![]() |
![]() |
Os artesáns campaneiros, dos que trata este traballo, son dos que teñen un obradoiro e reciben os encargos da nosa Comunidade e doutras partes de España, como no seu momento foi o encargo das campás da Catedral da Almudena en Madrid. |
|
Pero
non todos son así. Hai anos abondaban os campaneiros itinerantes,
ian onde os chamaban. Alí tiñan que facer os fornos, os
moldes, e as zanxas para soterralos. Colaboraba toda a xente da vila.
Os nenos recollían esterco de cabalo, que mesturado co barro, evitaba
as fendas nos moldes. Tamén nalgún caso, chegou a rezar
toda a xente polo éxito do fundido das campás. Tamén
aproveitaban a calor dos fornos para "facer curacións"
ós nenos e anciáns que tiñan algunha doenza.
|
O toque de campás tiña tamén o seu ritual. Ademais de comvoca-los fieis ós oficios relixiosos, podían tocar pola morte dalgún veciño ou convoca-la xente no caso dalgunha desgracia. Tamén tiñan características especiais nas vilas mariñeiras, onde servían para guia-los barcos á costa cando o mal tempo ou as brétemas non permitían ver con claridade . |
|
Na vila de Laza tocaban as campás tódolos días do mes de Maio, á unha do mediodía, para escorrenta-las treboadas do mes. É moi coñecida a "Lenda das campás e o Tronante de Matamá". Os Tronantes eran uns seres que provocaban tronos e raios por riba das nubes. Isto era causa dos desastres nas colleitas, polo que a xente estaba moi farta destes seres. Contan que polo San Xoan, un ano, o ceo púxose de trono. Todos correron a cobixarse, e un Tronante caeu no chan. Era un ser mouro, gordecho e moi peludo, ía espido e semellaba chamuscado. Aquí poideron proba-la eficacia das campás para escorrentalos. Pero era preciso tocar ben, porque de non facelo, o trono podería volver contra os campaneiros. |
Esta lenda pode se-la base das crenzas da capacidade das campás para alonxa-los malos espíritos. As palabras que acompañaban ó toque das campás eran: "Garda viño, garda pan, garda fuego de alquitrán". E tamén: "Tente trono, tente en ti, que Deus manda, máis ca ti". Da presencia das campás na vida rural dan fe, entre outros, os poemas de Rosalia de Castro. As campás de Bastabales e as do Pomar fan a súa chamada á saudade. Tamén son nomeadas por Valle-Inclán: "familiares como a voz das avoas". Fernández Florez fala delas no Bosque animado, tamén Manuel María di delas que: "chaman a vivos e defuntos". |
|
Aparecen no Refraneiro: "Bens de campá, dáos Deus e o demo os derramará" E nas adiviñas: "Que cousa é que cun só dente chama pola xente?" E como remate lembrade que: "ás veces, as campás soan sen que ninguén as toque, entón non poden ser máis cas ánimas." |
![]() |