Vicente Risco 1884 - 1963

Vicente Martínez-Risco y Agüero é, xunto con Otero Pedrayo e Cuevillas, un dos máximos representantes do Grupo Nós. Pertence a unha xeración que realizou un importante traballo de fortalecemento da cultura galega.

Naceu en Ourense, cursou a carreira de Dereito en Santiago. Posteriormente en Madrid estudiou Maxisterio, de volta exerceu como profesor de Historia na Escola Normal.

Relacionouse coas Irmandades da Fala, onde, cada vez máis, deixase ve-la súa influencia. Viaxou por toda Europa estudiando Etnografía e Folclore, publicando as súas experiencias na revista Nós. Fundou, con Otero Pedrayo, o Partido Nacionalista Republicano, que máis tarde desembocaría na creación do Partido Galeguista. Despois da guerra do 36, reside en Ourense adicado ós estudios de Etnografía ata a súa morte, no ano 1963.

Como case tódolos compoñentes deste grupo xeracional tivo unha formación literaria baseada nas correntes de finais do S.XIX. Coa súa obra ensaística "Nós os inadaptados" pon de manifesto como evoluciona ideolóxica e estéticamente o grupo, como descubren que Galicia e as súas xentes poden estar á altura europea, por iso adquiren o compromiso de traballar pola dignificación da realidade galega conectándoa con Europa, sobre todo para supera-lo aillamento da literatura galega.

A obra literaria de Vicente Risco abrangue Narrativa, Ensaio e Teatro.

A narrativa é de carácter intelectual moi conectada coa súa producción ensaística porque sempre está presente o seu pensamento filosófico.

Ten narracións curtas como "O lobo da xente" e "A trabe de ouro e a trabe de alquitrán" nas que pon de manifesto os seus coñecementos da etnografía galega. "A coutada" trata dun diálogo, entre o protagonista e a muller, sobre como encontrarán a felicidade se volven á casa herdada porque supón o vencellamento á terra ás súas orixes.

"O porco de pé" é unha novela longa que ven a se-lo culmen da narrativa de Risco, amosa a vulgaridade dunha familia da nova burguesía en contraposición coa intelectualidade do Dr. Alveiros. É unha visión satírica duns persoaxes e dunha determinada vida social.

No ensaio destaca o seu afán didáctico. Está considerado como o principal ideólogo das Irmandades da Fala. Coa obra "Teoría do Nacionalismo Galego" pretende exaltar a Galicia a través da língua, da terra e da raza.

Respecto á producción teatral, somente ten unha obra: "El Bufón de El-Rei". É unha obra en catro actos que se desenvolve na época medieval. Trata dos amores da raíña Iolanda cun capitán, o drama ten un final tráxico e no desenvolvemento da acción ten que ver coas ficcións da corte do Rei Artur.

A importancia deste autor ven dada, fundamentalmente, polo grande impulso que lle deu á prosa galega, proporcionando un método científico, á altura de Europa, para o estudio da cultura galega.