::: Paxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ :::
Escritor do mes. Marzo 2008. Joan Manuel Gisbert
Biblioteca / martes 4 de marzo do 2008
 

El museo de los sueños, Leyendas del planeta Thamyris, El misterio de la isla de Tökland, La laguna luminosa, La mansión de los abismos, Los caminos del miedo, El arquitecto y el emperador de Arabia, Algo despierta en secreto, Agualuna, Los espejos venecianos son títulos moi coñecidos por vós... Pois, sen dúbida, poderédelos gozar aínda máis, despois da charla-coloquio co seu autor, Joan Manuel Gisbert, organizada polo departamento de Lingua Castelá e Literatura para este vindeiro xoves 6 de marzo.

Partir da realidade cotiá, na que tamén están incluídos os soños, para iniciar unha viaxe cara o descoñecido é a forma escollida polo escritor catalán para guiarnos, engaiolados, a través de mundos nos que a aventura e misterio camiñan da man, conducindo a un final sorprendente aos lectores cativados dende a primeira liña da novela. Porén, como el mesmo ten sinalado, quizabes, o verdadeiro sentido das súas aventuras sexa seguir o proceso de enriquecemento do heroe ou heroína. Así que, non semella moi desatinado, considerar as súas novelas coma viaxes iniciáticas cara a sabedoría e ao melloramento persoal.

Jules Verne, H. G. Wells, Stanislaw Lem, H. P. Lovecraft ou Julio Cortázar (ao que xa lle dedicamos esta sección o ano pasado) son algunhas das influencias literarias que Joan Manuel Gisbert recoñece. E seguramente, algún deles guiaría ese iniciais impulsos por escribir que o autor confesou ter sentido aos doce ou catorce anos e que posteriormente lle proporcionarían galardóns coma o Premio Lazarillo e o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil entre outros moitos. En fin, as aventuras, os enigmas, os misterios, as lendas, a intriga... Todos eses fascinantes universos narrativos de Gisbert agárdanvos este xoves. Gozádeos!

Aquí podedes ler unha entrevista co autor


Páxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ | Copyleft