|
|
O magosto é unha celebración festiva de carácter cíclico porque representa o paso a outro ciclo agrícola; de caracter relixioso porque se fai en vésperas do día de Defuntos; e gastronómica porque coincide coa matanza, co viño novo e coa colleita das castañas. É a festa gastronómica máis vencellada coa castaña. Existen varias teorías sobre a orixe do nome do magosto a máis estendida é que vén do latín magus ustus algo así co significado de "gran/máxica fogueira”.
O magosto tradicional é unha merenda-cea no mes de novembro,
nos días
próximos ao San Martiño. Cando o lume está aceso, pícanse as castañas para que non rebenten coa calor. Xa coa cacharela apagada, amorean as brasas e poñen un cilindro metálico con furados que poida xirar sobre o lume no que se colocarán as castañas xa picadas. Cun pau longo de madeira vaiselle dando voltas ata que estean no seu punto. As castañas tamén poden asarse no lume directamente. Mentres se asan as catañas, os participantes fan cucuruchos
con papel para poder collelas sen queimarse. Segundo crenzas antigas a castaña era como un símbolo da ánima dos defuntos. Tradicionalmente outono, castaña e defuntos aparecen asociados na festa dos magostos. Enténdese que cada castaña comida é unha alma liberada do purgatorio. Dise tamén que despois da festa, as almas viñan a quentarse nas brasas das fogueiras, polo que cumpría deixar algo de castañas para a parroquia dos mortos.
Cando había moitos rapaces en Galicia eran
estes os que andaban á pillota
para facer os primeiros magostos. As
castañas comíanse asadas, cocidas, ou se facía fariña coas castañas secas ou
"pilongas",
para alimentarse durante todo o ano.
Hai anos, no tempo dos magostos era doado
toparse coas castañeiras vendendo a súa mercancía nas esquinas dalgunhas
rúas de Compostela, Ourense, e outras vilas, berrando ¡que ferven,
castañas quentiñas!. |
|||