Tradición
Románico en Galicia
O colectivo dos canteiros tiña unha estructura moi pechada na Idade Media. É coñecido o feito de teren unha linguaxe propia: o latín dos canteiros ou verba dos arxinas. Parece que o que a motivou foi a chegada a Galicia de moitos mestres canteiros doutras partes do país. Desta forma conseguían comunicarse entre eles. Parece ser que era un vocabulario, de verbos e nomes, de case 5000 termos. Algúns máis coñecidos son: auga-oreta, augardente-oreta xida, barro-patelo, canteira-releira, corda-xordelana, encargado-buxa dangres... Hai tamén varios textos recompilados de cantos de erguer, que recitaban mentras levaban a cabo a tarefa de ergue-las pedras.
Detalle do Pórtico da Gloria
Catedrais, igrexas, conventos, claustros, pazos...son obra dos canteiros galegos. É a cantidade de pedra granítica do noso país o que fai que proliferen estes artesáns.
Claustro
Cruceiros
Peto de ánimas
Soportais
Balaústre
Balcóns
Escudos
Capitel
Cruceiros, petos das ánimas, soportais, vivendas, escudos, esculturas, balaústres... forman parte da nosa paisaxe e lembran o traballo dos canteiros.
Imos lembrar aquí unhas cantigas de erguer. Este traballo requería o esforzo conxunto de varios homes, para facilita-lo sincronismo dos movementos usábanse estas cantigas.

¡Vai, pedriña, vai!
¡E vai, miña pedriña, vai!
¡Pedriña, vai...!
¡E vai..., e vai..., e vai...!
¡Carguen valentes...!
¡Carguen por todos...!
¡Ese socairo en seu descanso...!
¡Arriba por todos...!

¡Non desmaiare...!
¡Ampara alén...!
¡Eixiña o labrexo...!
¡Vai dala chumeira...!
¡Ven enseguida...!
¡Carguen mociños...!
¡Que está chegando ó seu descanso!
¡Ala por todos...!

O fermoso legado destes artesáns está á vista de todos, é unha mágoa que moitos, dos que aínda existen, non teñan oportunidade de deixa-los seus coñecementos. Este oficio artesanal non é competitivo na nosa sociedade. A pedra é moi valiosa e os canteiros non poden arriscar perdela nas mans inexpertas dos aprendices. Por iso segue a ser unha tradición familiar, o que aprende na casa, seguirá traballando a pedra.

E para rematar unha frase na súa verba que define o traballo destes artesáns:
"muriadores de xideces que xarecen muriadas por Queicoa", que ven dicir: autores de marabillas que semellan feitas por Deus.

Volta ó índice
Volta ó índice xeral
Volta ó inicio da canteiría
Volta ó inicio da  canteiría