A PONTE
-¡Ola! -berrou Teo,
baixando do seu burro.
-¡Ola! - respondeu unha voz
dende a outra beira do río, e outro rapaz baixou do seu burro.
-¿Cómo te chamas? - preguntou Teo.
-Dimitri - dixo o outro
- ¿E ti? -Teo - contestóu o primeiro.
Os dous rapaces miráronse. ¡Que pena non poderen xogar xuntos! A vila de Teo estaba a unha beira do río e a de Dimitri á outra. Os habitantes das dúas vilas nunca se atoparan porque o río era moi ancho.
-Teo - chamou Dimitri -. Gustaríame que houbese unha ponte sobre o río. Así ti pederías vir á miña casa e montar no meu burro.
-E ti poderías montar no meu - respondeu Teo-.Pero, ¿cómo poderemos construir unha ponte?
-Preguntareille a meu pai - dixo Dimitri -. Meu pai é o alcalde da nosa vila.
-E o meu é o alcalde da nosa - dixo Teo-. El saberá o que hai que facer.
-Ata mañá - berrou Dimitri. -Ata mañá - respondeu Teo.
E os dous rapaces montaron nos seus burricos e regresaron á casa.
O pai de Teo levaba unha longa túnica vermella e unha gran medalla cunha cadea de ouro arredor do colo, que non se quitaba nin para durmir, por se en plena noite tiña que tratar algún asunto urxente.
Teo faloulle da ponte a seu pai e seu pai dixo: "¡Hum!". Despois reuniu ós habitantes da vila e expúxolles a idea. Todos ficaron un momento pensativos e despois dixeron: "¡Hum!"
- ¿Decátaste de que os maiores sempre dicen "Hum" cando pensan? -comentou Teo ó seu burro-. Non comprendo como esta palabriña pode significar tantas cousas.
Pero o burro non dixo nada porque estaba moi ocupado comendo un cardo. Teo acompañou a seu pai e a outros habitantes da vila ata o río. Na outra beira viron a Dimitri e a unha morea de xente que lles acenaban e saudaban:
- ¡Eh! ¡Ola! ¡En! ¡Ola! Cando todo o mundo calou, o pai de Teo deu uns pasos cara adiante e dixo:
-¿Qué vos parece a idea de construir unha ponte? A súa voz soou poderosa á outra beira do río. Alí o pai de Dimitri adiantouse tamén uns pasos e, poñéndose nos bicos dos pés para semellar máis alto, berrou:
-Iso é precisamente o que eu lle ía preguntar. Fágamolo axiña.
Os homes de ámbalas dúas beiras do río comezaron talar as árbores máis grandes que puideron atopar, mentres as mulleres saían correndo para dar a todos a noticia da construcción da ponte. Durante varios días os homes non fíxeron outra cousa que cortar árbores. Estaban tan entusiasmados co que facían que non se sentían cansos. Á fin houbo árbores dabondo, coidadosamente amoreadas en ámbalas dúas beiras do río, para empezar a ponte. Aínda que todo o mundo traballaba en firme, tardaron un ano en remátala. Cando estivo sólidamente fixada a derradeira táboa, os traballadores retiráronse un pouco para admirar a súa obra. Estaban impresionados polo grande e forte que parecía a ponte. No medio colocouse , unha enorme placa de ouro, que dicía con grosos caracteres:


Teo non puido agardar. Dun chouto montou no seu burro e dixo:
-Vou cruzar ó outro lado.
Dimitri fixo o mesmo e os dous amigos atopáronse no medio da ponte. ¡Por fin podían falar sen necesidade de dar voces! O pai de Teo dirixiuse andando cara ó centro da ponte, e o pai de Dimitri fixo o mesmo. Cando estiveron xuntos déronse un apretón de mans. Despois, de súpeto, todo o mundo correu cara á ponte, rindo e saudando por primeira vez os seus veciños. Todos estaban de acordó en que a ponte era algo realmente marabilloso.
Dende entón, Teo ía tódolos días xantar a casa de Dimitri e Dimitri ía merendar á de Teo. Montaban o un no burrico do outro, percorrendo arriba e abaixo as dúas beiras do río. ¡Nunca o pasaran tan ben!
Pero unha mañá Dimitri espertou ó oír un gran balbordo na rúa. Á noite, alguén do outro lado do río roubara ao granxeiro Baltasar o seu mellor nabo. Dimitri vestiuse a fume de carozo pero seu pai prohibiulle achegarse á ponte.
-Nos non queremos nada con ladróns e salteadores - dixo, e ordenou a Dimitri que quedase na casa. Mentras tanto, Teo e o seu burro agardaban ós seus amigos, extrañándose de que non aparecesen e preguntándose o que pasaría. Pero aquel día ninguén cruzou a ponte. Aquela mesma noite dous homes da vila de Dimitri atravesaron a ponte na procura do nabo de Baltasar. Non o atoparon e, en vinganza, levaron canda eles a mellor cabaza do granxeiro Xenaro.
Ó día seguinte, os habitantes das dúas vilas estaban furiosos.
-Derrubemos a ponte -berraban e, cando chegaron a ela, ficaron mirándose con caras de poucos amigos.
-Devolvédeme o meu nabo - berraba o granxeiro Baltasar.
-E vos devolvédeme a miña cabaza -reclamaba o granxeiro Xenaro.
-¡Narigón! -insultou alguén.
-¡Gordinflón! - respondeu outro.
-¡Toma! -berrou un terceiro. ¡Uff, oh, agg, bam, plaf, plof, zas, pim, pam!
No medio da ponte armouse unha tremenda liorta. Teo, Dimitri e os dous burros observaban tristes a escea. A pelexa durou varios días e varias noites, ata que pouco a pouco a xente se foi retirando as súas casas para curar mazaduras e feridas.
-¡Derrubemo-la ponte! -berrou o pai de Teo.
E o pai de Dimitri berrou á súa vez:
-¡Abaixo a ponte!
Pero a ponte fora construida a conciencia e, por moito que fixeron, non pudieron destruíla. ¡Estaba edificada sobre a amizade e a boa vontade! Entón pecharon a ponte con arames de pugas e quedou terminantemente prohibido que ninguén se achegase a ela.
Teo e Dimitri estaban confusos e tristes, pero seguían decididos a xogar xuntos. Así que baixaron ata a ponte. Pero apenas podían verse por culpa do arame. Entón deixaron a ponte e fóronse cada un pola súa beira río abaixo.
-Cando sexamos maiores, quitaremos o arame e volveremos abrir a ponte - berrou Teo.
-E non rifaremos máis - dixo Dimitri-. Viviremos en paz como bos amigos.
O burro de Teo sorriu. -Sería estupendo -pensou-. Así podería comer outro dos saborosos nabos do granxeiro Baltasar...,
Ralph Steadman Edit. Miñón


