.:: A lenda da cova de Xoan Rei ::.
 
Desde punta Falcueiro a punta Cabión hai lendas nesta Barbanza que son boas de recordar. Desde o «Home de Sagres» á «Serea de Sálvora», «O pobo soterrado de Valverde» e «A Virxe de Moldes» que dou volta por non «Bertal». Ninguén recorda tan ben a lenda de Xoán Rei tal como a contou a tía Carmela unha noite de inverno ó pé da lareira, onde se pasaba o tempo contando cousas pasadas.
Entre a praia de Insuela e a da Cambra hai un recobecho que lle chaman Sua Tomada. Alí aínda se ven os restos dunha cova grande que co tempo os temporais foron tirando. Alí, segín tía Carmela viviu un home que se chamaba xoán Rei. Uns dicían que era un xigante que comía aos rapaces crus; outros que era metade lobo, metade home e outros que era pirata da moreira que escapara da xustiza e viñera agacharse alí. Non saía de día, pois pola noite saía a coller cangrexos para comer e tamén saía de noite para roubar patacas e rabisas das leiras da Bouziña. Polas mañás víanse as pegadas duns pés grandes, moi grandes,or iso dicían que tiña que ser un xigante.
A xente maior ía a Súa Tomada sen medo polo día a coller mariscos ou argazo para as leiras. Quen non ían eran os rapaces por medo porque dicían que comía aos rapaces crus.
Unha noite de temporal moi grande, o vendaval coa marea chea, as marexadas tiraron coa metade da cova. Desde ese día non se volveu a saber mais de Xoan Rei.
Un grupo de homes que foron ver a cova non encontraron máis que un sacho vello, e entón dixeron que alí non había ninguén.
A tia Carmela dixo que a lenda de Xoán Rei fora un conto que inventaran as vellas da Bouciña para meterlle medo aos rapaces para que non lles foran coller os caramuxos a Sua Tomada.
-¿Tía Carmela, entón de quen eran as pegadas grandes que se vían nas leiras?
- Esa xa é outra lenda que vola contarei outro día.
Esta lenda contouma meu tío Manolo que ten 77 anos..