::: Paxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ :::
Programación didáctica de EPV
Educación Plástica / mércores 14 de outubro do 2009
 

A materia de Educación Plástica e Visual xunto coa de Música forma parte, dentro do currículo xeral da E.S.O. do que poderíamos denominar ensinanzas técnico artísticas.

De forma xeral e de cara á consecución dos obxectivos específicos e das competencias básicas se propoñen os seguintes obxectivos xerais:

  • A creatividade forma parte meridiana de todo proceso intelectual ou de aprendizaxe e polo tanto é necesaria para unha completa maduración intelectual. Propoñemos a promoción e potenciación da intelixencia creadora mediante a realización de experiencias e traballos nos que a imaxinación sexa o motor que facilite a consecución de resultados artísticos expresivos dotados de emocións e personalidade propia ou de deseños orixinais e innovadores.
  • A visión espacial e tamén parte esencial da maduración intelectual. A interpretación do espazo tridimensional e a súa correcta plasmación nunha superficie bidimensional forman parte do obxectivo de aprender a ver. A análise obxectiva das formas no espazo e a súa correcta representación artística e técnica será un obxectivo central do departamento.
  • As habilidades técnicas e artísticas serán o recurso para a correcta plasmación das propostas creativas ou da representación formal obxectiva. Neste senso se procurará fomentar a destreza na utilización dos materiais e na aplicación axeitada das diferentes técnicas artísticas e de debuxo.
  • A análise crítica das manifestacións visuais, tanto artísticas como técnicas, e de diferentes culturas e épocas históricas como fundamento da creación propia e da elaboración de traballos persoais contextualizando e adaptando a linguaxe a uns obxectivos fixados en relación coa finalidade última do feito comunicativo. Incidirase de forma especial nas expresións artísticas e técnicas que lles son propias. As novas tecnoloxías serán aplicadas na creación de traballos para familiarizar ao alumnado coas novas técnicas e programas informáticos de creación audiovisual e multimedia.
  • A preparación para abordar estudos ou actividades posteriores e afrontalos con éxito, no relativo aos coñecementos destrezas e habilidades propias da materia. Unha sorte de propedéutica que facilite ao alumnado a integración en diferentes actividades profesionais ou nas distintas opcións educativas ás que poden acceder ao rematar a ESO.
  • A transversalidade, a atención á diversidade e a humanidade como eixos de actuación para fomentar no alumnado unha visión integradora, cívica e global do feito educativo dentro do marco social no que se integra o proceso. Trátase de que, partindo sempre dunha conciencia crítica, se formen como individuos responsables e consecuentes nun marco óptimo de convivencia e cooperación construtiva que defina intereses, motivacións e esforzos.

Podedes descargar a programación completa nesta ligazón:

PDF - 163.5 KB

Páxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ | Copyleft