::: Paxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ :::
Ramón Piñeiro
Tras dos seus ollos doentes
Lingua Galega / martes 26 de maio do 2009
 

En 1915 a I Guerra Mundial (que comezara un ano antes) continuaba, Kafka publicaba A metamorfose e Einstein presentaba a Teoría da relatividade. Aínda que, con seguridade de todas estas noticias non tería coñecemento un meniño que naceu o 31 de maio deste ano en Armeá de Abaixo, no concello de Láncara. Era Ramón Piñeiro.

“Tras dos seus ollos doentes, da súa amábel sorrisa e do seu velaíño e calmo, escóndese un dos temperamentos máis fortes de Galicia...” (Luís Seoane, 1971).

“Veleiquí o tedes, esguío, os ollos agrandados polas gafas de grosos cristais, as mans trabadas. Fala pouco. Sabe escoitar a cotío. Pro de vés en vés e sen que nos decatemos, a súa voz discreta i as súas mans expresivas deslíganse do silencio. Entón e cando en nós encomeza o abraio” (Domingo García Sabell, 1967)

En 1990 EE.UU puxo en órbita o telescopio espacial Hubble, a torre de Pisa foi fechada ao público por problemas de seguridade e faleceu en Santiago de Compostela Ramón Piñeiro. Finaba o lúcido ensaísta, o filosófo da saudade, o fundador da editorial Galaxia, o primeiro presidente do Consello da Cultura Galega, o tradutor, o tertuliano que fixo famosa a súa “mesa camilla” arredor da que se xuntaban varias xeracións de intelectuais e políticos... Finaba aquel mozo que impresionou tanto a Otero Pedrayo que non dubidou en afirmar que “era un verdadeiro Erasmo”. Finaba o neno tímido e fantasioso, o precoz lector que descubriu, supoñemos que con ollos marabillados, o tren e a electricidade con sete anos, cando acompañou a seu pai ás festas do San Froilán en Lugo.


Páxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ | Copyleft