::: Paxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ :::
Un exemplo de superación perante a adversidade: a problemática de LORENZO ODONE
Física e Química / martes 10 de xuño do 2008
 
Acaba de morrer en Washington Lorenzo Odone. En principio este nome supoño que nos vos dirá nada, pero é o protagonista dunha das historias máis impresionantes dentro dese curioso mundo que é a ciencia e dese outro no que habitan seres humanos sinxelos, "normais", coma ti e coma min. Os pais de Lorenzo eran, un lingüista e o outro economista. Cando naceu o seu fillo encháronse de ledicia...pero aos 5 anos diagnosticóuselle unha enfermidade extremadamente rara (so afecta a unha de cada 20000 persoas): a adrenoleucodistrofia infantil. É un afección de tipo xenético, ligada ao sexo, que provoca un alto nivel de ácidos graxos en sangue, o cal soe acabar coa vida do afectado en poucos anos. Pero nese intre os pais de Lorenzo empezaron unha batalla moi cruel e sacrificada. A pesar do pouco que se sabía desa enfermidade e as poucas esperanzas de vida que se lle daba aos pacientes, deixárono todo e dedicáronse en corpo e alma a estudiar todo o publicado ao respecto e, coa axuda dalgún profesional, descubriron que unha determinada mestura de aceites, que desde entón é coñecida como "aceite de Lorenzo", é quen de reducir eses niveis de ácidos graxos en sangue e prolongar así a vida dos pacientes. Experimentaron co seu fillo e funcionou, a proba é que acaba de morrer aos 30 anos de idade. Porén, non funcionou tan ben noutras persoas. Ainda así, ao día de hoxe, o medicamento non foi aprobado para a súa comercialización. A historia desta familia quedou magnificamente retratada nunha película de George Millar, protagonizada por Susan Sarandon e Nick Nolte nos papeis de nai e pai de Lorenzo, no ano 1992. Chamouse "Lorenzo´s oil" e non estaría de máis botarlle unha ollada para coñecer como cando algo nos leva a alma porque é o noso único obxectivo, podemos facer o imposible para acadalo. Mentres, lee o que publica o diario "El mundo" ao respecto este Martes 10 de Xuño.

Lorenzo´s oil

Páxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ | Copyleft