::: Paxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ :::
Uxío Novoneyra:
O poeta do Courel
Biblioteca / martes 18 de maio do 2010
 

En 1930 naceu en Parada de Moreda na serra do Courel Uxío Novoneyra, que co paso dos anos se convertería no cantor destas montañosas e fermosas terras situadas no sureste da provincia de Lugo que rega o río Lor e os seus afluentes.

Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home.

Hai unha profunda identificación entre o poeta Novoneyra e a súa terra, ata tal punto que en moitos dos seus poemas paisaxísticos podemos atopar unha fusión coa natureza que lle outorga un particular e orixinal acento propio: é o canto do poeta en soidade ante a natureza. De feito, así o indica na nota inicial que abre o seu libro máis coñecido, Os eidos (1955):

“As verbas deste libro son verdade nas terras altas e soas do Caurel”

Ler Os eidos (o seu primeiro libro, publicado en 1955) é achegarse a natureza das terras montañosas do Caurel, ricas en fragas e devesas, con altos montes (O Pía Paxaro, Lucenza, Montouto) onde a neve se pousa ata o verán. Ler Os eidos é sentir a presenza do lobo (“O lobo! Os ollos o lombo do lobo!”), pasear polas súas fragas e devesas, sentir o canto dos paxaros no “bicarelo do bico do brelo”, beber as claras augas das fontiñas do Carabel e da Lameira (“Boa terra que dás agoa/ e tes ágoa nas entranas”)... Ler Os eidos é penetrar na peculiar fala courelá, aprender que o “bicarelo” é “a puntiña máis alta” e a “barbaña” a “chuvisca “...

Por todo iso, e por moitos motivos máis, dende a biblioteca queremos convidarvos a abrir Os eidos e ler un dos seus poemas... porque a mellor homenaxe a un poeta é lelo. E, se despois tedes interese en coñecer mellor o Courel e ao seu poeta podedes visitar algunha destas páxinas:

http://gl.wikipedia.org/wiki/Serra_...

http://gl.wikipedia.org/wiki/Ux%C3%...

http://www.diadasletrasgalegas.com/...

http://www.youtube.com/watch?v=K8_j...


Páxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ | Copyleft