabras de ortografía dubidosa, evitando castelanismos, vulgarismos etc.

- Recoñecer o xénero de palabras que poden presentar confusións en relación co español, coma o sal, o nariz, a paisaxe, a ponte,...

- Gozar coa utilización do ordenador mentres aprenden.

- Aumentar os recursos da nosa Intranet Educativa e, en xeral, da Consellería e do profesorado galego.

 

3.- Contidos.

O programa non está deseñado para ningún curso en concreto, polo que, ó presentar un manexo sinxelo e intuitivo, pode ser utilizado en calquera curso de primaria e incluso en secundaria. A este respecto, engadir sobre a ordenación de contidos que, nos grupos nos que hai varios exercicios, as actividades están dispostas de xeito que os vocábulos máis "difíciles" ou pouco usuais estarán situados nos últimos exercicios, e os máis "fáciles" ou comúns nos primeiros exercicios. Como pode comprobarse, a maioría dos exercicios están relacionados con temas ortográficos e de vocabulario, aínda que na última sección engádense contidos de gramática (o xénero) por completar un pouco máis o programa e que o número de seccións fora redondo (20). No programa trabállanse:

- Palabras con B e con V.

- Palabras con CA, CUA e CO.

- Palabras cun C e con dous CC.

- Palabras rematadas en -ZA, -CIA ou en -CIO, -ZO.

- Palabras que comezan con ES-, EX-.

- Palabras que comezan con ESTRA-, EXTRA-.

- Palabras con GA, GUA e GO.

- Palabras con GUE, GUI, GÜE e GÜI.

- Palabras con H ou sen H.

- Palabras con L ou sen L.

- Palabras con LL, I ou X.

- Palabras con L ou con LL.

- Palabras con L ou con R (en sinfóns: PL, PR, GL, GR...).

- Palabras con M ou con N.

- Palabras con N ou sen N.

- Palabras con N ou con Ñ.

- Palabras cun R ou con dous RR.

- Palabras con S ou con X.

- O substantivo: xénero masculino e feminino.

- Palabras de ortografía dubidosa.

Podedes atopar unha relación da cantidade de vocábulos en cada apartado un pouco máis abaixo, no punto 10 desta mesma guía.

 

4.- As resolucións da pantalla.

En principio, o programa foi deseñado para executarse en pantallas cunha resolución de 1024x768 ou superiores. Funcionará igualmente ben a 800x600; aínda que neste caso algúns elementos poderían aparecer desencaixados, coma un botón enriba doutro en vez de estar ó lado, ou un texto que aparece en dúas liñas en vez de unha; mais son pequenos detalles que non afectarán ó funcionamento global do programa.

 

5.- Execución do programa en Internet Explorer.

Con este navegador foi probado nas versións 6.0 e 7.0, funcionando ben nas dúas. Nalgunhas páxinas inclúense gráficos nos que se escoitan as palabras que representan ó picar neles co rato, o que vai contribuír aínda máis a que os/as rapaces/as melloren o seu vocabulario. Os atrancos que se poden atopar nestas versións son:

a) Na versión 7.0 pode aparecer a mensaxe: "Para ayudar a proteger su seguridad, IE restringió el acceso a cierto contenido de este sitio. Haga clic aquí para ver opciones...". Neste caso teriamos que ir ó menú "Herramientas -> Opciones de Internet -> pestana Opciones avanzadas"; preto do final da lista teriamos que marcar a casiña "Permitir que el contenido activo se ejecute en los archivos de mi equipo". Tamén pode ser conveniente ir ó menú "Herramientas -> Bloqueador de elementos emergentes -> Desactivar el bloqueador de elementos emergentes".

b) Se temos instalado no equipo o programa QuickTime ou outros programas reprodutores multimedia que instalen "plugins" nos navegadores, ó picar nos gráficos non se escoitará a palabra ou, no mellor dos casos, aparecerá unha nova ventá co reprodutor e si, escoitarase a palabra, pero teriamos que darlle á frecha atrás do navegador para volver á páxina do exercicio:

Isto solucioneino desinstalando o QuickTime e o programa volveu funcionar correctamente.

Os exercicios que conteñen gráficos e sons asociados son:

- B-V => Exercicios do 1 ó 6.

- H-0 => Exercicio 1.

- R-RR => Exercicio 1.

- XÉNERO => Exercicio 1.

6.- Execución do programa en Mozilla Firefox.

Esta sería a versión máis compatible, tanto para executar no propio Firefox (probado nas versións 2.0 e 3.0) coma noutro tipo de navegadores como Opera, pero tiven que suprimir as páxinas con gráficos e sons, pois este navegador tradicionalmente sempre se levou mal cos scripts e as follas de estilo (en fin...). Así pois, tiven que substituír as páxinas indicadas no apartado anterior por outras con só palabras e botóns, aínda que as palabras son as mesmas que na versión para IE. Os atrancos que podemos atopar nesta versión son:

a) O programa está feito nas linguaxes XHTML e JAVASCRIPT; porén o navegador Firefox está configurado por defecto para non permitir que se peche cunha instrución javascript, polo que os botóns "Saír" do programa só funcionarán por defecto no navegador Internet Explorer, aparecendo neste unha pequena xaneliña que pregunta se queremos pechar a ventá activa (v. 6.0). Pero isto ten fácil solución:

Para que o botón "Saír" funcione axeitadamente co Mozilla Firefox debemos configuralo previamente deste xeito:

Abrimos o navegador e na barra de direccións escribimos: about:config

Aparece unha ventá cunha serie de liñas de código que configuran o navegador. Buscamos a liña que pon "dom.allow_scripts_to_close_windows". Por defecto o seu valor é "False". Facemos dobre clic sobre esa liña para que o valor cambie a "True". Logo pechamos o navegador e, ó reinicialo, xa está preparado para que unha instrución javascript poida pechalo; en definitiva, para que funcionen os botóns "Saír" do programa.

b) Ó abrirse a páxina principal pode aparecer na parte superior unha mensaxe dicindo "Precísanse plugins adicionais para amosar todos os elementos desta páxina - Instalar os plugins que faltan". Isto é debido a que as páxinas teñen música de fondo. Se picamos na mensaxe para instalalos e seguimos os pasos, por defecto instalará o QuickTime e o problema quedará resolto (pode ocorrer que non o atope e tivéramos que instalalo manualmente).

 

7.- Mensaxes emerxentes.

Cando situámos o punteiro do rato sobre un dos recadros do menú principal ou enriba dun dos gráficos dalgunha das actividades, se estamos traballando co navegador Internet Explorer, aparecerá unha mensaxe emerxente cunhas indicacións ó respecto. Por problemas de compatibilidade co navegador Firefox, estas mensaxes emerxentes nunca aparecerán neste navegador.

 

8.- Execución das actividades.

Cada unha das actividades inclúe 20 palabras. As instrucións no arquivo javascript (jscript/ortogal.js) para calcular a nota final son dividir as respostas correctas pola suma do total de respostas e multiplicar o resultado por dez. Así, un total de 10 acertos sería [10/20] x 10 = 5 (suficiente). Isto implica que, para que a nota final sexa válida, o/a rapaz/a debe picar só unha vez nun dos botóns asociados a cada palabra e contestar o total das 20 palabras antes de premer no botón "Puntuación". Se queremos reiniciar a actividade desde cero, non temos máis que pulsar no botón ("Actualizar") do navegador.

Observando o exemplo anterior, no caso en que o/a rapaz/a picara nos botóns máis de 20 veces co obxecto de acertar todas as respostas erradas, a suma do total de respostas aumentaría a 30, e a nota final sería: [20/30] x 10 = 6,66 (ben).

Por outra banda, vexamos o que pasa se o/a rapaz/a non contesta ó total das 20 palabras. Supoñamos que só contesta a 5 palabras e as 5 están ben. Ó premer no botón "Puntuación", o programa calculará un resultado de [5/5] x 10 = 10 (sobresaliente), cando en realidade non chegou a contestar ben nin á metade das 20 palabras das que consta o exercicio e merecería un insuficiente.

Tamén hai que comentar que hai grupos que teñen máis dunha actividade. Neses casos podemos elixir o exercicio que queiramos desde o menú principal pasando o rato por riba do grupo correspondente e escollendo no menú que aparece. No caso de que queiramos abandonar o programa sen ter rematada toda a serie de exercicios do mesmo grupo, non temos máis que lembrar o número de exercicio que aparece indicado entre parénteses na barra de título da ventá [Ex: Palabras con "B" - "V" (5)] para continuar noutro momento a partir do mesmo, premendo no exercicio que nos interese desde o menú principal, como se explicou antes.

 

9.- A música de fondo.

Excepto os exercicios que conteñen gráficos que, por razóns obvias, non deben levar música que poida interferir na escoita das palabras, o resto dos exercicios levan incorporadas pezas de música clásica que se iniciarán automaticamente unha vez aberta a páxina. No caso de querer prescindir da música, basta con premer no botón ("Deter") do navegador ou, simplemente, manter apagados os altofalantes.

 


10.- Os vocábulos.

Como xa se indicou, cada exercicio consta de 20 palabras. Tratei de incluír as palabras máis representativas da nosa lingua que puideran presentar algunha dificultade na escrita ou presentar interferencias con outras do español. Aínda así, nalgúns exercicios tiven que incluír algunhas palabras que eu considero "de recheo", simplemente para poder completar a cantidade de 20 e poder aplicar a fórmula para calcular a nota. En total son 1.120 vocábulos distribuídos en 10 grupos:

 

GRUPO

Nº VOCÁBULOS

B - V

300

C - CC

40

CA - CUA CO

20

CIA - ZA - CIO - ZO

40

DUBIDOSAS

140

ES - EX

40

ESTRA - EXTRA

20

GA - GO - GUA

20

GUE - GUI - GÜE - GÜI

20

H - H

80

L - L

20

L - LL

60

L - R

80

LL - I - X

20

M - N

20

N - N

20

N - Ñ

40

R - RR

20

S - X

60

O XÉNERO

60

Se queredes consultar a listaxe completa das palabras incluídas en cada un dos grupos podedes premer neste => enlace.

Finalmente, comentar que, aínda que non son ningún doutor en filoloxía galega, o traballo está axustado á vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego, fixada pola Real Academia galega o 12 de xullo de 2003. Aínda así, puidera ocorrer que algunha das palabras presentase algún erro (son moitas e o traballo foi arduo). Nese caso, se algún usuario atopase algo que corrixir, rogo envíen un correo a jboo@edu.xunta.es coas indicacións oportunas. Grazas de antemán.

 

11.- Agradecementos.

- Á miña filla Carla, pola súa paciencia para gravar as 180 palabras que se escoitan ó facer clic nos debuxos dalgunhas páxinas.

- Ó meu cuñado Manuel Mariño, mestre de galego no IES nº 1 de Ribeira, polo seu asesoramento sobre a normativa oficial e a revisión e corrección de vocábulos e textos incluídos no programa.

- A Ramón Pajares (http://www.rpajares.net), polos seus ficheiros de música clásica que usei para poñer melodías de fondo nas páxinas.