ALGO MÁIS CA UNHA EXCURSIÓN
Os alumnos de 2º, 3º e 4º da ESO realizamos unha viaxe cultural a Cantabria que durou dende o día catro ata o oito de marzo. Nós tivemos a sorte de estar nesta excursión e podo asegurar que non cambiaría ningún deses días porque cada un deles estivo cheo de experiencias inesquecibles.
Eran as oito da mañá cando saímos da Porta do Sol cara Cantabria, esa excursión que tanto tempo levábamos agardando. Na viaxe de ida tiñamos un pouco de sono, xa que cos nervios non durmíramos moito, pero iso non nos impediu comezar o día con enerxía e moitas ganas de pasalo ben.
Cando chegamos a Oviedo o ceo ameazaba choiva. Tivemos un tempo libre antes de visitar a Catedral xa que aínda era cedo. Cada quen foi polo seu lado, facía frío e comezou a chover así que abrimos os paraugas. O certo é que tanto o meu paraugas coma o dalgúns compañeiros non viviron longo tempo debido ás pelexas co vento. Tivemos que marchar para una cafetería, estábase moi mal fóra e ademáis comezou a caer saraiba. No café sentíamonos coma nunha película americana, rímonos moitísimo, pero ante todo quentámolo corpo. Logo, na Catedral, Álvaro explicounos algún dos rasgos máis importantes da fermosa Catedral gótica. Despois retomamos a viaxe cara o albergue.
Chegar ó albergue supuxo un gran alivio para nós. Se ben é certo que a viaxe fora moi amena, tamén o é que estabamos desexosos de ver o albergue no que pasaríamos os próximos días. Para non variar, a chegada ás habitacións foi moi cómica e torpe, polo menos pola nosa parte, xa que tivemos que subir dous pisos cunhas maletas que semellaban para un mes. Pero por fin chegamos: habitación dezaoito. Éramos catro persoas nunha habitación para seis. Iso si que era sorte!
As duchas estaban no corredor, eran tres para máis de vinte rapazas, así que collemos as nosas cousas, corremos polos corredoiros coma tolas e chegamos as primeiras. Menudo logro! Logo da ducha baixamos á sala das reunións e xogamos un pouco. O xogo era divertido aínda que resultou ser un pouco caótico… A continuación fomos cear e despois tivemos unha festa de benvida na que tivemos que bailar. Pasámolo de marabilla aínda que non todos destacamos polo noso sentido do ritmo. Ás doce marchamos para a cama e a durmir, o día seguinte prometía ser entretido…
Eran as oito e cuarto cando Pedro, o monitor, tocou na nosa porta para que nos levantásemos. Logo de tomar o almorzo marchamos para Cabárceno. Novamente o ceo ameazaba con botarse a chorar, e debía estar moi triste porque chorou toda a mañá. A nosa primeira visita foi ós gorilas que tiñan o lombo prateado. Sempre me resultaron uns animais realmente fascinantes, semellan tan humanos… O monitor díxonos que se queríamos que se achegasen ó cristal tiñámonos que agachar para non asustalos. Xa levábamos un anaco observándoos cando a femia comezou a camiñar por diante noso e cando chegou ata onde estabamos pegou un golpe ao cristal e levamos tal susto que caímos ó chan. O seguinte foron os tigres, vimos osos, xirafas, elefantes… e cando íamos camiñando hacia onde estaban os leóns caeu un lóstrego enxordecedor e comezou a saraibar. Vaia tormenta! Comezamos a correr e pegámonos ás rochas para finalmente acabar escondidos baixo as escaleiras a carón do rei da selva. Despois dese pequeno susto visitamos o reptilario. Había moitas especies distintas e fermosas. Os réptís semellan ser tan intelixentes… Marchamos ó albergue e tivemos que cambiarnos de roupa, xantamos e rematamos a visita ós animais de Cabarceno para logo ir a Santander onde vimos un palacio e camiñamos un pouco polo paseo da praia e vimos unhas focas e pingüíns que había ó carón do mar. As ondas batían tan forte co vento que foi imposible de evitar mollarse un pouco.
Chegamos ó albergue e duchámonos, ceamos e cantamos un pouco no karaoke. Marchamos a durmir ás doce, o día seguinte estaría cheo de emocións e necesitaríamos todas as nosas enerxías…
Novamente ás oito e cuarto estábamos en pé, e a iso das nove e media xa tíñamos almorzado. Esa mañá tocaba visita ás covas do “Soplao”. O percorrido pasóusenos rápido xa que as covas eran preciosas e estaban cheas de estalagmitas e estalactitas moi curiosas. Xantamos en San Vicente e pese a que chovía puidemos dar un pequeno paseo polo pobo antes de marchar a Forestal Park. Por fin! Todos nos atopábamos desexosos de chegar, tirarnos polas tirolina e “sentirnos coma nas nosas orixes”. Estaba chovendo e cando chegamos e vimos aqueles cachos de madeira colgando das árbores, máis dun pensamos en facernos os desaparecidos… Puxéronnos as equipacións e logo dividíronnos en dous grupos para comezar nuns circuítos máis doados. No noso grupo a primeira en subir foi Begoña, a mestra de francés, que tiña vértigo e non o pasou moi ben. Cando subimos nós e nos atopamos a semellante altura máis dun estivemos a un chisco de non continuar. Atoparse a tanta altura e pasando de árbore en árbore foi unha experiencia única e irrepetible. Aínda que hai que recoñecer que instantes antes de saltar tivemos intención de non facelo, pero non puidemos xa que non había marcha atrás, cousa á que hai que estar agradecidos xa que senón non haberíamos experimentado esa sensación de liberdade e desafogo. Rematamos o día totalmente empapados, pero pasarámolo tan ben que sen dúbida ese feito carecía de importancia. O primeiro que fixemos ao chegar ó albergue foi ducharnos e quitar esas roupas que pingaban por todas partes. Antes de cear andamos un pouco polas habitacións, coma sempre. Lembro que esa cea foi especialmente divertida… Logo fixemos unha velada cunha serie de xogos para finalmente marchar á cama.
O sábado pola mañá era o día en que iríamos ó teleférico. Pola zoa de Fuente De e de Potes non chovía debido a que posúe un microclima mediterráneo. Subimos polo desfiladeiro da Hermida, facía Sol e nas montañas podíanse ver covas nas que houbera osos antano e nas que se espera que volva a habelos dentro duns anos. Ó chegar ao teleférico a paisaxe estaba preciosa, toda a superficie agás a estrada estaba cuberta de neve pero o frío era perfectamente soportable. Dividíronnos en varios grupos para a subida á montaña. As vistas eran incribles víase neve por todos os lados. Xa estabamos arriba e saímos ó miradoiro que se atopaba totalmente cuberto de neve e puidemos subir un pouco pola ladeira da montaña aínda que andar non era doado xa que había tal cantidade de neve que camiñar era dificilísimo porque afundíansenos as pernas ata os xeonllos aos poucos valentes que decidimos subir. Unha vez abaixo, os do primeiro grupo comezamos a tirarnos bolas de neve e pasámolo xenial, polo menos eu, nunca vira tanta neve xunta. Ó chegar ó bus atopámonos co pequeno inconvinte de que non podía dar a volta debido a que o camiño remataba aí. Pero finalmente conseguiuno sen case problema. Partimos camiño a Potes e polo camiño fixemos unha pequena parada no Mosteiro de Santo Toribio da Liébana, que foi o lugar escollido por uns monxes nos albores do cristianismo para retirarse do mundo e vivir segundo a regra benedictina. Unha vez en Potes xantamos nun parque e logo fomos a dar unha volta polo centro do pobo. Pola tarde marchamos a Comillas e visitamos o Capricho de Gaudí e o Palacio de Sobrellano, onde vivira o Marqués de Comillas e no que sacamos unha fotografía de grupo. Logo marchamos dar un paseo polo pobo para acabar xogando nun parque que había xunta o Palacio. De alí a un rato collimos a o bus para voltar ao albergue onde pasaríamos a nosa última noite. Foi unha anécdota divertida porque eramos máis mozas que mozos e tamén tíñamos menos duchas, así que o monitor deixounos ir duchar ás últimas ao baño dos rapaces para que rematásemos antes. Rirámonos moito e “sentímonos homes”. Ceamos e tivemos a festa de despedida. Estivemos bailando pouco máis dunha hora e logo, por ser o último día, o monitor deixounos máis tempo para andar polas habitacións e pasámolo xenial.
Ás oito menos cuarto soou o espertador. Que poucas ganas! Era o último día e erguerse da cama significaba que a excursión estaba a se acabar e todos os momentos e anécdotas vividas quedarían nese albergue. Almorzamos e fomos ás famosas covas de Altamira onde tamén nos dividiron en dous grupos e puidemos ver e coñecer a forma de vida dos nosos antepasados. Xantamos en Santillana del Mar, pobo que segundo o guía é “o das tres mentiras” xa que nin é santo, nin chan, nin ten mar. Alí vimos a Colexiata románica de Santillana e tivemos tempo libre para visitar o pobo que para o meu parecer era moi bonito. Despedímonos do monitor e emprendemos o viaxe de volta a Valdoviño.
Sen dúbida algunha, esta foi unha viaxe fantástica na que non só adquirimos novos coñecementos culturais, senón que fixemos novos amigos descubrindo a compañeiros cos que non tíñamos trato, vivimos aventuras e experiencias novas e sobre todo divertímonos.
|