PREMIO PLAN VALORA 2007/09

XUSTIFICACIÓN


O CEIP do Hío propón un proxecto relacionado co ciclo da auga e como este se ve afectado polo cambio climático. Acomódase perfectamente ó Proxecto Curricular de Centro, xa que consta como obxectivo xeral a “educación para a conservación e defensa do medio ambiente”.
Unha das peculiaridades do proxecto é que con el pretendemos sacarlle maior rendemento a uns recursos educativos xenuínos cos que contamos no CEIP do Hío desde hai tempo, son: a charca escolar, o acuario escolar de auga salgada e o sistema global de recollida selectiva de lixo no propio centro.
O proxecto intenta implementar ó máximo eses recursos, e vinculalos entre sí para acadar os obxectivos do ámbito de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, propostos polo Plan Valora para o bienio 2007/09.

a.1. A CHARCA ESCOLAR.
Partiremos da experiencia acumulada no curso académico 2003/04, cando o CEIP do Hío desenvolveu un grupo de traballo Construción dunha poza: unha reproducción dun ecosistema húmido. A nova charca do Hío será un dos recursos motivacionais sobre o que pivotará o proxecto.O aporte de auga provén do aliviadeiro do antigo pozo do colexio, actualmente fóra de servizo. Trátase dunha auga sen clorar que permite os ciclos vitais da flora e fauna asociadas a ela. O nivel hídrico está condicionado polo réximen de precipitacións, dándose períodos de seca cando o nivel de auga acumulada no pozo disminúe. O desaugue da charca está conectado co circuito de recolleita de augas pluviais da zona, o cal desemboca na Lagoa de Vilariño, un humedal natural situado a menos de douscentos metros da costa (Ría de Aldán) e, aproximadamente, a tres kilómetros da charca. A Lagoa de Vilariño é un enclave natural necesitado de proteción, pola que levan loitando varios colectivos da bisbarra. É obxecto de frecuentes agresións en forma de verquidos contaminantes e resiste, polo momento, a presión da edificación urbanística. Preténdese que a charca recree un ecosistema autóctono, para evitar a introdución de especies foráneas que entren en competencia coas autóctonas.Non se realizan aportes adicionais de nutrientes.
O actual proxecto permitiranos continuar coa recreación deste ecosistema artificial para convertelo nun espazo de observación, experimentación e reflexión.

a.2. O ACUARIO ESCOLAR DE AUGA SALGADA.
O acuario foi inaugurado no ano 1989. Desde entón é un dos sinais de identidade do CEIP do Hío, mais é xusto dicir que durante todo este tempo o aproveitamento educativo foi irregular. O actual proxecto permitiranos relanzar o uso didáctico do acuario.
No ciclo da auga as masas de auga mariña son de especial relevancia e, conceptos como a evaporación, as correntes mariñas, a contaminación, o efecto das variacións de temperatura da auga sobre os seres vivos, etc., poden ser explicados a partir do acuario.
Desde os seus inicios transmitíuselle ó alumnado que os inquilinos son un préstamo do mar. Plantas e animais pasan un tempo no colexio para amosar os seus segredos, e despois devólvense ó seu lugar de orixe. Inténtase transmitir un sentimento de aprezo e respecto polo medio mariño e a natureza en xeral.

a.3. O SISTEMA DE RECOLLIDA SELECTIVA DE LIXO
No curso 2006/07 iniciouse no CEIP do Hío un programa de sensibilización e formación sobre a xestión dos residuos. A redución, reciclaxe e reutilización pasaron a ser uns conceptos coñecidos polo alumnado e, aínda máis, practicados. Reutilizando recipientes cada aula elaborou os seus propios contenedores para separar o lixo: papel, plásticos, orgánicos. Os restos orgánicos da merenda do recreo son, desde entón, recollidos por unha brigada de alumnas e alumnos que se encargan de depositalos nun composteiro. Empregando a técnica da compostaxe con bokashi E.M. reutilízanse os restos para abonar a plantación de árbores froiteiras do patio, os semilleiros e a horta escolar, estes últimos aínda en proxecto.

Obsérvase que é necesario un labor de concienciación educativa das novas xeracións, para que coñecendo as consecuencias da nosa acción contaminante e a importancia de preservar os espazos naturais, adquiran actitudes, hábitos e desenvolvan accións concretas que actúen de contrapeso. Mantemos a ilusión de que nun futuro exerzan a súa cidadanía sendo conscientes de que os seus comportamentos poden actuar positivamente sobre o entorno natural e poden influír sobre os responsables de adoptar medidas de proteción medioambiental.

Queremos resaltar a nosa peculiaridade de centro de Educación Infantil e Primaria. Con alumnado máis maduro e adultos o estudo e reflexión sobre o ciclo da auga, e as interferencias ocasionadas polo cambio climático, podería facerse en base á transmisión de datos científicos e as catastróficas consecuencias. Desde un centro educativo que atende a alumnado de 3 a 12 anos, o plantexamento educativo debe ser outro. Primeiramente ten que facerse en positivo, desenvolvendo un sentimento de aprecio pola natureza, comprendendo os danos que as persoas podemos cometer contra ela e as medidas de protección que están nas nosas mans. En segundo lugar ten que centrarse na instauración de valores, pois son os que dun xeito máis eficaz levan ó ser humano á acción. En terceiro lugar debe respectar o principio pedagóxico da educación vivenciada, por iso plantexamos actividades moi concretas e cunha gran carga emocional. En cuarto lugar debemos aproveitar a plataforma que nos ofrece o alumnado para facer chegar ós seus fogares a curiosidade por estes temas. Finalmente contemplamos a transmisión de contidos teóricos sobre as distintas temáticas, cun nivel de profundización acorde coa idade de cada curso.


OBXECTIVOS DO PROXECTO


a) Promover a sensibilización, a implicación e o compromiso do profesorado, do alumnado e de toda a comunidade educativa nos valores educativos, sociais e culturais que determinen un profundo interese polo desenvolvemento sustentable considerando os seus compoñentes ambiental, social e económico.
Concreción:
a.1.Concienciar ó alumnado sobre a importancia de non facer prevalecer os intereses económicos fronte a defensa da natureza.
a.2. Comprender a importancia de preservar os espazos naturais como a Lagoa de Vilariño, as Rías, mantendo un equilibrio entre a explotación económica dos recursos e o dereito á vida dos seres vivos.
a.3. Respectar os animais do acuario proporcionándolle os coidados necesarios.
a.4. Respectar os seres vivos da charca.
a.5. Comprender que a auga é un recurso esgotable, e polo tanto, necesitado de protección.
a.6. Comprender a importancia dunha axeitada xestión dos residuos para evitar danar ó medio ambiente, en particular a contaminación das augas polo verquido de substancia tóxicas.
a.7. Comprender as vantaxes da técnica da compostaxe con Bokashi E.M. para rexenerar solos empobrecidos e como fertilizante natural.
a.8. Coñecer a importancia dos vexetais para unha dieta alimenticia san.

b) Provocar no alumnado e no equipo docente, unha análise transversal e multidisciplinar, tomando conciencia da complexidade do tema tratado e da súa evolución temporal.
Concreción:b.1. Coñecer os elementos que interveñen no ciclo da auga e a súa función.
b.2. Coñecer a incidencia das emisións de CO⊃2;, provocadas polos incendios forestais, icineración de lixo, motores de vehículos e calefacción, no aumento da temperatura da terra. Dada a idade do alumnado do CEIP do Hío (3-12 anos), este obxectivo tratarase metodoloxicamente evitando aportar datos catastrofistas, abondará con facer referencia ó perxuicio que supón tanta cantidade de emisións contaminantes.
b.3. Recopilar da tradición oral refráns, contos, cantigas que teñan que ver coa importancia da auga.
b.4. Recopilar usos que se lle dá á auga, que fan de ela un elemento fundamental para a saúde, a alimentación, produción de enerxía, para a industria, etc.
b.5. Valorar a importancia da Biblioteca Escolar como fonte de información.
b.6. Valorar a utilidade de internet como fonte de información.
b.7. Expresar mediante a escritura, cómic, pintura, colage, etc. Informacións e inquedanzas relacionadas coa problemática da auga, o mar, os espazos naturais, etc.
b.8. Instalar unha estación meteorolóxica.
b.9. Coñecer a relación entre incendios-desforestación-erosión por efecto da auga.

c) Aprender a contrastar diversos puntos de vista, complementarios e/ou contraditorios co fin de que o alumnado desenvolva o seu propio criterio.
Concreción:
c.1. Realizar actividades grupais que obriguen ós membros a chegar a consensos.
c.2. Resolver en grupo situacións problemáticas, plantexadas polo profesorado ou alumnado, relacionadas coa charca, o acuario, a recollida de lixo ou a horta.

d) Implicar o centro educativo no coñecemento da realidade do seu contorno e na participación do alumnado na busca de alternativas
Concreción:
d.1. Coñecer o uso ou abuso do consumo de auga que se fai nas casas e no cole e plantexar medidas correctivas.
d.2. Analizar a relación existente entre a cuantía das precipitacións e a cantidade de auga subterránea do pozo do colexio.
d.3. Analizar a consecuencia da introdución de plantas ou animais foráneos, e plantexar alternativas e medidas concretas en relación coa charca.
d.4. Analizar a consecuencia da sobrepesca e da captura de benxamines, e plantexar alternativas.
d.5. Analizar os hábitos das familias en relación coa recollida selectiva de lixo, e plantexar medidas correctoras.

e) Xerar a convicción entre o alumnado de que a pesar da complexidade, incerteza dimensión global dos procesos do noso contorno inmediato, a acción individual non só é posible, senón a única alternativa para cambiar e mellorar situacións.
Concreción:
e.1. Asumir a importancia de protexer a vida de todos os seres e os espazos naturais onde se desenvolven.
e.2. Asumir a importancia de xenerar menos lixo e cumprir coa triple recomendación de reducir, reciclar e reutilizar.
e.3. Comprender que mediante accións concretas e individuais podemos mellorar complicadas situacións relacionadas co deterioro de espazos naturais, contaminación e outros riscos que afectan a seres vivos.

f) Introducir a educación en actitudes e valores asociados á práctica activa de aforro (enerxía, auga, transporte, residuos, etc.) na nosa vida cotiá.
Concreción:
f.1. Practicar no colexio o aforro de auga.
f.2. Practicar no cole o aforro de enerxia, elaborando biodiesel reutilizando aceite doméstico, para despois usalo como combustible da calefacción.
f.3. Practicar nas respectivas aulas a recollida selectiva de papel.
f.4. Practicar durante o recreo a recollida selectiva de papel, plástico e restos orgánicos.

g) Fomentar a participación do alumnado na divulgación do aprendido entre os seus compañeiros.
Concreción:
g.1. Informar ás respectivas familias sobre as medidas de aforro practicadas na escola e as beneficiosas consecuencias.
g.2. Informar ós compañeiros sobre feitos relacionados coa charca.
g.3. Informar ós compañeiros sobre feitos relacionados co acuario.
g.4. Informar ós compañeiros sobre feitos relacionados coa horta.
g.5. Empregar o periódico escolar coma canle de comunicación coa comunidade escolar e extraescolar.
g.6. Involucrar ás familias na práctica da separación do lixo, as medidas de aforro enerxético, consumo racional de auga e a loita contra a contaminación.


(C) 2007 - Quedan reservados todos os dereitos

Imprimir esta páxina