::: Paxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ :::
VISITA AO PARLAMENTO
Primaria / xoves 8 de novembro do 2007
 

Neste curso 2007/2008 os alumnos de segundo ciclo de primaria (5º, 6º) foron de visita ao parlamento.

Coa guía recorrémolas distintas dependencias á vez que nos ía explicando a función que tiña cada sala. Accedemos en primeiro lugar ao Salón de Plenos ou Hemiciclo dende unha porta lateral. Tamén se pode acceder dende un amplo vestíbulo adornado cunha colosal alfombra que contén no centro o escudo de Galicia e os das sete provincias do antigo Reino de Galicia. Aquí, explicáronnos que esta é a máis importante dependencia na que se debaten e votan os máis importantes asunto dos que o Parlamento de Galicia ten as súas competencias, de como se constituía o pleno e as súas principais funcións, sobre os integrantes da mesa do parlamento, ... e ao final os nenos/as tiveron a súa quenda de preguntas e dúbidas.

Continuamos o percorrido e, entramos nunha ampla sala chamada a sala “A sala das letras galegas” que recibe esta denominación porque nela están os retratos dos persoeiros: escritores, poetas, historiadores, etc. que dalgún xeito exaltaron a nosa lingua, e por iso mesmo se lle dedicou o Día das letras Galegas. A función desta sala é fundamentalmente de descanso e para as reunións máis informais.

Visitamos a continuación unha espectacular Biblioteca, xa que dispón na actualidade dun fondo de aproximadamente 40.000 exemplares dunha temática moi variada. Esta biblioteca, paralelo á tecnoloxía de hoxe en día, presta un gran servizo de apoio aos traballos parlamentarios.

Entramos tamén no Salón dos Reis, onde están os retratos do rei e da reina -pintados por Manuel Matas-, as bandeiras das Comunidades Autónomas e os retratos dos catro ex-presidentes do Parlamento de Galicia anteriores a actual Dolores Vilariño.. Este sala é utilizada normalmente para actos solemnes e para tomas de posesión dos presidentes da Xunta de Galicia, ademais de como sala de conferencias e recepción. Nela puidemos ver tamén cadros do pintor Xaime Quesada.

Terminamos o noso recorrido no Museo e fomos ollando unha a unha as obras dos diferentes creadores galegos alí expostas: Laxeiro, Xaime Quesada,Urbano Lugrís, Alfonso Sucasas, etc.


Páxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ | Copyleft