::: Paxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ :::
O departamento de Educación Plástica e Visual
xestionweb / sábado 25 de febreiro do 2006
 
As materias artísticas potencian a creatividade, elemento clave no desenvolvemento do individuo e mesmo na historia do ser humano. Partindo das experiencias artísticas, o debuxo convírtese tamén na base do deseño e das proxeccións técnicas que sustentan os avances tecnolóxicos do mundo contemporáneo.
PNG - 37.5 KB
Arte e técnica
Imaxinación e creatividade no debuxo dun artiluxio voador feito polo xenio de Leonardo da Vinci

Na sociedade actual gran parte da información que asimilamos chega pola vista. Nas nosas vilas e cidades, sinais, anuncios, escaparates, e todo tipo de reclamos inundan os nosos ollos. Os medios de comunicación, tanto na prensa e nas revistas como na televisión, nos cines e nos ordenadores, entre outros, están cheos de mensaxes visuais. Neste contexto, a aprendizaxe dos elementos que configuran a linguaxe visual resulta de gran importancia para interpretar correctamente este tipo de mensaxes.

A materia de Educación Plástica e Visual céntrase nos rudimentos que permiten aos alumnos e alumnas a codificación e decodificación de mensaxes puramente visuais, sexan estes de carácter puramente artÍstico, relacionados co deseño bidimensional e tridimensional, ou de carácter técnico.

Entre os aspectos que traballamos dentro da materia nos diferentes cursos queremos destacar os seguintes:

- A imaxinación e a creatividade como base do traballo na procura de solucións artÍsticas, deseños e elaboracións técnicas. A creatividade é un elemento fundamental no progreso do coñecemento e na revolución cientÍfico-técnolóxica.

- A procura de resultados estéticos e funcionais que se adapten aos obxectivos do proxecto nun marco de traballo estruturado e ben organizado.

- A adquisición de habilidades, técnicas, e coñecementos que permitan a correcta resolución e factura dos traballos.

Como finalidade última, traballamos coa idea de que os nosos alumnos e alumnas teñan os elementos suficientes para que, unha vez rematada a ESO, afronten con éxito os estudos posteriores, ou se desenvolvan satisfactoriamente na súa vida profesional como individuos responsables e con conciencia crÍtica, mesmo facendo da creatividade unha parte importante da súa vida.


Páxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ | Copyleft