::: Paxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ :::
Escritor do mes.Xaneiro. Edgar Allan Poe
Sobre Poe, o corvo e os Simpsons
Biblioteca / martes 29 de xaneiro do 2008
 

As capacidades mentais chamadas analíticas apenas son susceptibles de análise por si soas. Só as coñecemos polos seus efectos. Delas sabemos, entre outras cousas, que supoñen para quen as posúa sobradamente unha fonte de intenso gozo.

Así comeza o relato “Os asasinatos da Rue Morgue”, publicado no ano 1841 polo escritor norteamericano Edgard Allan Poe (1809-1849), no que o cabaleiro Auguste Dupin se vale da análise e a lóxica para resolver un complicado crime. O razoador cabaleiro Dupin aparecerá en dous relatos máis do mesmo autor(“A carta roubada” e “O misterio de Marie Rouget”) que lle proporcionaron a Poe, con “O escaravello de ouro”, o título de precursor da novela policíaca moderna, ao lado de Charles Dickens e Wilkie Collins. De maneira semellante, contos coma “Revelación mesmérica” ou “A verdade sobre o caso do señor Valdemar”, convérteno con Mary Shelley (autora de Frankenstein) nun dos adiantados que anticipou a ciencia ficción.

O anterior semella suficiente para reservarlle un oco no olimpo dos grandes escritores, porén, representa só unha limitada mostra da obra e do talento do atormentado e talentoso escritor bostoniano, celebrado universalmente como un dos máis grandes contistas da historia e reverenciado coma o gran mestre do terror e o misterio. “O gato negro”, “O corazón delator”, “Berenice”, “A caída da casa Usher”, “O enterro prematuro” son títulos que ningún afeccionado á narrativa de terror descoñece e nos que aos elementos terroríficos habituais (espazos cerrados, cadáveres, amores fúnebres, mares tenebrosos...) se lles engade unha opresión psicolóxica que captura o interese e arrepía dende o inicio. Se a isto lle unimos a concisión, esa tan louvada “economía de medios”, poderemos entender o seu prolongado éxito.

De feito, tal é o estremecedor e arrepiante encanto de Poe, que nin os Simpsons se puideron subtraer, e como mostra o terceiro episodio da segunda temporada, no que se adapta un dos seus poemas máis famosos (“O corvo”), no cal un sinistro corvo chega de noite á habitación dun home que lle pregunta triste, pola súa amada morta (Leonore), mentres a ave responde unha e outra vez “nunca máis”. Pero, se este poema é inquietante, non o é menos o desacougante “Annabel Lee”, convertido en canción por Radio Futura no ano 1989 e máis recentemente cantado por Enrique Bunbury.

Hace muchos años en un reino junto al mar
habitó una señorita cuyo nombre era Annabel Lee
y crecía aquella flor sin pensar en nada más
que en amar y ser amada, ser amada por mi.

Algúns dos seus relatos foron convertidos en películas, destacando as realizadas polo produtor e director Roger Corman, un clásico das películas de Serie B (así se coñecían as películas realizadas en Hollywood con moi baixos orzamentos). Ademais, a pegada de Poe, albíscase claramente en Tim Burton, en especial na curtametraxe Vincent, na que rende homenaxe ao actor Vincent Price (protagonista das adaptacións de Corman de Poe) e ao autor de Boston, rematando de feito, cuns versos do poema “O Corvo”.

Así que xa ves Poe, éche moito Poe, e está por todas partes!

Then the bird said, nevermore!

Le o poema


Páxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ | Copyleft