CPI COVATERREÑA

DEPARTAMENTO DE ORIENTACION

 

Estimados pais, nais ou titores legais:

Como vostede sabe, o seu fillo ou filla está no terceiro ciclo de educación primaria (ben en 5º ou en 6º) o que significa que axiña vai terminar a etapa que vai dos 6 ós 12 anos. Unha das metas deste terceiro ciclo é que o rapaz ou rapaza chegue á educación secundaria nas mellores condicións para garantir a súa superación sen dificultades.

Ademais, na etapa de educación primaria en xeral e no terceiro ciclo en particular, o tipo de aprendizaxes que se adquiren supoñen a base coa que deben manexarse posteriormente, tanto nos anos que van seguir estudiando como despois fóra da escola, na súa vida adulta.

Polo tanto, se acadamos uns resultados satisfactorios nestes momentos, os alumnos e alumnas contarán cunha moi boa base para os seus estudios futuros e tamén para un adecuado desenvolvemento na sociedade.

Por todo isto, debemos acostumar ós rapaces e rapazas a crear un hábito de estudio, a que vaian organizando e planificando o seu traballo. Deste xeito, recomendamos unha hora de estudio fixa de luns a venres (procurando que non coincida con actividades que lle gusten ó rapaz/a: ver o seu programa favorito de televisión, práctica dalgún deporte...). Neste tempo ó rapaz ou rapaza debe facer as tarefas que non rematou na clase, repasar contidos de días anteriores, ler un libro, anotar dúbidas para preguntarlle ó profesor ou profesora...

En definitiva o rapaz ou rapaza debe saber que todos os días ten que traballar nalgún dos aspectos sinalados anteriormente e que non debe ter desculpas de "hoxe non teño nada que facer".

Todo o dito pode significar unha maior presión e esforzo para todos: rapaces, pais e nais e profesores, sen embargo, pasado o tempo o principal beneficiario vai ser o voso fillo ou filla.

Con esa esperanza e co rogo de que saibades desculpar esta molestia e o noso agradecemento pola vosa colaboración, saúdaos cordialmente.

volver ó índice