::: Paxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ :::
Novembro, tempo de Magosto e... libros de medo
Biblioteca / luns 15 de novembro do 2010
 

Vimos de “desmontar” a exposición na biblioteca de libros de medo que organizamos aproveitando a celebración do Samain. Pero... que vén sendo isto do Samain? O Samain é unha festa irlandesa documentada en relatos mitolóxicos e épicos durante a cal se se suprimían todas as barreiras entre este e o outro mundo, permitindo aos espíritus (benignos e malignos) pasar dun ao outro. Era unha festa de peche do ano transcorrido e de apertura do próximo, mais tamén unha festa na que se celebraba a fin da colleita. Durante esta festa era costume baleirar nabos e posteriormente cabazas (tamén chamados cabazos, calacús, xa que todos estes nomes se utilizan para referirse a esta planta da familia das cucurbitáceas) que se enchían cunha candela, probablemente para afastar ás ánimas en pena. Esta tradición foi levada polos irlandeses a Estados Unidos durante o século XIX e o XX e deu lugar ao Halloween (palabra que procede do inglés All Allow’s Eve, é dicir véspera de Todos os Santos) e ao seu famoso trick or treating, as festas de disfraces, as bromas, etc..

Hai xa uns anos Rafael López Loureiro, mestre en Cedeira, descubriu que en Galicia existía o costume de baldeirar cabazas e enchelas cunha candea e divulgou por numerosos lugares de novo este vello costume, dando lugar á xa famosa festa do Samaín en Cedeira e mesmo á súa popularización e celebración noutros lugares. Mais o outono en Galicia é tempo, sobre todo de castañas e de Magosto, é dicir desas xuntanzas para asar castañas que se adoitan celebrar entre a segunda quincena de outubro e a primeira de novembro, aínda que tradicionalmente se celebraban o 1º de novembro ( agás en Ourense onde ten lugar o 11, día de San Martiño). En Galicia, terra de grandes soutos, a castaña sempre tivo unha grande importancia, sendo o alimento básico ata a chegada da pataca de América (de onde tamén veñen as cabazas, por certo). O carácter festivo desta celebración está presente en expresións como “facer o Magosto”... E que vos vou contar dos numerosos refráns sobre este: “ As castañas do castiñeiro hainas que asar no asadeiro” ou “Se o mes de agosto vén claro, bo magosto e bo nabo; se vén nubrado, poucas castañas e nabos furados”.

Se queres saber máis:

http://gl.wikipedia.org/wiki/Sama%C3%ADn

http://vello.vieiros.com/vieirosdaescola/index_10.html

http://gl.wikipedia.org/wiki/Magosto

Esqueciamos dous libriños que vos queriamos recomendar se estades interesados nestes temas: As festas rituais de Galicia publicado na editorial Lóstrego e o conto de Risco “O lobo da xente” (un conto de lobishomes ambientado no outono... ben de lobishomes mesmamente non, pero non dicimos máis para non “estropear” a fin). Por certo na biblio, tamén atoparás a versión en cómic deste último, realizada por Xosé Manuel Moxom. E moitos, moitos, moitos máis libros de medo... Felices lecturas e feliz mes de novembro!


Páxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ | Copyleft