Tiñamos previsto marcharnos o día 17 de decembro a iso das 5 da mañá, pero tivemos que esperar por Debora, que tardou unha media hora.
Despois dunhas 8 horas de bus, por fin chegamos! Fomos xa directos para o parque de atraccións e comemos alí. Logo tiñamos toda a tarde para disfrutar das instalacións e non nos quedou unha cousa por ver: a casa do terror,da que saímos case chorando (uns de risa e outros de medo) e onde atopamos un galego que facía de diaño; a lanzadeira, a montaña rusa, a pala, o péndulo, a noria, a araña, o barco pirata,... Unhas horas máis tarde, xa esgotados, chegamos ó albergue para instalarnos e despois de cear collemos o metro para ir ó centro comercial Príncipe Pío. O centro comercial non nos gustou moito, pero o de coller o metro estivo ben porque ademais para algúns era a primeira vez.
O domingo pola mañá visitamos Faunia, que é un parque de ecosistemas. Alí, o que máis nos chamou a atención foron os porcos vietnamitas, uns monos pequeniños que parecía que che ían saltar enriba, os pingüíns, os suricatos e o espectáculo das focas.
Como xa tiñamos fame, dirixímonos ó parque do Retiro, que era o sitio ideal. Vimos a un señor que facía caricaturas e gustábanos tanto que estivemos un bo anaco mirando para el.
A tarde pasámola no Museo de Cera, do que levamos unha decepción, sobre todo do tren do terror. Vimos, entre outros, a Fernando Torres, Zidane, ó Rei Don Juan Carlos, Supermán...
O luns levantámonos ben cedo para arreglarnos e marchar para os estudios da TVE, onde Fran foi o protagonista. Coñecemos a Manuel Torreiglesias e cambiou un pouco a idea que levabamos del, xa que nos parecía algo borde. Ó programa de Por la mañana, de Inés Ballester, chegamos o día menos apropiado, porque morrera Papuchi e estiveron todo o programa falando diso.
Comemos en fronte do Palacio Real e despois fómolo visitar cunha guía. Era moi luxoso e con moitas alfombras. Para descansar visitamos Xanadú, que era inmenso, con pistas de esquí, carts e moitas tendas.
Ó día seguinte, despois de almorzar, vimos o Congreso dos Deputados, onde nos sentimos ministros por un día. E despois chegou o momento máis desexado para os madridistas: a visita ó Santiago Bernabeu! E non comprendemos como os xogadores queren ser titulares. Co ben que se está neses banquiños! Despois de facer o noso primeiro xantar no albergue, en catro días! Marchamos a Cosmocaixa, onde todos durmimos no planetario. As profes tamén, eh! Que as vimos! Logo, xa non nos deu tempo nin a cambiarnos e saímos para a Gran Vía a ver o musical Mamma Mia! Pasámolo moi ben, pero non puidemos ver a Nina.
Ó lado había unha sala de xogos e Iván González cegouse a martelazos para facer chegar ata arriba a calavera.
Non eliximos o día axeitado para non durmir porque ó día seguinte... Día de museos! A primeira hora o Museo do Prado (pouco nos faltou para durmir) e logo o da Reina Sofía. Pola tarde fomos ó museo Thyssen, que foi o que máis nos gustou, posiblemente porque estabamos máis despexados. Logo, visitamos o Xardín Botánico, do que tivemos que marchar de seguido porque estaba a piques de cerrar. Despois algúns foron ó Corte Inglés e un grupo entramos nun bar a tomar chocolate con churros e cando veu o camareiro, que era galego, díxonos que non había así que... tomamos chocolate con croissant! Era a última noite e brindamos con champan, sidra e os nenos trouxeron bombóns e... bueno, o demais mellor non contalo. Algúns aguantaron ata tarde, pero outros non aguantamos o cansanzo e quedamos durmidos no medio de todo o barullo.
O último día, despois de almorzar, cargamos todo no bus e marchamos para Alcalá de Henares. Alí vimos a catedral, a casa de Cervantes, os restos dun castelo, o convento, o edificio onde se entrevistaron por primeira vez os Reis Católicos con Cristóbal Colón e a universidade, que no- la ensinou unha estudiante de primeiro de Filoloxía Inglesa que estaba algo nerviosa. Nunha pastelería mercamos costrada, que eran uns pasteis típicos de alí feitos de crema e améndoas. Comezamos a viaxe ata Urueña, un pobo medieval de Valladolid. Era pequeniño, coas casas a ambos lados das rúas, con moi poucos habitantes e rodeado dunha muralla desde a cal se vía a vasta chaira castelá. Vaia contraste! Viñamos de estar nunha gran cidade como é a capital española e agora estabamos nunha pequena aldea que estaba case como quen di arredada do mundo. Para uns días estaba ben calquera das dúas cousas pero nós xa so pensabamos en chegar a Valdoviño.
Chegou a hora de volver, agora si que se acababa todo. Ó pouco tempo de comezar a viaxe, o que máis o que menos ía caendo e, por suposto, chegou o momento das bromas que sempre teñen un lado malo; para a víctima, claro! Case sempre o branco elixido é Fran e por unha simple razón: é o que máis profundamente dorme. E cando digo profundamente quero dicir PROFUUUUUNDAMENTE. Como xa digo, Fran roncaba placenteiramente e as nosas malvadas mentes non tiveron mellor idea que poñerlle por toda a cara mortadela de aceitunas dos bocadillos de mediodía e cromos. E el que non espertaba nin á de tres! Entón tirámoslle unhas pingas de auga por enriba, pero non xurdiu efecto. Probamos cunha dose maior e o paciente comezou a dar sinais de vida. Cando regresou, momentaneamente, ó mundo dos vivos non fixo máis que sacar a mortadela da cara, dicirnos mar.......s, da-la volta é seguir durmindo. Era incrible! Non podiamos parar de rir.
A fin estaba cada vez máis preto e, máis ou menos ás doce da noite, Valdoviño recibiunos cunha noite de xeada tipicamente GALEGA.
|