::: Paxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ :::
Lembrando a Francisco Fernández del Riego
Lingua Galega / domingo 28 de novembro do 2010
 

Don Paco del Riego, así era como lle chamaban moitos, finou o venres 26 de novembro de 2010 aos noventa e sete anos no seu domicilio en Vigo. Don Paco, un dos máis destacados intelectuais galegos do século XX, cultivou o ensaio (Historia da literatura galega, 1951; Galicia no espello, 1954, Dicionario de escritores en lingua galega, 1990; A xeración Galaxia, 1996; Escritores de Portugal e do Brasil, 1984, etc.), a narrativa (O cego de Pumardedón, 1992), a literatura de viaxes (As peregrinacións xacobeas, 1983; Galicia, 1994) e o artigo xornalístico. Escribiu biografías (Anxel Casal e o libro galego, 1983) e elaborou dúas coñecidas antoloxías poéticas (Do dezanove ós continuadores, 1976 e Do posmodernismo aos novos, 1980). No ano 2004 publicou na editorial Galaxia (que el contribuirá a fundar nos anos 50) as súas memorias baixo o título de Camiño andado.

Entre o ano 1997 e o 2001 dirixiu a Real Academia Galega, institución na que ingresara en 1960 cun discurso titulado Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores. Foi tamén director da Biblioteca da Fundación Penzol.

Recibiu numerosos galardóns (Premio Trasalba, Premio Pedrón de Ouro, Medalla de Ouro da Cidade de Vigo, etc..) e foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.

Foi un activo dinamizador cultural que non se limitou a divulgar a literatura e a cultura galega, senón tamén a crear empresas e iniciativas vencelladas con esta: a editorial Galaxia, a Fundación Penzol ou a revista Grial da que foi o primeiro director.

Queriamos rematar esta lembranza cun famoso e fermoso verso do poeta latino Tibulo (“et bene discedens dicet placideque quiescas, terraque securae sit super ossa levis” o que traducido vén a dicir “e marchando dirá: que descanses ben e con tranquilidade, e que a terra che sexa leve sobre os ósos, ben resgardada”. Mais, mirando a fotografía de don Paco, lembramos o discurso na recepción do Pedrón de Ouro do seu grande amigo e case veciño Álvaro Cunqueiro (Fernández del Riego naceu en Lourenzá e Cunqueiro en Mondoñedo) no ano 1980 e pensamos que quizais a don Paco lle gustaría que acabásemos este breve texto cun parágrafo deste. Dixo Cunqueiro: Se de min algún día, despois de morto, se quixera facer un eloxio e eu estivera dando herba na Terra Nosa, podería dicir a miña lápida: “aquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”.

Se queres saber máis:

http://www.prazadasletras.org/letras/autores/autor/249/francisco-fernandez-del-riego

http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=FraFern%E12&alias=Francisco+Fern%E1ndez+del+Riego

http://gl.wikipedia.org/wiki/Francisco_Fern%C3%A1ndez_del_Riego


Páxina Web Oficial do CPI San Sadurniño - Feita en linux con software libre - Recomendamos o navegador Firefox a 800X600+ | Copyleft