É todo un símbolo das letras galegas, así como da resistencia de tipo cultural ante o franquismo.
Ramón Otero Pedrayo naceu en Ourense. Estudiou en Santiago Filosofía e Letras, en Madrid acada a licenciatura de Dereito e o doutoramento en Filosofía.
De volta a Ourense vencéllase ó grupo de Irmandades da Fala e incorpórase ó Seminario de Estudios Galegos. Exerce como catedrático de Xeografía e Historia nun Instituto, pasando por Burgos e Santander ata que chega a Ourense.
Xunto con algúns compañeiros crea o Partido Nacionalista Republicano que máis tarde habería de se integrar no Partido Galeguista. Desde o ano 1950 ocupou a cátedra de Xeografía na Universidade de Santiago ata a súa xubilación en 1958, entón foi vivir ó Pazo de Trasalba ata a súa morte.
A súa obra literaria abrangue; Narrativa, Ensaio e Teatro.
Otero Pedrayo é a figura máis destacada da historia da prosa galega, pola súa fecundidade, polos seus valores literarios e sobre todo polo noves¡doso da súa obra narrativa.
Comenza a súa andadura con tres relatos breves "O Purgatorio de D. Ramiro", "Pantelas Home Libre" e "Escrito na Néboa", deixando ver o que constituirán os dous eixos do mundo novelesco de Otero, que son: o fidalgo e a paisaxe.
"Os Camiños da Vida" é a segunda e máis ambiciosa das súas novelas. É unha triloxía na que pon de manifesto a decadencia da aristocracia rural galega, o ascenso da burguesía nas vilas e, como consecuencia, os cambios dos modos tradicionais da vida. En "Arredor de sí" retrata a súa xeración e como os homes do grupo Nós chegaron ó galeguismo.
A obra ensaística de Otero Pedrayo ten como centro a Galicia, aproveita as viaxes para describi-la paisaxe e facer unha interpretación da cultura e da historia de Galicia como se percibe en "Pelerinaxes", "Guía de Galicia" e "Ensaio Histórico sobre la Cultura Gallega", este último foi pensado e preparado en galego, pero publicado en castelán e ven a ser unha síntese do desenvolvemento histórico-cultural de Galicia.
Outros dos xéneros
que cultivou este autor foi o Teatro. A primeira peza, "A Lagarada",
posiblemente sexa a de maior interese. Trátase dunha traxedia na que,
arredor do tema central, que é a vendima, amosa a forza das paixóns
coma a cobiza, a luxuria, etc. Deseña uns personaxes populares con gran
realismo intercalando esceas de fantasía. Escribiu ademais "O desengano
de Prioiro" e "Noite Compostelana". Cómpre salientar que
ten dez pezas máis baixo o título de "Teatro de Máscaras"
que permaneceron inéditas ata o ano 1975.![]()