É un dos poetas da xeración do 25 que incorporan á literatura galega as novas correntes das vangardas literarias europeas.
Manuel Antonio Pérez Sánchez naceu en Rianxo. Desde moi novo vencéllase ó nacionalismo polas súas inquedanzas políticas.
Comenza estudios de Filosofía, pero posteriormente faise piloto da Mariña Mercante na Escola de Náutica de Vigo. En 1926 embárcase para navegar polo Atlántico, África e América, pero en 1929 debe deixar de navegar definitivamente por motivos de saúde.
Literariamente entra en contacto coas vangardas europeas sendo o máis importante representante da corrente do Creacionismo, movemento poético que rompe totalmente coa tradición anterior, onde o poeta é un deus, xa que prescinde de toda referencia real, e crea a súa propia realidade autónoma.
No centro da temática de Manuel Antonio está o mar, e a súa profunda vivencia do mar é a que humaniza esta poesía creacionista, tan técnica e ás veces fría, xa que a xustaposición de imaxes é o centro ou armazón do poema.
Na súa
obra destaca "Máis Alá", manifesto no que rexeita a
tradición literaria galega, aínda que sí defende o uso
do galego. En "De catro en catro", o autor ofrece esa visión
do mar desde o propio mar, tema predominante na súa poesía que
foi realmente innovadora, xa que supuxo unha renovación radical dentro
da poesía galega.![]()