Antonio
López Ferreiro
Epónimo/a: (Adxectivo)
Dise do personaxe que lle dá nome a unha época,
rexión ou lugar. (Diccionario Do Cumio) Fillo de D. Ramón
López e Dona Xoana
Ferreiro, nace o día 9 de novembro do 1837, na casa
número 7 do praza do
Mercado Vello (hoxe da Universidade) de Santiago de Compostela, o
meniño
Antonio Xoaquín. A casa onde naceu era propiedade dos seus
avós maternos, que a
mercaran un ano atrás. Ao día seguinte
foi bautismado na
igrexa parroquial de San Fiz de Dentro ou de Solovio. O pai de Antonio era
natural de Pintín,
parroquia de San Estevo de Calvos, na provincia de Lugo e a súa
nai de
Santiago. Seu pai era conductor (das carrilanas) de correos. Eran unha
familia
modesta e el era o único varón de cinco irmáns
Basilia, Carme, Ramón –que debeu
morrer moi novo-, Dores e Concepción, que permaneceu solteira e
viviu sempre co
seu irmán Antonio). Antonio pasou toda a
súa infancia en
Santiago, vivindo desde o 1845 na Rúa Nova –no actual
número 41- ata o 1859, en
que reside na Rúa do Vilar –no 44 de hoxe-. Contrariando o gusto do
seu pai –que
quería facer del un avogado, Antonio sentiu desde moi novo a
vocación pola
carreira eclesiástica, que iniciou no 1849, en calidade de
alumno interno.
Foi un alumno de grande
proveito:
estudiou uns anos no Seminario e despois na Faculdade de
Teoloxía da
Universidade de Santiago (estudios que iniciou no 1856). Foi ordeado
presbítero
polo Cardeal García Cuesta no 1862. O seu pai foi destinado a
Madrid como
empregado do Ministerio da gobernación, polo que a familia se
trasladou aló e
Antonio foi con ela. Na Faculdade de Teoloxía da Universidade de
Madrid
licenciouse en xuño do 1863 en Sagrada Teoloxía, con nota
de “Sobresaínte”. Nese mesmo ano comezou os
estudios na
Escola Superior de Diplomática de Madrid para preparar a
Carreira de
Arquiveiros e Bibliotecario, facéndose arquiveiro no
verán do 1865. Nese mesmo ano 1865
publicou o que
parece ser o seu primeiro traballo escrito crítico de
carácter histórico,
“Exame histórico-crítico dos Concilios celebrados en
Santiago no século XI”.
Inicia así unha longa andaina na que ten como fundamento facer
unha historia
entón nova e novedosa: baseada en documentos, en datos
obxectivables, mesmo con
crítica fundamentada sempre. O mozo López
Ferreiro era corpudo,
alto, robusto e de bondadoso carácter No 1866 regresou a
Santiago de
Compostela, sendo nomeado cura párroco de Santa Olalla de Vedra,
no
Arquiprestádego da Ulla, provincia da Coruña.
Recén chegado alí, mellorou
notablemente a igrexa e edificou unha nova casa rectoral. No mesmo ano, movido
polas súas
afeccións arqueolóxicas, escribiu o “Pórtico da
Gloria” (que volvería a editar
no 1893, de forma aumentada e revisada). A partir destes anos non
deixou de
escribir nunca sobre Galicia, a cidade de Compostela e o
apóstolo Santiago. No 1871 foi nomeado
coengo do Cabido da
Catedral de Santiago de Compostela, sendo logo designado para os cargos
de
Arquiveiro da Catedral e profesor de Arqueoloxía do Seminario
Conciliar de
Santiago, cargos para os que estaba sumamente preparado e que
desenvolveu
–entre outros- durante moitos anos.
Era home de vida familiar, tanto que, no dicir de familiares e achegados, a maior parte do ano escribía e estudiaba sobre a mesa do comedor, mentres familiares e invitados parolaban ou xogaban ás cartas Por fins desa
década dos anos ’70,
Antonio López Ferreiro obtivo permiso do Arcebispo para facer
traballos de
exploración na Catedral dirixidas ao “descubrimento do sepulcro
do Apóstolo
Santiago”, que desaparecera desde a guerra (1808-1814) contra as tropas
do
emperador francés Napoleón. O descubrimento tivo lugar na
madrugada do 28 de
xaneiro do 1879. Este acontecemento arqueolóxico tivo grande
transcedencia
histórica e relixiosa para a Catedral e para a cidade de
Compostela. Nunha extraordinaria
coincidencia
temporal, días antes fora nomeado membro Correspondente da Real
academia da
Historia Corría o ano 1880
cando viaxou a Roma
para defender ao Cardeal Payá, da mitra compostelana, contra
diversas protestas
dos cóengos da catedral , perante o Papa. Seguindo a
recomendación médica que lle
receita longas tempadas vida no campo para repor a súa
saúde, en febreiro do
1887 merca un modesto casal de campo na parroquia de San Pedro de
Vilanova,
concello de Vedra, nas abas meridionais do Pico Sagro, nas terras da
Ulla, que
foi o seu lugar prefirido de descanso e traballo. Nese mesmo ano
créase a Cadeira de
Arqueoloxía, sendo López Ferreiro nomeado titular da
mesma, se ben non impartiu
máis que as primeiras clases. Os ratos de lecer
pasábaos dedicado á
floricultura e certos labores de horticultura, sendo un entusiasta da
vida
campestre. No 1889, publicou, entre
outros
títulos, “O Códice Calixtino e o Canto dos peregrinos”. Nesa época dirixiu
os traballos
artísticos de creación da actual furna de prata onde se
gardan os supostos
restos do apóstolo Santiago. Desde 1882 a 1889, D.
Bernardo
Barreiro, arquiveiro municipal de Compostela, publica nesta cidade a
revista
“Galicia Diplomática”, dedicada a temas históricos
fundamentalmente, e na que
López Ferreiro vai colaborar de forma asidua. No 1883 publica en
Santiago unha obra
histórica de grande interese: “Galicia no derradeiro tercio do
século XV”. Por outra banda, os seus
alumnos da
cátedra de Arqueoloxía, do Seminario Conciliar de
Santiago, viñan demandando a
publicación dunha obra que lles servise de guía e texto,
polo que, no 1889, o
noso historiador editou a “Arqueoloxía sagrada”. No ano 1892 viaxa a
Madrid con ocasión
da Exposición Histórico-Europea. Ao mesmo tempo,
tamén atendía outros
campos da cultura e, desde logo, vencellados a Galicia e a súa
historia e
escribiu en lingua galega tres novelas históricas: “A tecedeira
de Bonaval”
(1894), “O castelo de Pambre” (1895) e “O niño de pombas”
(1896). Todas elas
conteñen interesantes descricións arqueolóxicas,
entre outros interesantes
temas. Na “Tecedeira de Bonaval”
o autor
desenvolve a acción nun Santiago turbulento, o do século
XVI, con
acontecementos históricos de alcance como a loita entre os
rexedores da cidade
Santiago e o Arcebispo. “O castelo de Pambre”, a mellor elaborada das
tres
novelas históricas, preséntanos a Galicia do ano 1378, un
reino sen paz,
consecuencia da subida ao trono de Castela de Henrique II. Tamén de 1895
é unha das súas obras
historiográficas máis sobranceiras: “Foros municipais de
Santiago e da súa
terra”. No 1898 inicia a
súa obra definitiva,
de inmenso volume e inxente esforzo, a “Historia da Santa
Apostólica
Metropolitana Igrexa de Santiago de Compostela”. Para esta obra contou con
todas as
facilidades por parte do Cabido compostelano, que tamén
defrontou os custos. A
obra quedou sen rematar, publicándose o volume undécimo,
no 1911, algo máis dun
ano despois da súa morte. Esta obra está dedicada
realmente a toda Galicia,
sendo unha mostra senigual de documentos históricos, que
abrangue desde o
nacemento da igrexa compostelana a principios do século XIX. É de destacarmos
que cada volume
incorpora un apéndice documental amplo e variado, moito del
inédito ata aquel
momento. No 1901 funda e dirixe
ata o 1903 a
revista “Galicia Histórica”. No ano 1905
constitúese a Real Academia
Galega e López Ferreiro é elixido membro de número Os seus últimos
traballos publicados
datan do 1909, traballo que compaxinaba coa responsabilidade de
presidir a
Sección de Arqueoloxía da Exposición rexional
Galega do mesmo ano, pesia estar
faltándolle xa a saúde. Foi gracias ao seu certeiro
criterio e grandes
coñecementos, como esta parte da exposición resulta un
grande éxito. De feito, os seus
achaques víñanse
arrastrando desde había tempo e a arterioesclerose
fóiselle agudizando ata que
finou o eminente investigador, historiador e erudito, na casa de
Vilanova,
mainamente no 20 de marzo de 1910. Atópase soterrado
na zona norte do
claustro gótico da Catedral de Santiago, que tantos
méritos lle debe. Sobre a
súa sepultura loce unha lápida. Os seus coñecidos
destacaban del, entre
outras virtudes, unha intelixencia prodixiosa, asombrosa memoria e
inmensa
capacidade de traballo e, sendo no político un tradicionalista,
nunca foi
extremoso. Desde 1865 ata a
súa morte, Antonio
López Ferreiro escribiu e publicou 32 libros, oitenta artigos de
grande
extensión e máis de mil documentos. En palabras do
tamén historiador D.
Xosé Ramón Barreiro Fernández encol de
López Ferreiro, “podemos afirmar o seu
compromiso de historiador e científico en recuperar a conciencia
histórica do
seu pobo, podemos constatar o seu sentimento galeguista que o
conmovía cando
recuperaba para a ciencia o pasado de Galicia.” A mediados de marzo do
1910, o Concello
acordou colocar unha placa na fachada da súa casa natal (hoxe
sede do
importantísimo Instituto Galego da Lingua) “para render tributo
de
consideración e respecto”, que foi colocada un ano despois e
hoxe se pode
contemplar e presenta o texto seguinte: “A cidade de Compostela ao seu
fillo
predilecto D. Antonio López Ferreiro, bo galego, bo sacerdote,
bo historiador,
bo literato, digno por todo de perdurante lembranza”. Desde hai ben máis
de medio século o
noso Colexio –antes Escola Anexa de Prácticas- leva honrosamente
o seu glorioso
nome: Antonio López Ferreiro. E salvando as distancias no tempo
e as
diferencias lóxicas en canto ao seu pensamento relixioso ou
sociopolítico, este
Colexio prézase de compartir con el principios e motivos tan
elevados como o
servicio á comunidade, o amor a Galicia, o afán de
coñecemento e a dedicación á
infancia e mocidade compostelanas. Compostela, 11 de
novembro de 2003. Lois X. Trigo, director. (A
versión galega de títulos e textos é nosa) |
||||||||