O cesteiro

Don Manuel Lauda, no taller da súa casa, con algúns exemplos do traballo feito.

Con él lembramos outra estrofa da cantiga popular que fala dos cesteiros:

..."Cando vamos á feira cos cestos a vender, chamamos ás mulleres que nolos veñan ver"...

Manuel Lauda, cesteiro
Rematando un cesto

..."E son bos cestos, se son, son, son... que coma os meus non hai ningún bon. E son bos cestos, míremos ben, pois coma os meus xa non os fai ninguén"...

Era unha maneira de chama-la atención sobre a súa mercancía. Aunque non é necesario no caso deste artesán que reflexa na súa cara a satisfacción polo traballo ben feito e disfruta espallando o seu coñecemento do oficio.

Por estes motivos ten un apartado no Museo das Mariñas e alí é nomeado coma o "último cesteiro de Betanzos".


Hai pouco descobrimos que Don Manuel Lauda amais de artesán era un poeta. Aquí está un dos poemas que nos entregou cunha fermosa cesta na derradeira visita o seu obradoiro.

Teño unha casiña branca

Teño unha casiña branca
dende a fiestra a ría vexo
vexo a igrexa de San Paio
e máis Betanzos o Vello
vexo a "Cidade Garela":
Betanzos dos Cabaleiros.

Teño unha casiña branca
pretiño dunhos loureiros,
alí onde fai o niño,
onde ledo canta un merlo,
canta ó refreixo do sol
desque se vai o inverno.

Na miña casiña branca,
no meu humilde aposento,
teño paz, saúde e amor,
que valen máis que o diñeiro;
con eso teño dabondo.
Estou ledo coma o merlo
que cada mañán escoito,
cando desperto no leito,
o seu canto agarimoso,
o seu cantar feiticeiro.

Na miña casiña branca
vivo soñando que é certo:
soño que aínda son mozo
pero, a verdade, vou vello.
¡Que axiña se vai a vida!
fuxe coa presa do vento
cando zoa nos loureiros
onde xa non canta o merlo.
¡Está triste o paxariño
porque se achega o inverno!.

Teño unha casiña branca,
xa non teño máis desexo.
Tendo paz, saúde e amor
teño todo canto quero,
se algo máis quixera ter,
sería vivir no ceo.

ADUAL/96

 

Volta ó inicio