Campaña de lectura

.:: ¿ Que son os nubeiros?::.
Son xentes dos contos, seres sobrenaturais que, ás veces, toman forma de figura humana e que se encargan de provocar as treboadas para facer dano. Os seu poderes maléficos só se poden evitar recorrendo a un crego que o saiba esconxurar e tocando as campás.

Tamén se poden chamar tronantes, tronadores, nubeiras, tempestarios, escoleres, negrumantes....

Viaxan sobre as nubes, reúnenas, mandan nelas e controlan os raios e os tronos, os ventos e as chuvias. Son malignos e resentidos. Poden aparecer como persoas normais, donos de poderes e feitizos máxicos. Nalgún caso poden ser estranxeiros, falar castelán, ser altos, guapos, vestidos de señorito ou cun mandil coma os tratantes de becerros. Pero ás veces son veciños dos que non se sospeita nada e que teñen estudios ou saben ser nubeiros por tradición familiar. Outras veces son feos e monstruosos. Tamén poden ser xigantes ou mesmo aparecer en forma de grandes corvos.

Causan o ruído dos tronos coas zocas que levan, ou con tenaces, ou cun carro, ou con outros instrumentos metálicos. Ás veces cáelles un deses instrumentos: é o raio.

Os nubeiros, para elevárense ata as nubes, usan a polvoriña ou a fumieira.

Polvoriña: xuntan po e mexan nel para formar un remuíño no que se agarran para subir.

Fumieira: fan lume no burato dunha toupa, íspesen e suben canda o fume.

Crese que os nubeiros estudian artes máxicas na Cova de Salamanca, que son aprendices de meigos que se pasaron no estudio e se puxeron algo tolos. Son, pois, traslidos.

Sergio 2º B

Soubemos dos nubeiros, escoitando ás avoas e ós avós... e lendo na Pequena Mitoloxía Galega, publicada por Edicións Xerais

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Outono 2002