ADIVIÑAS

"Unha cousiña cousa, criada no monte,
enxoita na casa e cómese sen tasa"

"Son verde e non son limón,
son moura e non son carbón,
son vermella e non son sangue,
son branca e non son papel,
¿Que cousa cousiña son?

"Eu nacín dentro dun berzo, onde ninguén tocar ousaba:
quen puña a mau non tornaba... Entre cidades e cortes me desexan ver crescida,
e as mulleres preguizosas comigo gañan a vida"

"¿Cal é a cousa, cal é ela, ten tres capas de inverno: a primeira mete medo, a segunda é lustrosa a terceira é amargosa?"

"Outo me vexo no meu lugarexo.
Por unha risada, perdín miña añada"

"Outos pais capeludas nais
e os fillos incha-foles, adiviña ti, si podes"

"Outo estou, color de ouro teño,
por unha risada perdo canto teño"

"Outo me vexo no meu canguerexo,
vexo vir e non podo fuxir"

"Outo, outo cabaleiro
dalle a risa e caelle o diñeiro"

"Alto foi meu nascimento de doncela recollida;
cando ia para me rir, tal foi a queda que dei
que a casa non máis voltei"

"Altetes, altetes con seus carrapetes;
con o riso que lle deu, todo se perdeu"

Ten pelexo coma a xente,
e é moi boa para comer;
chega polo mes de Santos
e todo o ano a tés.

 Alto me vexo
no meu capelexo,
por unha risada
quedeime sen nada.

 Alto está,
barbas ten,
ri e solta o que ten .
 

No aire se cría,
no aire se ten;
bota unha risada
e perde o que ten.

 

Unhas cantigas populares

"As castañas son castañas, os ourizos son ourizos;
os ollos da tua cara, para min son dous feitizos"

"Canta a rula, canta a rula, canta a rula naquel souto;
Probiño daquel que espera polo que está na man doutro"

"Esta aldeíña de Cambre, moito viva que na honra,
de mañá, por entre o souto, en busca da boa sombra"

"¡Dáseme tanto por ti, como si nunca te vira!
¡encólgate nun castaño coas pernas para riba!"

"Acabáronse as castañas, secáronse os castiñeiros,
acabáronse as rapazas; quedan os mozos solteiros

"A aldea de Palavea, de lonxe parece vila,
ten corredoira na entrada, e un souto sen saída".

"Acabáronse as vendimas ahí veñen as esfolladas
para comer coas nenas catro castañas asadas"

"Has de cantar que che ei de dar zonchos, has de cantar que che ei de dar moitos;
has de cantar e has de cantar, has de cantar que chos hei de dar".

"Teño un castiñeiro alto, no tronco ten mil enredos,
tampouco os enamorados poden te-los ollos quedos".

"Ábreme a porta, Marica, que che quero dar castañas;
-Eu a porta non cha abro, que ben sei as tuas mañas".

"Despídete, castiñeiro, das derradeiras castañas,
como me despido eu de xogar coas rapazas".

"Vólve, Xuana, Vólve, Xuana, que has de atopar unha boa castaña;
vólve, mi niña, vólve a vir, moito no souto habemos de rir"

"Castañas asadas e viño con mel;
e a miña señora detrás do tonel"

"Non chas quero, non chas quero, castañas do teu magosto.
Non chas quero, non chas quero, que me cheiran a chamosco"

"A castaña no ourizo quixo rir e reventou:
caendo castiro abaixo, mira que golpe levou"

"Miña nai, doime a barriga, Miña filla, confesión.
As castañas que comiche ¿de qué castiñeiro son?"

"As castañas ben se comen, o viño vaise bebendo;
o cariño vai entrando e a honra vaise perdendo..."

"Pínguili, pínguili, taba pingando. Fúnguili, fúnguili, taba fungando. Si pínguili, pínguili non pingara; fúnguili fúnguili non fungara"

"Naquela banda do río, ten meu pai un castiñeiro;
bota castañas no outono, uvas no mes de xaneiro"

"Aquel vello castiñeiro, esquecendo a súa cañota,
ergue os brazos rexoubeiro;
ouce do vento e punteiro, e quere bailar a jota"

Teño un castaño moi alto,
/ no tronco ten mil enredos,
/ tampouco os anamorados
/ poden te-los ollos quedos
.

E uns poemas

"Castaños de Dormeá,
os do corpo ben comprido,
de graciosa estatura,
dobrados e ben seguidos:
¡ouh! Castaños somellantes
ós celtas nosos antigos;
a quen as edras demostran
amor, con abrazo amigo:
os arrebatados ventos
do mes bretumoso e frío
de Xaneiro, entre vós fungan
dando doentes suspiros:
e o musgo dos vosos gallos,
ermos e desgornecidos,
ó impulso das duras ráfagas
vai lonxe caer rompido" ...
Eduardo Pondal
 


..."¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
Sin bruxas nin demos;
Un maio sin segas,
Usuras nin preitos,
Sin quintas nin portas,
Nin foros, nin cregos."
Curros Enriquez

 

 Este poema, empregado como xogo de nenos, foi recollido por Marcial Valladares

"Debaixo dun castiñeiro
paseando unha galiña
caeu degarado ourizo
e un golpe lle deu na crista,
bota a correr a galiña
e dille de presa ao galo:
-Fuxa, señor galo, fuxa,
que cae o ceo en anacos.
-Quén llo dixo, ña galiña?
-Sentin un na coroniña.
Apreta o galo a correr
e, cô raposo encarando:
-Fuxa, -dille,- señor Pedro,
que cae o ceo en anacos.
- Quén llo dixo, señor galo?
-Dixo a señora galiña.
-Quén llo dixo, ña galiña?
-Sentin un na coroniña.
Bota o raposo a correr
e, atopando o can ao paso:
-Fuxa, -dille,- siñor can,
que cae o ceo en anacos.
-Quém llo dís, señor raposo?
-Díxomo o siñor galo.
-Quén llo dixo, señor galo?
-Dixo a señora galiña.
-Quén llo dixo, ña galiña?
-Sentin un na coroniña.
Bótase o can a correr
e cô lobo tropezando:
-Fuxa, -dille,- señor lobo,
que cae o ceo en anacos."

 

REFRÁNS SOBRE A CASTAÑA

          "O que non sabe maña, non come castaña.

"Por San Martiño faise o magosto con castañas asadas e viño ou mosto"

"Castañas, noces e viño, fan as delicias do San Martiño"

"Polo San Martiño vai ver o teu soutiño"

"Fíate das castañas asadas, que se estoupan, sairanche á cara"

         A castaña no agosto quere arder, e no setembro beber.

         A castaña que está no camiño é do veciño.

         As castañas no Nadal, saben ben e pártense mal.

        Temperá é a castaña que no setembro regaña.

        Sempre un porco ruín ha atopar a mellor castaña.

        Con castañas asadas e sardiñas salgadas non hai ruín viño.

        A castaña e o besugo, no febreiro non ten zugo.

        Se chove na semana do San Mateo non prepares canizo porque non hai ourizos.

   EXPRESIÓNS COTIÁS:

 Auga de castañas: dise do café frouxo.
Quedar en auga de castañas: algo que non tivo importancia.
Estalarlle a castaña na man: cando un cae na propia trampa.
Non estar para asar castañas: non ter ganas de festa.
Sacarlle as castañas do lume: librar a un dun problema.
Darlle unha castaña: zurrarlle na cara.
¡Toma castaña!:
levar un chasco.
¡
Pegarse un castañazo!: Pegarse un golpe forte.
Coller unha castaña: Emborracharse.
Estoupou como unha castaña: unha explosión seca.
¡Manda castaña!
: Algo que non ten xustificación, que sorprende a un.

 

                                                                                           volver