::: Paxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ :::
Os científicos tamén se equivocan...por suposto
Física e Química / mércores 11 de abril do 2007
 
E máis a miúdo do que se pensa. De feito, o pensamento científico evoluciona en ocasións moitísimo máis como consecuencia de grandes meteduras de pata, que poñen ao científico perante situacións extraordinarias. Pero o que acaba de pasar en Xenebra sáese do normal. Os erros de cálculo de Fermilab, a empresa construtora dos enormes imáns que forman parte do acelerador de partículas de CERN, case provocan unha desgraza. Este macrocomplexo instalado debaixo da terra entre Francia e Suíza leva uns anos á cabeza da investigación mundial nun campo moi específico. Dedícase a facer chocar partículas elementais entre si e observar os rastros que deixan as partículas que se forman na explosión. O gran obxectivo actual é intentar illar o chamado Bosón de Higgs, unha partícula clave para explicar a masa na materia pero que polo de agora a súa existencia só se puido supoñer, nunca demostrar realmente. No chamado LHC (Large Hadron Collider) do CERN intentábanse reproducir as condicións do chamado Big Bang, facendo chocar case á velocidade da luz protóns para ver se ese Bosón de Higgs aparecía ou non. E desde logo case conseguen reproducir fielmente esa explosión inicial que creou o Universo porque por un chisco, o pasado 27 de marzo, non abriron un burato no túnel. Afortunadamente, a tremenda explosión, que encheu de helio e po unha das cámaras do complexo, non provocou vítimas persoais. Os imáns son supercondutores e precisan traballar a case o cero absoluto de temperaturas. Para iso se emprega o helio líquido. Os imáns producen un campo magnético moi potente que dirixe os protóns no seu camiño de colisión. Isto foi o que fallou. Algunhas mentes moi mal pensadas apuntan na dirección de intereses partidistas da empresa Fermilab. Parece que queren potenciar outro acelerador de partículas, o Tevatron, menos potente pero instalado no EEUU...Con erros coma este parecen ter unha boa escusa para non apostar polo LHC do CERN. A carreira pola localización do Bosón de Higgs acaba de empezar e xa veremos como remata... Como vedes os intereses políticos e económicos sempre van á par dos grandes proxectos científicos.

accidente no CERN

Páxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ | Copyleft