Iglesia Alvariño 1909 -1961

Aquilino Iglesia Alvariño é un dos máximos representantes do paisaxismo humanístico, tamén chamado neovirxilianismo. Esta é unha tendencia que está relacionada coas Vangardas aínda que ten o seu inicio na obra de Noriega Varela continuada posteriormente por Crecente Vega, Xosé Mª Díaz Castro e o propio Iglesia Alvariño.

Estes catro autores teñen en común, a parte da súa formación, a terra do Norte de Lugo, que será a paisaxe que nos amosen nos seus poemas, o que fai deles "Os poetas do Norte de Lugo".

Iglesia Alvariño naceu en Seivane-Abadín (Lugo). Estudiou no seminario de Mondoñedo, pero abandoada a carreira eclesiástica fixo Filosofía e Letras na Universidade de Santiago para adicarse ó ensino como catedrático de latín.

A obra deste autor, está influenciada pola cultura latina, que se demostra no rigor formal dos seus versos. Trata o tema da paisaxe, humanizándoa. É unha paisaxe chea de resonancias clásicas onde aparece recurrente o tema da soidade.

O primeiro libro "Señardá" contén sonetos de influencia modernista e o saudosismo portugués será o que o caracterice. En "Corazón ó Vento" emprega o verso libre e elementos surrealistas.

A obra que acada a madurez poética é "Cómaros Verdes". De versificación libre, cunha estética bucólica que se manifesta no descriptivo dos seus versos, como tema trata a recuperación do paraíso perdido que é a infancia.

No ano da súa morte publicou "Lanza de Soledá" no que volve ó soneto facendo meditacións sobre a vida, o paso do tempo e a morte.

Amosa unha grande preocupación pola linguaxe que tamén se manifesta nas excelentes traduccións de textos clásicos.