::: Paxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ :::
DE MOUCHOS, PEGAS RABILONGAS E LETRAS GALEGAS. MAIO 2008
Biblioteca / martes 20 de maio do 2008
 

Unha lista un tanto sorprendente e estraña pensarás... Pois non, porque “O Moucho” é o título dunha famosa colección creada pola editorial Castrelos que dirixía Xosé María Álvarez Blázquez, que publicou nela A pega rabilonga e outras historias de tesouros alá polo ano 1971. E que este último é o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas este ano, xa o sabes de sobra. Así que xa ves, a relación habela haina.

Hai homes que loitan un día e son bos. Hai outros que loitan un ano e son mellores. Hai quen loita moitos anos, e son moi bos. Pero hai os que loitan toda a vida, eses son os imprescindibles. BERTOLD BRECHT

Xosé María Álvarez Blázquez naceu en Tui o 5 de febreiro de 1915 e morreu en Vigo o 2 de marzo de 1985. Neto, sobriño e pai de escritores foi escritor, editor, articulista, investigador, arqueólogo, cronista, conferenciante, divulgador... Pero, foi sobre todo un home cheo de curiosidade, intelixencia e xenerosidade. Así o lembrou Manuel María nun artigo publicado no número 265 d’ A Nosa Terra en 1985 que vén de ser recuperado no número desta semana: “Home bó, intelixente, culto, xeneroso, humilde, cordial e dunha tolerancia ilimitada, ademais de ameno conversador. Comprendía todas as feblezas e para todas tiña perdón. Nunco o emporcou o odio ou a xenreira, pese a sufrir marxinacións e inxustizas.” Todo semella dito, máis non está demais lembrar o hábil narrador (Os ruíns e A pega rabilonga e outras historias de tesouros); o versátil poeta capaz de deslumbrarnos cos seus poemas imaxinistas e neotrobadorescos, de entenrecernos cos lenes poemas de Roseira do teu mencer ou de emocionarnos e mesmo indignarnos con Canle segreda; o editor que contribuíu ao rexurdimento cultural da posguerra, coas editoriais Monterrey e Castrelos; o investigador que deu ao prelo Escolma de poesía galega I. Escola medieval galego-portuguesa e a Escolma de poesía galega II. A poesía dos séculos XIV a XIX; o articulista de La Noche, El Correo Gallego, o Diario de Pontevedra e o Faro de Vigo e o arqueólogo que realizou destacados achádegos fundamentalmente en Vigo e no sur de Pontevedra.

El navegar, navegaba
unha dorna mariñeira;
nos ollos sempre un relanzo
de escumas cantoreleiras,
no corazón -¡Ai Dios Santo!-
no corazón unha arela.

X.M. ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, Romance do pescador peleriño


Páxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ | Copyleft