"A antigüidade do tempo é a xuventude do mundo" (Francis Bacon)
 
HISTORIA DO COLEXIO



ORIXES

 

Por Real Decreto de 30 de marzo de 1849 créanse as Escolas Normais Superiores para a formación de mestres e mestras, nacendo así a ESCOLA NORMAL SUPERIOR DA UNIVERSIDADE LITERARIA DE Santiago de Compostela, que debía instalarse, pola orde que en xullo recibe o Rector da Universidade, en Santiago, nun edificio do Estado, e para cuxas obras de preparación se elaborarían os correspondentes orzamentos.

O Decreto tamén organiza e regula amplamente as “ESCOLAS PRÁCTICAS”, que pasan a ter unha sobranceira importancia dentro do sistema formativo profesoral.

A Universidade de Santiago decidiu instalar as ESCOLAS (a Normal e a Práctica) no Pazo de San Xerome, pois que nel se podían “colocar mestres, alumnos, internos cadeiras e demais dependencias dun establecemento desta clase” (Informe do Rectorado de 1849), que contaba só “contiguo ao edificio un pequeno patio”, pero, sen embargo, dispuña “perto del dun terreo a propósito para o ensino da agricultura”, que logo sería ampliado co arrendo da horta do Mosteiro de San Martiño Pinario e o bosque do convento de San Francisco.

O edificio é un vello e fermoso pazo sito na Praza do Obradoiro, composto dous andares cunha superficie total de 1155 metros cadrados (dos que 875 son de superficie cuberta). Antes foi Colexio de San Xerome, que fundara o Arcebispo D. Alonso de Fonseca para estudiantes pobres no ano 1501. O propio arcebispo aproveitara o edificio que era antigo hospital de peregrinos, que logo no 1652 se trasladou ao Hospital real

As obras, lentas, para arranxo da Escola Práctica non foron todo o completas que o Rectorado consideraba porque o Concello rebaixou considerablemente a cantidade aportada.

Os Concellos, polo artigo 13º do Regulamento, eran os responsables da menaxe destas escolas, así como da das outras escolas do común. No noso caso, foi o Concello de Santiago o obrigado a aportar os enseres e moblaxe.

As primeiras persoas contratadas como responsables da Escola Práctica foron D. Andrés Jacinto Suárez, no cargo de Rexente, e D. Francisco María de la Iglesia, Auxiliar.

ESENCIA DA “ESCOLA PRÁCTICA”

O Regulamento de 1849 sinalaba no seu artigo 1º que este tipo de escolas serían “modelo” para as demais, foren públicas ou privadas e, amais, servirían para que o futuro profesorado poidese vivir, aplicando en por si, os métodos de ensino.

Amais de formaren parte das Escolas Normais, as Escolas Prácticas eran, de acordo co artigo 3º, escola pública para os nenos da cidade. O artigo 7º, pola súa parte, especificaba que estaban divididas en dúas seccións, non estando medido o paso por cada unha delas por un período de tempo determinado, senón polo nivel acadado: para pasar á segunda sección non só había que dominar ben as materias da primeira, tamén compría superar un rigoroso exame. Co mesmo criterio se podía incorporar alumnado procedente doutras escolas. Tiñan amais ao longo do ensino os mesmos exames que o resto das escolas.

Xa que logo, a Escola Práctica formaba necesariamente parte da Escola Normal, polo que o director desta tamén o era da Práctica, así como o seu propio Inspector.

Por outra banda, o edificio estaba obrigado a fornecer de dependencias arranxadas e dignas para habitación do Rexente da Escola Práctica e para as dúas Seccións.

O alumnado da escola Práctica era considerado como unha parte máis do alumnado da Normal e non podían contar menos de seis anos para ingresaren na Primeira Sección nin sete na Segunda.

Para poder ingresar, o alumnado tiña, entre outra documentación, que amosar a Fe de Bautismo e ser presentado polos pais, titores ou encargados. Debían asistir ás clases calzados e vestidos con limpeza, pagando unhas “retribucións” que estaban en función dos ingresos da familia, sendo a asistencia gratuíta para os necesitados.

Finalmente, no que á organización se refire, dictouse en decembro unha Circular concretando o Programa para o réxime e Goberno das Escolas Prácticas.

INICIO DA ACTIVIDADE

        En abril do 1850 infórmase que as obras xa están rematadas, pero as clases inda demoraron en comezar ata, polo menos, mediados de xuño.

        Foron 86 os nenos que estrearon a Escola, todos eles na Primeira Sección, pois inda non había alumnado preparado para a Segunda, habendo informes de que se topaba ben dotada e ventilada.

        A principios do ano seguinte, 1851, elaborouse unha especie de Regulamento e desde o 1853 a Escola arrastrou durante varios anos un problema de ausencia de profesorado.

DESDE A LEI MOYANO (1857) A 1899

No mes de setembro de 1857 publícase a coñecida como Lei Moyano, que insiste en indicar que toda Escola Normal terá agregada unha Escola Práctica, para que o alumnado aspirante a mestre poida practicar nela. Estaría ao cargo do Concello no tema da conservación.

Por unha Real Orde do 1858, a Escola Práctica pasa a elaborar os seus propios orzamentos.

Sabemos tamén que na Escola Práctica se empezaron a impartir ensinanzas ás persoas adultas.

1899 – 1914: UN NOVO SÉCULO

        Por Real Decreto de 29 de agosto de 1899, díctase un novo Regulamento das Escolas Prácticas, que agora pasarán a se denominar Escolas Graduadas Anexas ás Normais.

        A súa dependencia orgánica, funcional e pedagóxica a respecto das Escolas Normais segue basicamente igual: o director da Normal é o director e inspector da Graduada, vda.

1914 – 1931: CERTAS MELLORAS NO ENSINO

Por un Real Decreto de 30 de agosto de 1914 establécese unha nova estructura da carreira de Maxisterio, habilitando unha única titulación para todos os mestres e mestras, con estudios de catro anos e exame de ingreso, en tanto que mantén o status da Graduada verbo da Normal.

        Durante os dous últimos cursos da carreira, os estudiantes de Maxisterio tiñan que realizar prácticas pedagóxicas nas escolas primarias, nomeadamente na Escola Graduada Anexa.

1931-1945

        No ano 1931, coa chegada da II República, créase un novo Plano de Estudios da carreira, chamado Plano Profesional a estudiar nas Escolas Normais de Maxisterio Primario, que destacou polo seu carácter innovador. Desaparecen en setembro as separacións e distincións entre Escolas de Homes e Mulleres, iniciándose a coeducación.

        En xaneiro do 1933 adóptase o acordo de comezar os chamados “almorzos escolares”  no comedor escolar para os nenos da Escola Graduada. Tamén se reparten prendas de roupa de abrigo para o alumnado necesitado

En setembro publícase un Regulamento, no que se establece que será requisito ter os estudios de Bacharelato para poderse iniciar no Maxisteria, a carreira durará tres anos e completarase cun ano de prácticas como alumno-mestre. O novo Plano reitra a asignatura de Relixión por ser o Estado laico e incorpora novas materias.

En xullo do 1936 prodúcese o levantamento militar reaccionario que provoca a Guerra do 1936-1939. A un mes de iniciado o golpe de estado, tendo Galicia caído en mans do réxime fascista, ten lugar un furibundo proceso de represión, mediante –entre outros métodos- “depuracións” fulminantes e a utilización do ensino para apuntalar os motivos políticos e relixiosos dos sublevados e non servir realmente á sociedade.

Unhas das primeiras víctimas, por exemplo, foron o director da Escola Graduada, Don José Toba Fernández e Dona Mª Rosario Sánchez Lubiáns, Auxiliar.

O persoal era seleccionado en función de criterios de “adhesión” ao  réxime dictatorial imposto. Así, no 1946, foi nomeada a porteira mediante un concurso-oposición a “excombatentes”.

No mesmo 1936 reimponse o ensino da Relixión, suprímese a coeducación, cancélanse os estudios de maxisterios nas Normais, depúranse a todos os alumnos-mestres.

En febreiro de 1940 establécese un novo Plano de estudios, o dos Bachareis-Mestres, no que só podían participar os “Alféreces provisionais” con determinados estudios: mostra da “longa noite de pedra” que viña de caer sobre ensino.

No 1942 apróbase un novo Plano –“Provisorio”- no que os aspirantes a mestre só debían vda. cultura xeral, como no de 1914

1945-1970: NOVOS PLANOS DE ESTUDIOS. O NOME “LÓPEZ FERREIRO”

        No 1945 publícase unha nova “Lei de Educación Primaria” pola que, para estudiar nas “Escolas de Maxisterio”, se necesita bacharel elemental e a carreira durará tres anos.

        Esta Lei establece, no artigo 16, que as Escolas de Maxisterio deberán ter un nome propio, o dunha figura ilustre. No 5 de xullo do 1947, o Ministerio de ensino dispón que, pola proposta do Claustro de Profesores da mesma Escola, esta pase a denominarse “ESCOLA DE MAXISTERIO LÓPEZ FERREIRO”.

        Daí, xa que logo, data o noso epónimo, do ilustre santiagués, galego universal, D. Antonio López Ferreiro.

        No 1950 díctase outro novo Plano, idéntico ao anterior e crea a obriga de asistir o alumnado a un campamento para realizar un campamento de verán que será impartido polas organizacións do partido político fascista único. Tamén desaparecen os cursos prácticos e de especialización, substituíndose por unha asignatura de Prácticas.

        Desa asignatura faise responsable o Rexente da Graduada Anexa, que tamén pasa a formar parte do Claustro da Escola de Maxisterio, tendo tamén a responsabilidade de supervisar o labor do alumnado en prácticas nas Seccións da propia Anexa.

        A principios do ano 1954, en cumprimento de diversa normativa, créase, na Escola Graduada, a Mutualidade Escolar “LópezFerreiro”, cunha Xunta de Goberno con pais e nais e unha Directiva de nenos adxunta e 87 socios fundadores, establecendo como primeira medida a aportación semanal de 1 peseta. Esta Mutualidade tiña como fins atender asuntos de ámbito educativo-social e de previsión. Desfíxose no ano 1958.

        Tamén se impartían nas aulas da Graduada Anexa os cursillos de Iniciación Profesional.

        Participouse desde entón en concursos de beléns e panxoliñas.

        Reanúdase a actividade do Roupeiro, que mesmo recibiu axudas do Ministerio de educación e da Caixa de Aforros de Santiago. Inaugurouse no Nadal do ano 1953, interpretando o coro diversos vilancicos.

        A partir do 1959 danse clases de técnicas Mercantís e Artes Gráficas por mestres do centro, despois do horario lectivo normal. Creouse, como actividade extraescolar, un coro que levou por nome “Escolanía López Ferreiro”, verdadeira coral, que obtivo moitos éxitos por toda Galicia. A prensa daquela época chamáballe aos nenos da Escolanía os “pueri cantores” e os “xílgaros da Normal”.

        No inicio do ano 1967 vólvese establecer outra Lei de Ensino Primario, que regula de novo todo o referente aos “colexios de Prácticas”.

DE 1970 A 1990

No ano 1970 promúlgase a Lei Xeral de Educación, coñecida como “Lei vda. Palasí” ou “Reforma vda. Palasí”, polo nome do minstro de educación impulsor da mesma.

Esta lei establece o ensino básico como obrigatorio, gratuíto e estendido dos seis aos catorce anos de idade, dividida en dúas etapas, 1ª (cunha duración de cinco anos) e 2ª (con tres anos), na que xa se impartían ademais as distintas especialidades.

Isto deu lugar a un novo Plano de estudios de Maxisterio, o “Experimental de 1971”, que acabou durando dúas décadas e no que a Escola Normal de Santiago pasou a ter o ampuloso nome de “Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Educación Xeral Básica de Santiago de Compostela” (en siglas: EUFPEXBSC -¡iso si que é un acróstico!-).

Este novo Plano de estudios incorpora e integra a formación de mestres á Universidade, polo que a Escola Anexa ve modificado o seu status en relación coa Escola Universitaria. Así, o Rexente da Anexa xa non formará parte do claustro da Universitaria, que tampouco exercerá a dirección daquela, que pasa a ser case unha escola “nacional” normal case inmersa no réxime xeral.

Por outra banda, o novo plano de estudios obriga a unha remodelación da impartición das novas especialidades e, como consecuencia diso, a dispor doutras instalacións máis actualizadas e versátiles, agravando un problema que viña de vello.

O alcalde de Santiago e profesor da propia Escola de Maxisterio xa anunciara no ano 1964 a construcción da nova escola, que realmente se comezou no 1967.

Como consecuencia de o Rectorado precisar dispoñer da súa nova sede no Pazo de San Xerome e da ralentización e parálise das obras durante varios anos, ambas escolas –a de Maxisterio e a Anexa- víronse obrigadas a utilizar unhas instalacións dos pavillóns turísticos e administrativos do Burgo das Nacións desde o curso 1972-73.

As condicións inaxeitadas para o ensino eran escandalosas para os anos 70 nunha cidade como Compostela, e, sobre todo, para unha Anexa. Módulos prefabricadas con tellado de uralita, escandaloso cando chovía pola peneira das pingas.

 

No curso 1975-76 ten lugar o traslado ao novo edificio sito na vda.. De Xoán XXIII, onde nos atopamos na actualidade. Cómpre salientar que a maior parte do edificio seguía, non obstante, en obras.

Ata o curso 1976-1977 non se iniciou a coeducación na Escola Anexa “López Ferreiro”, benia estar prevista na propia Lei do 1970.

No ano 1982 a Consellería de Educación da Xunta de Galicia recibe as transferencias das competencias educativas, entre as que se encontra a das Anexas, que a partir do 1984 pasará a ser un Centro Público de Prácticas dependente da referida Administración.

No ano 1987, a Consellería de Educación seguía a considerar o Colexio Público de Prácticas “López Ferreiro”, como aos outros Anexos, como de certo réxime especial e ao final de ano modifica o réxime de provisión de profesorado, que pasa a ser ordinario.

Desde entón, a situación xurídico-administrativa é de plena normalidade con respecto ao resto dos centros educativos do seu nivel de ensino.

DE 1990 A HOXE

Por outra banda, coa aplicación da Lei de Ordenación Xeral do Sistema Educativo de 1990, a 2ª Etapa de EXB –que, realmente, nunca, chegara a consolidarse como Ciclo superior- pasa, cos cursos de 7º e 8º, a engrosar unha nova etapa educativa, a da Educación secundaria Obrigatoria.

Inicialmente, o Colexio “López Ferreiro” imparte a Educación Preescolar –agora chamada Infantil, no seu segundo ciclo-, a Educación Primaria e o primeiro ciclo da Educación Secundaria. Posteriormente o alumnado de ESO incorpórase ao Instituto Xelmírez I, ao cal queda adscrito o Colexio.

Esta situación é a que mantemos no día de hoxe.

 

Nota: Información recompilada do libro “A Escola Normal de Santiago” editado pola Universidade de Santiago de Compostela  


 

       

 


 

Voltar á páxina principal