::: Paxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ :::
A Ciencia e a estupidez
Física e Química / xoves 18 de outubro do 2007
 
Bótalle un vistazo á nova publicada hoxe, Xoves 18 de Outubro, pola Voz de Galicia. O protagonista e James Watson, un dos grandes científicos do século XX. Premio Nobel en 1962 xunto con Francis Crick e Maurice Wilkins polas súas aportacións ao mundo da bioquímica co seu traballo co ADN, principalmente por descubrir que este estaba composto por dúas cadeas complementarias que corrían antiparalelas e se arrolaban en forma helicoidal. No seu momento ninguén se lembrou, por certo, de Rosalind Franklin, muller da cal sacaron (¿usurparon?¿plaxiaron?...) a idea da doble hélice en base ás fotografías obtidas por ela por difracción de raios X... Pero neste caso, o feito de ser un gran científico, non quita que sexa bastante patético como persoa. Xa apuntaba maneiras no seu libro " A dobre hélice" ao facer auténticos comentarios machistas en referencia a Rosalind Franklin e, tal como recolle esta nova da Voz de Galicia, non se libran das súas lapidarias opinións os negros ou os homosexuais... Agora vennos con que os negros son, xenéticamente, menos intelixentes. Non paga a pena perder o tempo rebatendo este argumento. Simplemente é triste ver como unha persoa dotada para a ciencia como Watson, á que se lle presupón unha estrutura mental privilexiada que lle da unha visión obxectiva do mundo no que vive, sexa, ao final, tan simple no seu comportamento como o que vai pechando os bares cada fin de semana... É so un caso máis dun xenio que non ve máis alá do que estuda. Do ADN saberao todo ou case todo...pero Watson non atina a ver onde están as fronteiras da ciencia. Especular con teorías sobre o comportamento, a intelixencia ou a estupidez excede os límites da bioquimica. Así que zapateiro aos teus zapatos. Desde o mundo da ciencia pedimos perdon e esperamos que non cunda o exemplo, se queremos seguir tendo mundo que estudiar, porque, a este paso, a crispación, acrecentada por comentarios deste tipo, levaramos á autodestrucción. Afortunadamente a liña de pensamento dunha aplastante maioría científica vai por onde apunta no seu artigo de opinión Angel Carracedo, unha importantísima personalidade Galega no mundo da anatomía forense. Por certo, segundo Watson a enxeñería xenética poderá chegar a curar a estupidez algún día...e eu preguntolle Sr Watson ¿Está vostede seguro?. Pois a ver se chega axiña esa cura

watson e a estupidez-1
watson e a estupidez-2

Páxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ | Copyleft