Castelao 1886 - 1950

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é a figura de máis relevo na cultura galega do SXX: literato, debuxante, ensaísta e, sobre todo, fondamente coñecedor da psicoloxía do pobo galego.

Naceu en Rianxo nunha familia mariñeira, moi novo emigrou á Pampa (Arxentina) xunto coa súa familia. De volta a Galicia, estudia Medicina en Santiago, onde foi moi popular polas caricaturas que facía dos seus compañeiros e profesores. En Madrid fixo a tese de doutoramento e cando volve a Rianxo exerce como médico ó tempo que participa na política municipal.

Nos anos do esplendor do agrarismo participa activamente coas Irmandades da Fala: expón debuxos, dá conferencias, colabora coa prensa, etc. Estivo moi vencellado ó grupo ourensán e dirixiu a revista Nós.

Militou no Partido Galeguista, sendo elexido deputado ás Cortes da República pola provincia de Pontevedra, alí adicouse a defende-la língua galega e o Estatuto de Autonomía para Galicia.

A guerra do 36 sorprendéuno en Madrid polo que tivo que desprazarse co goberno da República ata o seu definitivo exilio en Bos Aires, onde finou no ano 1950.

En 1984 os seus restos foron trasladados a Galicia para seren soterrados no Panteón de Galegos Ilustres en Santiago de Compostela.

Castelao, aínda que estivo estreitamente vencellado ó grupo Nós; quizais pola súa procedencia social, a súa obra é máis próxima ó pobo, polo que gaña en calor e fondura humana. Tamén na súa actividade política amosa un claro compromiso co pobo.

É un escritor prolífico e polifacético, a súa obra abrangue Narrativa, Ensaio e Teatro.

Unha característica deste autor é que a súa obra pictórica non é doado separala da súa producción literaria. As "Cousas da Vida" e os "Cincoenta Homes por Dez Reás" constituen a fórmula máis orixinal de Castelao. Son debuxos que levan un pé dialogado, unhas veces, e comentarios cunha ilustración, outras. É un xénero de arte gráfica que emprega na prensa como canle de expresión.

O traballo ensaístico está orientado a defender a Galicia do centralismo do Estado. Castelao está considerado como un clásico da historia do galeguismo.