::: Paxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ :::
Escritor do mes. Novembro
Biblioteca / sábado 1 de decembro do 2007
 
Existe algún recuncho da alma que William Shakespeare non teña retratado? Ti debes ser quen responda a esta pregunta; así que prepárate para iniciar o camiño dos sorprendentes mundos de Will.

Búrlase das cicatrices quen nunca recibiu feridas.
Silencio. ¿Que luz alumea nesa fiestra?
É o nacente, e Xulieta o sol.
Xurde, sol radiante, e mata a envexosa lúa
que está murcha e pálida de dor
porque ti, a súa doncela, es máis fermosa.

Romeo e Xulieta, Editorial La Voz de Galicia

Facilitará o camiño, o feito de que recentemente algúns e algunhas asististes á representación de Romeo e Xulieta polo Teatro do Noroeste, o que vos permitiu observar a lucidez coa que iluminou a condición humana, mesturando os lampos brillantes dun agudo enxeño coa sensible comprensión das tebras da alma, nunha apócema de amargura e compaixón de dozura agre que nunca remata de deixar bóchegas no corazón.

Quen foi William Shakespeare? Non o sabemos... con certeza total ou absoluta. A súa figura semella esvaerse mentres proliferan aqueles que afirman que o autor das afamadas obras de teatro e os sonetos non foi o William nacido en Stratford-on-Avon en 1564, fillo dun comerciante, actor e dramaturgo. Portada de Xohan Ledo

Pero, importa iso? Importa se foi William Shakespeare ou outro o que escribiu Hamlet, Ricardo III, Macbeth, O Rei Lear, O soño dunha noite de San Xoán, Romeo e Xulieta...

A nós non especialmente. O que nos interesa, é o dramaturgo que reborda as regras do teatro clásico mesturando o tráxico co cómico, a prosa co verso e o sublime co popular (lembrade a linguaxe utilizada polos criados en Romeo e Xulieta). Interésanos o autor cuxas obras eran escenificadas no teatro Globe sen decorados, nin actrices (posto que os papeis femininos eran representados por actores, xeralmente polos aprendices) e cun público diverso no que figuraban persoas do pobo e das clases altas, unidas no desexo de asistir a un espectáculo que os fixera esmendrellarse de risa e/ou tremer de espanto. Público desexoso de emoción, acción e movemento degoirado por asistir á escenificación do brado e a furia.

A vida non é máis que unha sombra que anda,
un probe actor que runfa no esceario
unha hora e ninguén sabe máis dele,
o conto dun idiota, cheo de brado e furia,
que non quere dicir nada.

Macbeth, Editorial Galaxia

Retratar personaxes de carne e óso, facer falar as paixóns (o amor de Romeo e Xulieta, os celos de Otelo, a dúbida paralizante de Hamlet, a ambición asasina de Macbeth), desenmascar o mal (a perfidia de Iago, a brutal tiranía de Ricardo III) outórganlle a súa obra un profundo poder: o da intemporalidade. Dalgunha maneira, escribiu un teatro que é un é, un foi e un será; un teatro que anticipa a curvatura do tempo, facendo que para nós, público, unha hora da súa lectura ou representación sexa coma un minuto, mentres que para o dubitante Hamlet un minuto do seu angustioso vivir sexa coma unha hora.

En fin, será isto só o que explica a súa condición de clásico entre os clásicos, ou será que coma afirmou o político e filósofo Francis Bacon o noso William soubo sempre que “Knowledge is power, not mere argument or ornament”? De ser así, quen máis poderoso que aquel a quen todos os recantos da mente e o corazón lle son familiares?

El nuevo día trae unha paz lóbrega:
ni el mustio sol asoma la cabeza.
Reflexionemos sobre estas desgracias,
absueltas unas, y otras castigadas.
Pues jamás hubo tan triste suceso
como este de Julieta y de Romeo.

Romeo y Julieta, Editorial Vicens Vives


Páxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ | Copyleft