| |
O castiñeiro
(Castanea sativa) pódese considerar como unha árbore
semidomesticada (metade silvestre, metade domesticada). Hai miles
de anos existían castiñeiros silvestres, aínda
que en número reducido, en moitas rexións de Europa.
Foron os romanos os que axudaron a expandir esta árbore e
introducila de xeito intensivo no noso país. Ata a chegada
da pataca, despois do descubremento de América (s. XV) o
seu froito, a castaña, constituíu a base da alimentación
en Galicia, e en moitas zonas da Península Ibérica;
o seu cultivo chegaba ata Andalucía. Poucas árbores
prestaron tanto servicio ó home como o castiñeiro,
ademáis da súa madeira, o seu froito no pasado salvou
de morrer de fame a moitas poboacións e segue consumíndose
polo alto poder alimenticio que encerra. Tamén o comen os
animais domésticos así como as súas follas.
Na actualidade o número de castiñeiros reducíuse
considerablemente, en parte polo desprazamento por parte do tubérculo
e sobretodo por culpa dunha enfermidade chamada tinta, moi difícil
de atallar.
De folla caduca
e espectacular porte, o castiñeiro é unha das especies
arbóreas co tronco de maiores proporcións. Existiron
castiñeiros que serviron de lar a familias enteiras, e aínda
hoxe algún emprégase como cortes (dise que en Sicilia
unha árbores destas cobixou a cen xinetes). A súa
madeira é mala para o lume pero de grande utilidade para
outro uso, debido a súa lonxevidade, sobretodo na fabricación
de mobles, apeiros de labranza, vigas das casas, portas, fiestras,
cancelos, cercados e tamén os útiles e apreciados
cestos empregados en tan diversas tarefas agrícolas da nosa
cultura. A súa corteza é lisa e clara ata os vinte
anos, logo convírtese en fibrosa e de cor marrón ecura.
As súas flores masculinas florecen no mes de xuño;
son uns longos filamentos de intensos tons amarelos e profundo aroma.
As flores femeninas nacen un pouco máis tarde, ó redor
dun mes, e son pequenas e adósanse as bases das masculinas.
O seu froito
agáchase no interior de ourizos esféricos, normalmente
tres castañas en cada ourizo, e maduran en outono, entre
as datas do San Miguel (29 de setembro) e o San Martiño (11
de novembro).
As súas
follas son de grandes dimensións (ata 20 cm) en forma de
punta de lanza e co borde aserrado. A súa cor é verde
escura moi brilante pola cara e algo máis pálida polo
envés. Aparecen moi tarde, no mes de maio. No outono comenzan
a cambiar de cor, amarelean ou vermellan, ata caer a mediados de
novembro.
|