
Segundo as nosas tradicións, as almas viñan á terra no "día de defuntos" con moi diversas fins. Por iso nuns lugares púñanlles de comer, para que non pasasen fame; noutros botaban ese día un gran pau ó lume, para que se quentasen no caso de teren frío; noutros era considerado pecado barrer pola noite a cociña porque se lles daba para atrás, impedíndolles que se achegaran á lareira; e noutros tiñase por acción inhumana pechar de golpe as cancelas ou portelos, porque se mancaban.
Segundo a tradición galega, probablemente de orixe celta, o cortello da Santa Compaña compoñeno os espectros dos mortos que saen cada noite sobre as doce, alumeados cada un cunha tea acesa. Partindo dunha igrexa inician o seu percorrido. Nalgunhas versións,cóntase que diante da Compaña vai un cristián acompañandoa e portando unha cruz e, para se librar dela, debe esperar a que outro cristián se cruce no seu camiño. Daquela entregará a éste a cruz que levará durante o resto da sua vida, de non ser que se cruce con outro. Disque saen a visitar aos vivos e a lles anunciaren que en menos dun ano lles chegará a morte. Os mortais temen atoparse con ela por medo de que sexan os escollidos.