FELICES TEMPORAIS
Entramos en escea, actuamos coma se verdadeiramente nos importase o que estamos a dicir. A mesma escea, o mesmo acto repítese unha e outra vez en todos os teatros da vida. Todos somos actores, incluso no amor. Eu non coñezo nengunha maneira de vencer, pero acepto ser un perdedor para seguir actuando. Sei que non atoparei o que busco pero me encanta ver coma outros dubidan entre o que é verdadeiro e o que é falso, entre as verbas cun valor posterior ou as vanas palabras cun significado efémero, entre o teatro e a vida.
A noite abre as súas portas e estou só. Van pasando as horas e teño a sensación de que transcorreron moitos meses dende que estivemos xuntos cando a realidade e o calendario sinalan que só pasaron uns días. De súpeto sentín un desexo irreprimible de achegarme a ti, xa non quero ser intelixente, confórmome con intentar non ser vulgar, non sei o que me acontece, non adoito preocuparme por case nada, son egoísta ata a medula, pero agora non podo deixar de pensar, de afundirme nesta espiral de pensamentos inútiles que me conducen hacia o labirinto dende o que non se logra albiscar a saída. Regreso á miña cárcere de papel, pago a pena de terte amado naufragando neste mar espeso da indecisión.
Non sei o que agardaba de ti, dende logo non que me deixaras todo o poder decisorio, a mín, que nen sequera sei distinguir unha cor doutra; a mín, que non sei recoñecer cando debo seguir a maxia; a mín, que me perdo na rutina e a obriga para non asustarme de máis e seguir vivindo cómoda e tranquilamente.
Non sei que aconsellarte, non sei que facer, non sei onde refuxiarme para ter paz, non sei se estou sendo consecuente co que sinto, non sei se volver a verte agora mesmo, non sei se ir hoxe ó teu pobo ou borralo do mapa, no sei ata onde pensas arriscar, non sei onde están os sinais, no sei se seguilos cando por fin os vexo, bótote de menos e te detesto, quero verte e quero afastarme, lisco e regreso, non quero pensar e non podo deixar de pensar, por qué todo é tan difícil?, por qué é tan sinxelo?
É preciso divagar, escribir de cousas que non teñan moito senso agás para mí, por qué é necesario entender perfectamente todo aquelo que vemos ou oímos?. No sei como te podo botar tanto de menos sen case coñecerte, non sei porque me sinto pechado e atrapado nesta cidade, non sei porque desexo fuxir, escapar a outro lugar onde ninguén me conoza; volver empezar, proseguir o camiño hacia ningures, saír correndo e non deterse, non parar ata chegar ó punto que esperas. Sei que te vou perder, antes ou despois escaparás entre os meus dedos por non ter sabido reterte, ata que punto poido confiar en ti?, cómo estar seguro do débil vínculo que nos une?. Anúnciase a fin e quizá por eso me aferro a ti como unha presunta táboa de salvación sen saber o que ti desexas.
Tampouco estou certo de sentir algo especial por ti, quizá coma ti dicías só busco un ideal e estou intentando diseñalo á miña medida, acaso non podo soñar?, non fagas moito caso ás miñas verbas, aviseite a primeira vez que te enfrontaste a elas, a única forma de saber cando digo a verdade é mirarme ós ollos, son os que negan o que afirmo, ten fe neles, nunca erran. Hoxe fai exactamente un mes que nos coñecimos, un mes sen ter normalizado a respiración, sen poder concentrarme en ningunha cousa, sen ter acougo nen paz.
Hoxe son eu quen sinte o caos na súa cabeza, a piques de esquecer o significado de todas as verbas, de todas as normas, de todo o construido neste tempo. Acaso só sexa desas persoas que destrúen, que escapan de sí mesmos. A bebida afasta as nosas pantasmas, reconfórtanos, fai que nos sintamos superiores, invencibles. Gústasme, independentemente da ensoñación de dous días nos que todo é un poco irreal, engaiólame incluso a túa forma de lembrarme o efémero que é o que nos está pasando.
Eres unha persoa de ollos tristes, sempre me cativou a tristura das persoas, sei que non debería volverte ver, sei que podería amarte, o nome do que me pasa é medo. Debería aprender a seguir os sinais ata o final, pero tamén sei que non o vou facer. Desexo que chegues a ser feliz, gustaríame que só quedase ese instante eterno de ter tocado o ceo por uns marabillosos momentos.
E agora qué?, qué facer?. Seguir o corazón ou deixarse guiar pola cabeza, as dúbidas axexan a miña mente, non saes do meu maxín e mentres, sigo afogándome entre a disxuntiva de asistir ou non á miña prostera execución. Salvádeme de seguir nadando mar adentro, non quero ser o derradeiro en abandoar o barco, quero chegar ó fondo do mar e quedar alí, agardando que alguén chegue do frío para rescatarme. Seguirei deixando cadáveres no meu camiño, pero ti non serás unha máis, deixarei escapar o tren da esperanza para non ter que facerche dano.
Non quero perderte, levo anos na procura dunha persoa coma ti, tres días envolto na maxia, non quero baixarme desta nube onde estamos subidos, non quero voltar á absurda realidade de estar sen ti. Debería aconsellarte que te olvidaras de mín, que pensaras que todo foi un soño, que todo é xa historia, pero non podo, non podo negar máis a miña cobardía ante a inercia do amor. Non me podo deixar arrastrar por esta melancolía que me inunda, non debo seguir enredándome na tristeza. Tomar decisións, elexir un dos sendeiros que se bifurcan non ten porque ser tan grave, tan doloroso, tan fatalmente desencantador. Espero saber saír deste labirinto, hai varias saídas, terei que seguir ó meu corazón, teño medo de facer dano, medo a facer sufrir a outras persoas; qué facer?, ónde agocharse?, ¿en qué dirección fuxir?, en qué intre romperá este fráxil fío que me ata á realidade? Seguimos sendo cando menos felices temporais, deixándonos levar polo destino sen pensar, sen querer elixir nen decidir, sen enganarnos máis, sen querer burlar á nosa sorte. Aceptándonos como somos.
Un gran bico que te acompañe sempre e faga que me lembres cando persiga a túa sombra polas rúas molladas desa cidade que gardará en segredo o noso amor.
|