É das primeiras figuras femininas da Literatura galega. Está entre ese grupo de poetas que, dalgunha maneira, considéranse sucesores do Rexurdimento. Son contemporáneos do modernismo, pero mantivéronse afastados desta corrente por seguir a tradición lírica galega, romántica e realista.
Francisca Basilisa Herrera Garrido naceu en A Coruña no seo dunha familia da alta burguesía coruñesa. Estivo moi unida a súa irmá Queta coa que viviu sempre.
Non estudiou ningunha carreira pero sí recibiu a formación de cultura xeral propia das mulleres da súa clase, segundo os esquemas culturais da época. Nunca exerceu ningún traballo remunerado, viviu das rendas que os seus pais lle deixaron.
Francisca Herrera é unha escritora autodidacta, moi afeccionada á lectura e cunha grande admiración por Rosalía á que coñeceu persoalmente sendo Murguía quen propiciou a publicación das súas obras.
Escribiu varias coleccións de versos:"Sorrisos e Bágoas", "Almas de muller", "Volallas na luz". Neles destaca un sentimento da vida campesiña e da alma popular semellante ó de Rosalía. Na súa obra conxúgase o elemento lírico co realismo que fai que se manteña alonxada de toda sensiblería.
Escribiu unha novela longa titulada "Néveda" na que máis que o argumento, hai que salienta-la linguaxe, e o estilo. Emprega un vocabulario rural de gran variedade que lle serve para expresa-los matices da cor da paisaxe.
É a primeira muller
elexida para ocupar un sillón na Real Academia Galega; pero todo parece
indicar que non había moitos desexos de que unha muller fose académica,
porque tardaron cinco anos en cumpri-los trámites burocráticos
para que ocupase, de feito, o devandito sillón académico.![]()