Manuel Curros Enríquez forma con Rosalía e Pondal a gran triloxía do Rexurdimento Galego.
Curros pon a súa vida e a súa obra ó servicio das súas ideas, que son as dun demócrata enfrontado a todo tipo de inxusticia.
Naceu en Celanova (Ourense) no seo dunha familia burguesa. Por problemas familiares, moi novo saíu da casa, estudiou en Ourense e logo en Madrid a carreira de Dereito. Durante esta época colabora na prensa e mantén estreitas relacións cos intelectuais galegos, sendo cofundador da sociedade "Galicia Literaria".
No ano 1877 convócase en Ourense un certame poético no que o premio concederíase ó poeta que presentase as tres mellores composicións sobre: un costume, unha lenda tradicional e un tipo galego.
O premio concedéronllo a Curros polas obras presentadas:
Unha boda en Einibó. A Virxe do Cristal. O gueiteiro.
A raíz deste premio estableceuse en Ourense e adicóuse definitivamente á Literatura.
Posteriormente foi procesado por denuncias do Bispo de Ourense, a causa de que algúns dos poemas do seu primeiro libro publicado "Aires da miña terra", foron considerados como ataques a varios dogmas.
No ano 1894 emigrou a Cuba, foi moi ben recibido e fixo un intenso labor polas letras galegas na Habana, onde morreu no ano 1908. Os seus restos foron trasladados a Galicia.
Curros cría firmemente na función social da poesía. O poeta ten que ser un loitador, acadar un compromiso co pobo. Neste senso anima ós poetas a loitar contra as inxusticias. En "Aires da Miña Terra" amosa como a situación da Lingua era tamén consecuencia da opresión que padecía o pobo galego.
Nos poemas costumistas segue o modelo de Rosalía, en canto ós recursos empregados; pero sempre aparece o seu compromiso. Respecto ó aspecto lírico, rexeita a lírica romántica como unha forma contraria a súa poesía cívica, pero aínda así, ás veces expresa os seus sentimentos en poemas como "Ben Chegado" ou "¡Ai!" (adicado ó nacemento dun fillo, no primeiro caso e a morte doutro, no segundo).
Curros considera como a mellor das súas
obras "O Divino Sainete" publicado en A Coruña no ano 1888.
É unha obra satírica que parodia libremente á Divina
Comedia. ![]()