Losada Dieguez 1864 - 1929

Antonio Losada Dieguez naceu en Boborás, Ourense, no pazo de Moldes. Por ámbalas dúas ramas procedía de familias fidalgas, da nobreza galega do Antigo Réxime.

Influido polo ambiente carlista conservador e católico no que se desenvolveu, será esta a ideoloxía que marcará a súa traxectoria política de nacionalista galego.

Estudiou Letras na universidade de Deusto. Volve a Galicia e desenvolve unha actividade académica a carón de Cotarelo Valledor, do que foi profesor axudante, ó tempo que da os seus primeiros pasos políticos, na Estrada, nas campañas agrarias (1918 e 1919) deste distrito.

Unha constante do seu pensamento e actividade foi a tendencia a crear organizacións no seo das clases populares. Toma contacto cos intelectuais galeguistas da época, á volta de Madrid, cando se instala en Ourense como catedrático de Instituto. Relacionouse coas Irmandades da Fala influindo notablemente en moitos dos seus próceres.

Losada Dieguez cría firmemente que a transformación da sociedade haberíase de facer na conciencia mesma dos homes para que así cambiase o sistema.

O seu pensamento político aséntase en tres pilares: Agrarismo, supón centra-la producción e a vida sobre bases naturais, devolvendo a liberdade, e a dignidade ó pobo. Galeguismo, para impedir que o pobo perda a súa lingua, as súas institucións e a súa historia, Catolicismo, porque a finalidade última do home é espiritual, por iso ten tanto empeño en galeguiza-la Igrexa ou cristianiza-lo galeguismo.

En 1924 ingresa no "Seminario de Estudios Galegos" cun traballo titulado "Ouservacións encol da Prosa Galega". En relación coa súa intensa vida política e cultural publicou moi pouco en canto a poesía se refire, pero si compre destacar os ensaios filosóficos e literarios, "Os Camiños do Agrarismo Galego" e "A significación profunda do Galeguismo".

Losada Dieguez tivo un inmenso afán por galeguizar ó máximo tódolos ámbitos da vida desde o artístico ata o deportivo acadando un alto prestixio entre os intelectuais do seu tempo.