Valdoviño, 17 de outubro de 2005
Estimados mandatarios:
Somos uns alumnos do CPI de Atios de Valdoviño, un fermoso pobo de Galicia situado
na comarca de Ferrolterra.
Con motivo do Día Internacional a prol da Erradicación da Pobreza, imos levar a cabo no noso centro unha serie de actos en solidariedade cos máis necesitados.
Gustaríanos que este ano todo fora diferente, que das palabras pasasemos a acción e por iso dirixímonos a vostedes para amosar a nosa disconformidade ante a situación mundial que estamos a vivir.
Non podemos comprender como poden ficar impasibles ante a traxedia, e todavía peor: non fagan nada por solventar os problemas.
O noso obxectivo é que, nun mundo caracterizado polas grandes diferencias entre ricos e pobres, todos aspiremos a que a solidariedade presida as relacións entre as nacións, pobos e persoas para acadar o verdadeiro progreso.
Debemos construír unha ponte solidaria entre os países e ter o grande reto de acabar coa miseria.
Quizais non lles importe o que pensemos pero temos dereitos a opinar
Se enumerasemos aquí tódolos países que sofren non nos chegarían os folios:
Hai que acabar coa explotación infantil.
Hai 246 millóns de nenos explotados laboralmente e expostos ás peores formas de traballo con grande perigo do seu benestar físico, mental e moral.
Moitos sofren mutilacións ou morren por mor das minas anti-persoas,, e outros se converten en auténticos nenos-soldado ó servicio da guerra e encañonan unha arma cando deberían estar na escola, mentres outros esnifan pegamento para aliviar os seus sufrimentos
se isto os alivia dalgún xeito
Hai que acabar coa explotación sexual de menores ( prostitución infantil, turismo sexual, tráfico de nenos
) que tamén está á orde do día.
En países como Camboya, as posibilidades de que se lles interpoña unha acción xudicial contra os culpables é remota. A pobreza é a razón principal pola que os nenos rematan na industria do sexo.Os países occidentais teñen moita culpa ó respecto pois non firman tratados de extradición que permitan que os cidadáns dos seus países que son culpables sexan xulgados por cometer eses abusos.
A pobreza e o analfabetismo eríxense como sólidos soportes da explotación infantil.
E que dicir da muller
?
En moitos países as mulleres non son tratadas como deberían. Sofren na familia, na escola
en todas partes. Traballan e non logran ser respectadas, padecendo as consecuencias de matrimonios infantís, impoñéndolles con quen teñen que compartir o resto das súas vidas, negándolles así a oportunidade de coñecer o amor.
A cantidade de aberracións que se cometen coas mulleres, son ben coñecidas por todos, e mesmo o feito de que naza unha rapaza non é motivo de alegría en moitas familias.
O mundo non é consciente de que o desenvolvemento da muller é moi importante ó ser a educadora dos fillos e, xa que logo, ten moito que ver co desenvolvemento da familia, base de toda sociedade.
Somos conscientes de que todo isto non é traballo dunha soa persoa, senón dun traballo en equipo. Hai que traballar cada vez máis e mellor e non deixar de medrar.
Non só se deben facer campañas solidarias, senón dar traballo e formación os máis pobres, casas para as familias, crear sistemas de gas e auga potable, crear escolas, bibliotecas
mellorar a obtención de recursos e rentabilizar os existentes.
Millóns de persoas no mundo non teñen acceso á enerxía eléctrica mentres que nos países desenvolvidos gástase o 50% dos recursos enerxéticos do planeta. A pobreza fai difícil o acceso á enerxía e a falta de enerxía perpetúa a pobreza.
Cómpre crear proxectos para garantizar un bo aporte nutricional. Ofrecer ós pequenos un entorno familiar e afectivo que lles garantice todo tipo de atención nutricional, sanitaria, educativa e lúdica.
Tamén é importante traballar na prevención sanitaria. Os malos hábitos son a causa de enfermidades facilmente prevenibles que afectán ós nenos e poden comprometer o seu desenvolvemento físico e mental.
A educación é tamén un dereito universal e o único camiño para saír da pobreza na que viven inmersos. A mellora da calidade educativa debe ter como punto de partida a creación de escolas e o fomento dunha formación profesional para a xente nova.Hai que ensinarlles a traballar e poñer os medios. Hai que concienciar ós pais de que os fillos vaian á escola. Os nenos crecen en círculos nos que non existe outra realidade que a procura da supervivencia. Ás veces non son conscientes de que a educación abre alternativas de futuro.
É inadmisible que en pleno século XXI millóns de persoas están ameazadas pola fame e as desgracias sempre se ceben con eles.
Centroamérica é o lugar máis pobre do planeta. En países como Guatemala, moitas foron as persoas que acabaron soterradas en lodo. Os furacáns Katrina e Rita devastaron estados de Norteamérica. O tsunami arrasou en Asia, e aínda hoxe se atopan cadáveres polo terremoto de Pakistan. Reinou o caos e o vento e a choiva afogaron os gritos arrepiantes e de socorro das persoas.
Non podemos esquecer tampouco un tema de actualidade : o dos africanos que percorren quilómetros e quilómetros desde o Sahara a Marrocos deixando xente no camiño para acabar sendo branco das palizas de xendarmes marroquíes cando non tiroteados ó tentar saltar o valado.
Diariamente vémolos na televisión e na prensa. Imaxes desalentadoras destes inmigrantes incapaces de pronunciar unha palabra e que só derraman bágoas ante a incomprensión da súa situación, que ilegalmente os deporta a unha morte moito máis dura e difícil da que procederon: unha morte segura.
Superar a traxedia é difícil. Son demasiadas e moi seguidas
Hai que axudar a recompoñer as súas vidas e tentar que volvan á normalidade.
Lamentablemente para moitos, nada será igual que antes...Teñen que partir de cero
O tsunami, o furacán, a guerra levou ós seus seres queridos e moitos soños non se poderán recuperar, as fendas están abertas
Pero como noutras ocasións semella que os países occidentais xa estamos afeitos. "Que gran capacidade temos de olvidar! Que grande capacidade para asumir situacións tan atroces!"
A solidariedade é a ternura dos pobos. A solidariedade existe cando compartimos interese e responsabilidade e nos unimos voluntariamente na causa dos outros. A solidariedade é unha tarefa conxunta de políticos e cidadáns para erradicar a miseria e crear un mundo máis XUSTO, TOLERANTE, SOLIDARIO, LIBRE e EN PAZ.
Esiximos polo tanto que a eliminen a débeda dos países pobres. Esiximos que traballen a prol da paz e denunciamos a guerra. Non aprobamos todo o que supoña un atentado contra os dereitos fundamentais de todo ser humano e con especial relevancia coas mulleres e os nenos. Gustaríanos que todos traballásemos para prevenir e combatir a violencia sexual e os conflictos armados. Queremos romper a orde establecida e loitar por todo o que realmente pague a pena.
Grazas por axudarnos neste labor que consideramos tan importante para conservar o mundo.
Se sodes capaces de intentalo, faredes felices a moita xente e a iso chamaráselle XUSTIZA.
Asinado: Nenos do CPI de Atios que queren construír un mundo mellor.
|